mércores, 7 de outubro de 2015

FRONTEIRAS



Por Pepe de Rocaforte
            Alain Tanner é un director de cine suízo, tal vez o máis importante, xunto con Claude Goretta, da cinematografía helvética. Entre nós é coñecido sobre todo pola súa película, do ano 1983, “Na cidade branca”, onde Lisboa adquire un protagonismo estelar dentro desa historia dun mariñeiro chegado ó porto lisboeta en busca de non sabe o que, pero que é na cidade do Tejo onde lle parece ver a posibilidade de o atopar.
            Anos despois, en 1998, Tanner rodaría outra fita en Lisboa, “Requiem”, baseada na novela de Antonio Tabucchi, pero o resultado non acadou as cotas de calidade da anterior.
            Nestes días acabo de rever unha das películas que mellor impresión me produciron entre as do director suízo, “Terra de ninguén”, de 1985. Véndoa tróuxome á cabeza o tema das fronteiras. Fronteiras de todo tipo; en boa medida, tamén, as fronteiras entre países.
            Neste filme de Tanner a historia xira sobre unhas personaxes que “se buscan a vida” arredor da fronteira franco-suíza, o cal lle dá pé para mostrar toda unha reste de negocios ilegais alimentados por esas barreiras, tantas veces artificiais, que fan medrar en torno a elas o contrabando, o paso de inmigrantes sen papeis, a busca de impunidade para xente perseguida pola lei, o tráfico de divisas, o cruce de coches roubados para, unha vez convenientemente maquillados, ser vendidos no país do lado, etc.
            Todo eso fíxome pensar na posibilidade dun próximo establecemento de fronteiras entre Cataluña e o resto de España. Tal vez, no caso de se producir a independencia catalá, a creación da fronteira non conleve a aparición dese tipo de delitos. Seguramente non. Pero o que se me fai máis costa arriba é que esa posible separación sexa alimentada pola insensatez duns políticos, tanto os dun lado como os do outro, que se dedican a xogar alegremente cos sentimentos máis primarios dos cidadáns.
            Por outra parte fáiseme custoso entender a aparición de novas fronteiras, cando a tendencia máis lóxica, sobre o papel, é a que nos leva cara á súa supresión. Agora mesmo arredor de nós xa nos pode suceder, como a min me sucedeu non hai moito, de pasar dun país a outro e decatarnos só ó parar nunha area de servicio para tomar un café e ver que compría pagar nunha moeda distinta.
            Certo que, en cambio, contra esta apertura, está máis ó día a obstinación en lle pechar as portas do noso presunto paraíso a cantos foxen da miseria e da barbarie tantas veces producida ou encirrada por nós mesmos, e vemos, perplexos e asombrados, as informacións televisivas sobre os intentos por parte de tantos africanos desherdados da fortuna para pasar a Ceuta e Melilla, ou atravesar o Mediterráneo en balsas pneumáticas,  ou as máis recentes avalanchas de millares de fuxitivos sirios nas portas de entrada a esta Europa insolidaria, encastelada na defensa dun sistema que concentra a riqueza nuns poucos e estende a pobreza e a miseria a capas cada vez máis extensas do resto da poboación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario