luns, 5 de outubro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (91)

                     Músicos uruguaios de xinea galega

O curmán de Undochán

     

      

Na recuada crónica 6 falábamos de Soliño e dos Collazo. Hoxe tornamos a eles e máis a outros autores con algo de galego, centrados, pois, na música, quer popular, quer académica. Apenas daremos un pantallazo sobre os irmáns Juan Antonio (1896-1945) e Ramón Collazo Patalagoity (1901-1981), fillos do galego Antonio e de nai basca. Do primeiro, morto aínda novo, quedounos un conxunto de músicas imperecedoiras, tales os tangos Niño bien (1927) e Garufa (1928). Canto a Ramón, moito máis cercano a nós, pianista e compositor, a máis de animador, con Soliño e Fontaina, da “Troupe ateniense” (1922, organizada ao abeiro do Club Atenas de baloncesto, de 1918), foi recoñecido dándolle, segundo dixemos, o seu nome ao Teatro de Verano montevideano.


            Entre outros compositores da chamada música típica rioplatense poderíamos citar, de pasada, a Enrique Saborido (1877-1941) ou ao director Francisco (Panchito) Maquieira Sobreira (1903-1977), “El Bandoneón Oriental”. Varios destes músicos eran ao tempo letristas, quer dicir, autores que, sen chegaren á categoría de poetas full time, deixaban a sua inspiración literaria gardada ou envolvida na arca ou artesa da música, e son frecuentemente ignorados, por ser a melodía o máis envolvente e memorizábel. (Así pasa co poeta uruguaio Romildo Risso -1882-1946-, autor de “Los ejes de mi carreta”, universalmente coñecido na sua versión de milonga cantada por Atahualpa Yupanqui).

     

             Outro protagonista musical e popular montevideano foi, ata estes días da man do seu fillo, Carlos Goberna (1940) quen, con Óscar Ruben Bosolasco Leis (a) Óscar Leis (1941), crearon (1964) o conxunto melódico de ares tropicais Sonora Borinquen (acaso algo emparentada cos Lecuona Cuban Boys que, na sua xira  de 1941, estrearan “Carnaval del Uruguay”, do seu director A. Oreffiche, un clásico desde aquela), sonora que temos gozado actuando na rua, a recorrer a xeografía urbana dacabalo dun camión. Goberna, con ese apelido típico da bisbarra viguesa, foi nomeado Ciudadano ilustre de Montevideo e ten un dos soles chantados no pavimento da peatonal Sarandí, entrada da Cidade Vella.

           Dando un salto mortal nos xéneros musicais, vaiamos agora á música clásica ou académica que, despóis de varios maestros de orixe italiana (tales Giribaldi, Sambucetti, Fabini, Ascone…), deu, no século pasado, a figura de Héctor Tosar Errecart (1923-2002, outro galego-euskaldun, neto de galego), considerado o máis importante compositor da segunda metade do XX.


Antes del houbera un León Ribeiro Freire (1854-1931), neto dun portugués Freire de Andrade, ou un José R. Usera Temes (1867-1938, tal vez tamén neto), autor da patriótica e clásica marcha “Mi bandera”, de bela melodía. E un pouco máis acá deste, o case ignorado Alejandro Peñasco Martínez (1914-1979) que, sen antecedentes galegos coñecidos, deu en compor “Tres canciones sobre poemas galaico-portugueses del siglo XIV” que lamentamos non ter ouvido.

            Cómprenos citar, como remate, o caso de Bernardo Freire (1894-1983), músico cedeirés que, no seu medio século de radicación neste país, foi director de duas formacións, a Banda Municipal de Montevideo (1953) e o primeiro da Orquesta Sinfónica da AUDEMAsociación Uruguaya de Músicos- (1956), quen acabou voltando á vila natal.

 

Frase non tan extemporánea: “Yo era el pianista de tal audición [radio Ariel, Airiños da miña terra, 1935-1937] y me sentía completamente feliz de entrar en contacto con la música popular gallega, arcaica, deslumbrantemente pura y hermosa en su casi incambiada raíz primitiva. Muiñeiras, pandeiradas, los dulces y emotivos alalás, todo me emocionaba al extremo y me hacía deplorar no haber sido gallego para trabajar sobre ese riquísimo y casi virgen material. Siempre pensé que a los gallegos les hace falta un Manuel de Falla para que su música diga su voz por todo el mundo. En esa época aprendí a querer como si fueran mías la poesía y la ternura del pueblo gallego.” (1978, Jaurés Lamarque Pons, 1917-1982).

 

sábado, 3 de outubro de 2020

Mentres fermenta o mosto


Xa o di a sabedoría do refraneiro: Con pan e viño ándase o camiño. Sen embargo nunca ó pan se lle cantou tanto como ó viño. Deberían ser inseparables, pero ninguén sae a dar unha volta para tomar un codelo, senón unhas cuncas (en plural) e xa todos sabemos que levan elas. O sabio Isidoro de Sevilla deixou escrito algo tan acertado como que toda comida necesita de dous elementos fundamentais, pan e viño; e de feito non pode haber mesa en que falte unha das dúas cousas, talvez por iso se converteu en norma de cortesía, cando nos invitan, agasallar ós anfitrións cunha botella de viño. E por que non un molete?. O meu amigo Afonso, cada vez que entra na casa pregúntame “Que viño tes?, e Xoán bérrame desde a porta da súa: “Vén tomar un Barrantes”. Nin un nin outro pregunta ou invita a un anaco de pan.

Aínda que nalgúns lugares poden ir con atraso, a estas alturas do ano xa se fixo a vendima e os pipotes están fermentando o mosto con ollos esperanzados. Don Antonio Fraguas lembraba, a través dos versos de frei Samuel Eiján, que a colleita de uvas asegura pan abundante e plans de opulencia, por iso se canta durante a vendima, ó finalizar a mesma e, sobre todo, cando se cata o produto final. Tamén di frei Samuel que o froito da vide “extingue alarmas e temores e promove o vivir tempos mellores”; e de feito o viño acababa por ser a moeda con que mercar o resto de bens necesarios. O tío de Xulio regaláballe ó médico da súa vila un pipote cada ano, para ter garantida unha atención preferente. Nunca lle regalou pan nin o doutor llo aceptaría.


Por algo sería que os romanos, para quen eran pobos incultos aqueles que non coñecían o viño, cando celebraban neste mes de outubro a deuses relacionados coa medicina e a saúde, tiñan uns dias para festexar o final da vendima en honor de Meditrina, protectora das vides e favorecedora da cura das enfermidades, ofrecéndolle o primeiro mosto co ritual de beber viño novo mesturado co vello mentres recitaban o salmo: “Bebo viño vello, bebo viño novo, e así curo das enfermidades vellas e das enfermidades novas”; non en van, de sempre, o viño quente foi un dos remedios máis eficaces contra os trancazos invernais. E xa vos imaxinaredes por que ás sopas de burro cansado se lles chama así. Segundo din os sabios da miña vila, “uvas ou viño sen pan nin no inferno o dan”, pero xa vedes como un gaña fama e o outro vai pasando. De tan apreciado hai quen se emparenta con el facendo do branco seu primo e do tinto seu curmán, hai quen bebe para matar penas e quen o fai para avivar a alegría El foi o primeiro grande descubrimento despois do diluvio universal e o máis antigo antiséptico da historia.

Non imos facer unha glosa de bebida tan apreciada polo cego de Lázaro de Tormes, quen despois de romperlle a cara co xerro ó seu pupilo, lamentaba ter que gastar tanto viño en curarlle as feridas.

En fin. Vou tomar unha cos amigos. Un sempre sabe a que hora é a cita para esta cura da alma pero non cando acaba. Os parladoiros entre cuncas sempre se alongan en función do que dure a xerra, non do asunto a debater. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia) 


xoves, 1 de outubro de 2020

VOLTA Á ILLA DOS MORTOS

Por Pepe de Rocaforte


 Leva xa uns días nas librerías a reedición de “Catro cartas”, libro de Xabier P. Docampo, publicado por primeira vez no ano 2000, que segundo a información de “Edicións Xerais”, editorial que o publica agora, «son mensaxes de amor arredor da lectura. Cinco pretextos para compartir ese mundo marabilloso da literatura, a palabra, a ficción...»

