O clima é algo tan imprevisible que a ansia de todos nós foi sempre adiantarnos ó que o tempo trae; e máis aínda, se fose posible, controlalo. Pero, como isto é cousa que só as divindades poden atender cando elas queren, desde antigo vimos facendo rogativas, procesións e novenas para pedir a auga que falta ou o sol necesario.
Así, mentres noutros lugares son os santos os protectores e benfeitores das necesidades dos fregueses, os veciños de Borneiro, no concello de Cabana, descansan este labor nun cruceiro que teñen na marxe esquerda da estrada en dirección á igrexa. E cando os veciños desta parroquia, rica en vestixios arqueolóxicos, co seu dolmen de Dombate e o castro da Cibdá, necesitaban que o vento viñese dunha dirección determinada, para que secase o gran ou para que regase o millo, só tiñan que virar a cruz do cruceiro na dirección necesaria, como fan no cruceiro de Coveliño en Boiro, coa imaxe da virxe que se conserva dentro da capela do mesmo, e onde, curiosamente, tamén temos restos arqueolóxicos preto del, o que nos leva a pensar que todos estes rituais cristianizados fincan as súas raíces en tempos moito máis antigos que o nacemento de Cristo, para procurar esa función tan necesaria nos labores do campo, tal era a de mover os meteoros en función das necesidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario