xoves, 8 de outubro de 2020

VIAXES DE TURISMO

Por Pepe de Rocaforte


Conversaba non hai moito cunha compañeira con quen coincidín nalgunhas viaxes de turismo e tanto ela como eu botabamos de menos esas ocasións en que, por un escaso tempo e en aventuras planificadas para non deixar marxe a unha mínima variación, escapabamos á monotonía da vida habitual. Agora esta pandemia, con trazas de non nos abandonar ata quen sabe cando, tennos afastados desas breves escapadas, que tanto nos axudaban a nos resignar na repetición destes días sempre iguais un detrás doutro.


Así e todo, para non magnificarmos excesivamente as nosas aventuras viaxeiras, contoume esta amiga a súa, de momento, última excursión, feita polo nordeste da India hai xa varios meses. Unha viaxe seica decepcionante por todos os conceptos, xa que  en todo o traxecto case non baixaron do autobús en que facían o percorrido máis que para comer e durmir, por causa, segundo lle explicaron, da perigosidade dos lugares por onde circulaban.

“Dábame a impresión”, díxome, “de estar sentada na casa vendo reportaxes a todo color de percorridos a través do mundo nunha emisora de televisión desas dedicadas unicamente a ofrecer preciosas gravacións viaxeiras; pero no meu caso papando calor a mazo e sen a comodidade de estar no sofá da miña sala”.

O tema da excursión pola India tróuxome á memoria un dos meus maiores desexos xuvenís, fomentado particularmente polas aventuras de “Kim”. A lectura daquela historia das correrías do rapaz acompañando ó Lama a través dun país para min incrible, afastado e exótico, proporcionárame na adolescencia moitas horas de pracer.

Na novela de Kipling había un momento que me emocionaba particularmente: o de cando o vello lama se despedía e emprendía pé ante pé a súa viaxe solitaria cara ás montañas cubertas de neve perpetua, camiño do Himalaia, e Kim quedaba ás súas costas, parado, inmóbil, os ollos cravados na figura fraca e desprotexida do santón que pouco e pouco se perdía de vista na distancia.

De volta na casa busquei no libro esa pasaxe, pero nun primeiro repaso non a atopei, ¿inventaríaa eu tal vez? Vin en cambio este fragmento que traduzo libremente da versión castelá de Juan I. Croselles: «Sentouse o lama á beira do precipicio, entretido en deixar caír pedriñas ó abismo. Frente a eles, a trinta millas de distancia, a voo de paxaro, alzábase a cordilleira cuberta de manchiñas verdosas, que en realidade eran enormes bosques, cada un dos cales precisaba para atravesalo varios días de marcha. Por detrás da aldea, a montaña de Shamleg cerraba toda a vista polo Sur. Parecíalle estaren sentados nun niño de cirrios situado so o aleiro do tellado do mundo».

Despois de tales lembranzas xuvenís, ¿que frustración non sentiría eu de ter feito unha viaxe por terras da Bengala Occidental, por exemplo, e sucederme algo parecido ó que lle sucedeu á miña amiga?

Acordeime entón de como os viaxeiros se consideran, en relación cos turistas, e poñen toda a énfase en marcar as distancias con quen, como escribía Yasunari Kawabata en “País de neve”, non fan máis que chegar e emprender a marcha ó día seguinte. ¿Onde quedan, para un turista, aquelas miñas aspiracións de rapaz, as selvas que soñaba eu con explorar ó longo do Congo, ou do Nilo Azul, ou do Amazonas? A estas alturas xa vin claramente que a única travesía selvática coa que me terei que contentar é coa que nunha visita ás ruínas de Palenque me ofreceu o guía, de volver por un camiño “na selva” desde os templos maias ata o lugar onde nos esperaba o autobús que nos levara ata alí. Cousa de media horiña de paseo, meu querido Stanley. Ou Livingstone. Ou Serpa Pinto.

E deamos gracias, porque de non ser por ese sistema que nos ofrecen as axencias de viaxes tampouco, eu polo menos, me podería mover da casa.

 

martes, 6 de outubro de 2020

A cruz viradoira de Borneiro


   

O clima é algo tan imprevisible que a ansia de todos nós foi sempre adiantarnos ó que o tempo trae; e máis aínda, se fose posible, controlalo. Pero, como isto é cousa que só as divindades poden atender cando elas queren, desde antigo vimos facendo rogativas, procesións e novenas para pedir a auga que falta ou o sol necesario.

Así, mentres noutros lugares son os santos os protectores e benfeitores das necesidades dos fregueses, os veciños de Borneiro, no concello de Cabana, descansan este labor nun cruceiro que teñen na marxe esquerda da estrada en dirección á igrexa. E cando os veciños desta parroquia, rica en vestixios arqueolóxicos, co seu dolmen de Dombate e o castro da Cibdá, necesitaban que o vento viñese dunha dirección determinada, para que secase o gran ou para que regase o millo,  só tiñan que virar a cruz do cruceiro na dirección necesaria, como fan no cruceiro de Coveliño en Boiro, coa imaxe da virxe que se conserva dentro da capela do mesmo, e onde, curiosamente, tamén temos restos arqueolóxicos preto del, o que nos leva a pensar que todos estes rituais cristianizados fincan as súas raíces en tempos moito máis antigos que o nacemento de Cristo, para procurar esa función tan necesaria nos labores do campo, tal era a de mover os meteoros en función das necesidades.


Algún día eran tres as cruces viradoiras que engalanaban esta parroquia, pero por razóns que non sabemos só quedan dúas, das que, tal vez a máis significativa e de máis doado acceso sexa esta que amosamos. A desaparecida, segundo nos contan, é a de Roncadoiro, citada por Castelao na súa obra "As cruces de Pedra na Galiza".

 

“Esta cruz é xiratoria e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiratoria, o pobo concédelle virtudes miragreiras”.