Esta información fíxome lembrar doutro libro de Xabier, saído á luz despois da súa morte, sobre o cal tivera o primeiro coñecemento hai preto de catro anos nunha exposición de Xosé Cobas no Kiosko Alfonso, onde figuraba unha ilustración para o libro “O pintor cego”, entón aínda inédito. Falei entón con Xabier pensando que con ese título se referiría ó pintor portugués Antonio Guimarães, “Guima”, a quen eu coñecera nos anos oitenta con motivo dunha exposición súa en Caixa Galicia, a segunda que facía na Coruña. A anterior fixéraa en 1961, na Casa da Cultura, cando aínda non quedara cego.

Non era así, Xabier nin coñecía a Guima nin oíra falar del, e máis tarde, vista a historia referida no seu libro, puiden comprobar que o conto do escritor de Rábade non tiña relación ningunha coa persoa de Antonio Guimarães, á parte de o protagonista do texto ser tamén un pintor cego.

Outra equivocación cometina na presentación do libro cando se me ocorreu dicirlle a Xosé Cobas que a reprodución do cadro de Arnold Böcklin “A illa dos mortos” non me parecía a elección máis axeitada para representar o lugar a onde a raíña namorada levaba ó seu amado pintor. O simbolismo do cadro de Böcklin, o seu clima onírico, produce no espectador unha impresión estremecedora, resaltada polos cipreses, árbores fúnebres por antonomasia, e sobre todo por ese mar liso, inmóbil, sobre o cal a barca que se dirixe á illa esvara sen deixar ronsel. A sensación que produce no espectador ese ambiente onírico, cos dous viaxeiros vistos de costas levando un cadaleito na proa da embarcación, resulta cando menos inquietante.

Tanto o cadro, como o lugar que lle serviu de inspiración ó pintor, na miña opinión a illa de Sveti Dorde, nas Bocas de Kotor, á cal por certo non atopei ningunha referencia como posible modelo en ningún dos sitios onde recadei información sobre o particular, non deixan indiferente ó viaxeiro.


Non sei se Böcklin visitou ou non esas paraxes montenegrinas, pero, se non o fixo, ben se puido encontrar con alguén que por alí andara e lle fixese unha descrición, ou mesmo lle debuxase un esbozo das illas de San Xurxo e Nosa Señora das Rochas (Gospa od Skrfpjela). Cando pasei por alí non tiña aínda información do cadro (cadros, mais ben, pois fixo cinco versións do mesmo tema) do pintor suízo, pero o lugar produciume unha sensación moi profunda, e máis cando souben que na illa de San Xurxo se edificara un mosteiro no século XII e había un cemiterio no cal, ata fins do século XVIII, se viñera enterrando a xente da nobreza de Perast, a vila que se atopa frente ás illas, desde onde fixen unha colección de fotografías, das que acompaño estas dúas, unha desde o sudeste e outra desde o suroeste. E foi mágoa non telas fotografado tamén desde o norte, a parte por onde pasara aquela mesma mañá, pero ¿quen sabe se  tal vez se me presenta outra ocasión para o facer? Se alguén quere observar as posibles similitudes entre os cadros e as fotos pódeo mirar aquí

E xa que comentei a posibilidade de que Böcklin falase con alguén que o informase sobre as insuas das Bocas de Kotor, non me resisto a referir unha anécdota que me contou Pepe Mondelo. A historia seica foi relatada por Walter Benjamin, quen di que Arnold Böcklin, seu fillo Carlo e o escritor Gottfried Keller tiñan en Munich unha tertulia coñecida como a dOs Parcos. Aqueles homes adoraban o silencio e disque un día, na taberna onde se reunían, Carlo dixo: “¡Vaia calor!”. Despois duns quince minutos comentou Arnold: “Non circula nada de aire”. Transcorrido outro pouco tempo Keller levantouse e exclamou: “¡Non quero seguir bebendo entre charlatáns!”.

Non sei quen dixo que saber cando un debe calar é unha habilidade difícil de acadar. Tardamos tres anos en aprender a falar e a veces non nos chega toda a vida para aprender a estar calados. E así nos vai.