xoves, 8 de febreiro de 2018

NOVOS APUNTES MARIANOS



Por Pepe de Rocaforte

            Cando o outro día facía un comentario sobre o que se me ocorreu denominar as “Virxes Nacionalistas”,  acordeime dun par de casos relacionados coa Virxe María, que non me resisto a referir hoxe. O primeiro situado no Cairo, cidade xigantesca e caótica onde podes pasar de marabillas como a Cidadela de Saladino e a Mesquita de Alabastro, á incrible Cidade dos Mortos, un enorme cemiterio reconvertido en residencia de vivos instalados entre sepulcros e panteóns de defuntos. 
            Outro lugar incrible da capital de Exipto é o barrio copto. Non sei se é unha impresión equivocada, pero cando para entrar naquel labirinto de rúas estreitas e arrevesadas, despois de pasar un control policial, ter que baixar unhas escaleiras e meterme por un túnel para acceder a el, deume toda a impresión dun gueto onde as murallas que o rodean parecen servir, non de protección, senón para manter illados do resto de exipcios non musulmáns ós habitantes daquel lugar pouco afortunado. 
            No barrio copto encóntrase a igrexa de San Serxio e Baco, construída (seica) sobre a cova onde viviu “Xosé o Carpinteiro” e familia durante o seu exilio en Exipto. Desta estancia cairota a única información aparece no Evanxeo de Mateo: «O anxo do Señor apareceulle en soños a Xosé e díxolle “levántate, colle ó neno e a súa nai e fuxe a Exipto, e estate alí ata que eu che diga. Porque Herodes vai buscar o neno para matalo”. El levantouse, colleu ó neno e á súa nai e retirouse a Exipto; e alí estivo ata a morte de Herodes». 
            Sobre esta única fonte a tradición levantou toda a historia e mesmo o lugar de residencia, hoxe venerado polos fieis e visitado polos turistas. Non está mal.



            O segundo caso lévanos a Turquía, a outro centro de atracción turística: as ruínas de Éfeso, lugar de obrigada visita se a un lle cadra de andar por alí preto. En Éfeso encóntrase a casa onde (seica) viviu a Virxe María, acompañada polo evanxelista San Xoán, e contan algunhas tradicións que alí lle chegou a hora da morte. E, loxicamente, a da súa asunción ó ceu, supoño.
Debo confesar que non visitei esa casa, ía máis interesado en ver os restos do templo de Artemisa, unha das sete marabillas do mundo antigo, da que só quedan hoxe un par de columnas nin sequera enteiras. Pero posteriormente busquei información sobre a morte da Virxe e souben que a tradición católica estima que a subida de María ó ceu sucedeu en Xerusalén, no sitio onde hoxe se venera o Cenáculo e en tempos de Cristo se celebrou a Derradeira Cea. Hai opinións para un gusto e para outro.
Como tamén hai opinións que non aceptan o da asunción de María ó ceu. Seica na Biblia non aparece ningunha referencia a tal cousa, pero como di un experto nas Sagradas Escrituras, don Jesús Urones Rodríguez: “tamén é certo que se a Biblia non menciona este dogma, tampouco hai nada nela que o contradiga, o cal demostra que a Asunción de María é totalmente lóxica e posible”.
E a partir de aquí prometo non volver sobre o tema mariano.

sábado, 3 de febreiro de 2018

Unha profesión con futuro



                      O problema é sempre o mesmo, anticiparse ó que o mercado laboral vai demandar e a nós nos vai gustar, e para os centros educativos ofertar algo que atraia a cobiza dos estudantes. Por iso nos sorprendeu a noticia de que unha universidade turca vai impartir un curso de diplomacia para tratar con extraterrestres. Co difícil que debe ser.
     Se para alguén do bacharelato xa non é doado escoller entre ciencias ou letras, ou aínda a maiores, cando ha de decidirse sobre un abano de materias que serán a base dos seus estudios universitarios, non me imaxino a un adolescente tendo que decidirse entre unha carreira de andar por casa ou unha con visos interestelares. Nós, que malamente sabemos tratar cos veciños de escaleira, canto máis cuns tipos de quen, a día de hoxe, non sabemos nin onde teñen as orellas. Pero en fin, ¿quen ía pensar hai menos de douscentos anos que a profesión de mecánico sería unha das máis demandadas?. Así que, a esta outra tamén lle auguro moito futuro por diante, pero ollo, porque non se trata de escoller o que desexan agora, senón o que van querer, desfrutar e amar para o resto das súas vidas, e falar con descoñecidos de pintas raras non vai ser moi doado. O mesmo Xulio, que disto sabe un pouco, nunca sabe que aconsellarlle ós fillos e netos dos nosos amigos.

     Por iso a ocorrencia desa universidade turca ofertando un curso en “Ufoloxía e Exopolítica”, dado que, segundo os sesudos catedráticos que elaboraron o currículo, moi axiña será unha das profesións máis demandadas, crea en nós toda unha restra de dúbidas, e o primeiro que se lle ocorre preguntar a Xulio é onde vai facer o alumnado as prácticas. Moncho di que non vai ser necesario deixar este mundo para practicar o trato con extraterrestres.
     O profesor titular de tan prometedor curso, Erhan Kolbasi, para quen con total seguridade todos os licenciados sairán cun contracto de especialistas en diplomacia interestelar baixo o brazo, asegura que en non máis de quince anos, segundo os seus cálculos, vai haber un contacto entre as dúas civilizacións, e será o maior encontro (¿ou encontrón?) da historia da humanidade. Tanto é así que, como adianto das moitas marabillas que nos agardan, o mesmo profesor asegura que tecnoloxías como a fibra óptica, o microchip ou os aparellos de visión nocturna, foron eles, e non os currantes de Silicon Valley, quen nolos facilitaron, xa porque os deixaron ó noso alcance ou porque lle quedaron nalgunha nave avariada, abandonada ou escachizada tras un mal aterraxe co fin de irnos poñendo á súa altura. Tamén apuntou o profesor Erhan, que hai distintos grupos traballando no asunto, tal unha especie de axentes secretos, coñecidos como os “Homes de negro”, que acotío visitan a todo aquel que tivo algún contacto con ovnis e extraterrestres, un grupo que xa foi creado polo presidente Truman baixo o nome de “Majestic 12” (MJ-12), para ir recompilando os datos a que este profesor ten acceso e agora poñerá a disposición do alumnado que pague a matrícula.
     O curioso é que este señor Erhan, vicepresidente dun tal Centro de Ciencias do Espazo, a pesar de levar oito anos traballando en temas relacionados, non sabe dicir con quen contactarán primeiro os alieníxenas, se con Trump, que é quen de poñerlles un muro diante dos nefres, con Kim Jong-Un que ben pode mandarlles un mísil en canto pidan pista para aterrar ou con algún líder europeo que os reclúa nun campo de concentración para refuxiados.
A diplomacia con extraterrestres, sen dúbida unha profesión con futuro para cando os ETs se decidan a estreitarnos a man, non vai ser doada.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición Barbanza de La Voz de Galicia)

xoves, 1 de febreiro de 2018

COINCIDENCIAS



Por Pepe de Rocaforte
            Nun destes días de atrás conversaba sobre viaxes cuns novos amigos e ó me preguntaren se coñecía algo de África, caín por forza nas lembranzas do servicio militar e falamos un pouco do meu paso por terras do sur de Marrocos.
            Acababamos de abandonar o tema cando nos encontramos con outro amigo, este xa de vello, que me di de entrada: ¿Sabes que viña pensando en ti e acordeime de cando volviches de África, do servicio militar, e participamos os dous nunha carreira de 5.000?... Despois a conversa xa seguiría por outros camiños.
            Non pasa unha semana desto cando outro amigo me manda un WhatsApp con información sobre unha exposición recén inaugurada en Barcelona, “Ifni. La mili africana dels cataláns. E no mesmo día chégame outro WhatsApp dun vello amigo que vive en Barcelona pasándome a mesma información.
            Home, a cousa pode ser normal, pero non me negaredes que cando catro veces se che presenta o mesmo tema, non moi habitual na túa vida de hoxe, non deixa de resultar curioso.
            Outro caso: o venres pasado falando de lecturas recentes confesáballe a un amigo a miña “adicción” a Lobo Antunes máis alá da temática das súas novelas, ganado, hipnotizado polo ritmo envolvente da súa prosa, polas súas espirais narrativas que poden parecer voltas e voltas ó mesmo, pero son outra cousa sempre en variación e ascenso. Como diferente é a súa evolución temática, desde os primeiros textos, dominados pola presencia da guerra colonial (Daquela, creo que era António Viana quen mo comentaba, todos os portugueses de entre vinte e corenta anos levaban debaixo do brazo un manuscrito coas súas vivencias bélicas en África. El mesmo, segundo me confesaría Maria Antónia Fiadeiro, a súa esposa, escribira a súa novela da guerra, entón aínda inédita e non sei se agora publicada ou lista para incrementar os fondos da Biblioteca de Orixinais Rechazados, da cal falei aquí non hai moito).
Volvo a Lobo Antunes. Desde os seus primeiros temas: a guerra colonial, a perda da muller, unha certa aproximación á militancia política clandestina, a soidade buscada e refugada a un tempo, o achegamento a ese mundo periférico que se move na órbita dos hospitais psiquiátricos, sempre para min o importante non foi o asunto, senón a súa maneira de escribilo, o modo aparentemente caótica de facer avanzar o relato, ás intrusións de parágrafos sen relación evidente co parágrafo inicial, a insistencia hipnótica para envolver ó lector e apreixalo na súa música, música que podía ir do Jonh Coltrane citado nalgún dos seus primeiros textos ó Xoán Sebastián Bach que a min hoxe me vén á cabeza cando me enfrento a un libro seu.
            E todo esto contábao un día antes de ler en “La Opinión” un artigo de Fernando Ontañón, “Palabras literarias”, onde fala do “pracer de ler polo simple feito de sentir o ritmo que o escritor é capaz de lle imprimir ás súas palabras”, moito mellor expresado que como eu sabería facer. ¿Non é eso outra curiosa coincidencia?