luns, 12 de outubro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (92)

                                            Lorca e o Uruguai

O Curmán de Undochán

           

“Lorca y Uruguay” intitúlase o máis que interesante volume da autoría de P. Rocca e E. Roland, editado en España (Alcalá la Real, Jaén, 2010), base desta crónica. Sen se cinguir á estadía do andaluz universal nesta república, os autores fan un ensaio panorámico sobre algúns antecedentes da viaxe (1934) relacionados con xentes uruguaianas que o poeta, dunha ou doutra maneira, tratou.         

     A primeira é a figura do vangardista pintor e deseñador Rafael Barradas (1890-1929) –a quen resultaría imposíbel disociar do cónsul-poeta noso coñecido Julio J. Casal, supostamente, a quen o propio pintor presentaría a Lorca-, contactos todos establecidos no Madrid dos anos 20, recén instalado este alí. En troque, sería superficial a sua relación con Torres García. Si máis cercana co esquecido poeta uruguaio Carlos María de Vallejo (1889-1946). E sen chegar a se producir unha entrevista solicitada por outro uruguaio cal foi Alberto Nin Frias (1879-1937), embora este residente en Buenos Aires cando a estadía daquel.

                                           Palacio Urtubey, futura Legación da República española  
      

   Alén disto, o poeta clásico do noso parnaso, Julio Herrera y Reissig (1875-1910) foi unha admiración temperá de Lorca, quen chegou a lle dedicar “a la manera de Herrera” o soneto “En la tumba sin nombre de Herrera y Reissig en el cementerio de Montevideo”. (Desde 1943 no Panteón Nacional).

            Efectuado o periplo transatlántico, e despóis de tres meses na capital arxentina, o noso poeta é chamado a Montevideo, onde estaban daquela dous seus amigos españois, o escritor e xornalista Pepe Mora Guarnido (1895-1967, radicado aquí de por vida) e máis o crítico teatral Enrique Díez Canedo (1867-1944), por entón encargado de negocios da legación da República española, neses anos sita no vello palacio Urtubey (esquina Bvar. Artigas e Av. Rivera, hoxe desaparecido, e que algúns anos foi coñecido popularmente como “Castillo Baldomir”, por ter residido nel o presidente deste nome, noso coñecido da Crónica 81, dato debido ao amigo Prof. Juan A. Bresciano).

            Lorca pasará alí algunha xornada, se ben residindo no luxoso Hotel Carrasco, nas aforas mariñas desta mariña capital, nos 18 días que aquí habitou (30 de xaneiro a 16 de febreiro), o país en plena ditadura de Gabriel Terra. O seu principal anfitrión será o escritor Enrique Amorim (1900-1960) e sua dona, -o roncagliolesco “amante uruguayo” que, ao meu ver, nunca foi-, a quen é debida a curtametraxe documental sobre os movementos do poeta en Buenos Aires, meses atrás. E quen promovéu o seique primeiro monumento mundial a Federico, Salto, 1953, a cidade natal de Enrique, beiras do río Uruguay.

Margarita Xirgu nunha escena de “Bodas de sangre”, na inauguración do monumento-paredón de Salto


Malia o que se ten afirmado e nos conta unha placa no citado hotel, Lorca non rematou nese lugar o texto de “Yerma”, tales foron de axitadas as xornadas do asediado poeta en Montevideo, onde chegou a impartir catro conferencias, tres no tamén desaparecido teatro “18 de Julio” e a restante no exclusivo “Club Uruguay”, centro social maior da capital.

            No edificio “Torre de los Caudillos” (emprendemento da empresa “González Conde, construcciones”, fundada por un ourensán deses apelidos), que veu sustituir o belo palacete Urtubey, lembrando o centenario do poeta, pódese ler un seu poema, grabado en bronce –“Poesía es lo imposible hecho posible. Arpa que tiene en vez de cuerdas corazones y llamas…”-, en tributo rendido “a quien llenó nuestras horas de insomnio y nuestras almas de gozo, (quede aquí) el recuerdo de su estadía en este solar.”

            Como mostra da vixencia de Federico (no teatro uruguaio, nas actividades culturais, docentes e académicas en xeral), queremos dar cabo a esta crónica, resaltando o seu verso “A las cinco en punto de la tarde”, transmitido, na voz de Ruben Castillo (1922-2002), por radio “Sarandí”, o invernal luns 9 de xullo de 1973, como consigna convocante dunha manifestación –que foi masiva- contra o golpe de estado do 27 de xuño anterior, a encher a avenida principal, 18 de Julio, da capital, no que alguén chamou o “dieciochazo”. O cal foi como unha prefiguración do “Grândola, vila morena” portugués de abril do 74: alí deu pé á democracia, aquí foi o último berro da democracia, afogada brutalmente polos seguintes doce anos.

 

Frase ad hoc: “Al lado de la prodigiosa voz del siempre maestro Rubén Darío y del (sic) extravagante, adorable, arrebatadoramente cursi y fosforescente voz de Herrera y Reissig y del gemido del uruguayo y nunca francés Conde de Lautréamont, cuyo canto llena de horror la madrugada del adolescente, la poesía de Pablo Neruda se levanta con un tono nunca igualado en América, de pasión, de ternura, de sinceridad”. (F.G.Lorca na presentación de Neruda na Universidad Complutense de Madrid, 06-12-1934).   

 

O corpo nu

                     

 

Conta García Hortelano como nun verán de finais dos cincuenta do século pasado, uns nenos e nenas, todos menores de dez anos e fillos de familias ben acomodadas dentro do réxime, paseando pola praia atoparon unha muller morta e espida. A aqueles cativos o que máis lle sorprende daquilo non é a morte, senón a corpo feminino. Levados da sorpresa procuran a un dos maiores para preguntar se todas as mulleres teñen o peito como o daquela e pelo no pube, e o interrogado, pai de dous deles responde con normalidade e sinceridade. Pero contra aquel que lles explica sen espaventos o que todos viran, aparece outro dos pais rebelándose pola naturalidade da explicación e incluso prohibíndolle volver a falar cos seus fillos. Cada lector (a novela publicouse en 1961) pode sacar a súa propia conclusión e tomar partido por un ou outro.

Non me imaxino a un cativo de hoxe en día con esas dúbidas, ou coas que tiña calquera rapaz da miña vila nos anos sesenta, cando apareceu o primeiro bikini na praia. “Francesa tiña que ser”, diría algunha señora.

Torrente Ballester, retrátanos a represión cara unha imaxe feminina (sempre o corpo feminino provocando os debates morais) cando o rei Pasmado queda, naturalmente, “pasmado” no cuarto dos cadros prohibidos, onde se gardan baixo chave as pinturas con mulleres nus, desde as Gracias de Rubéns á Venus de Velázquez, apartadas da vista do público e recluídas para ser vistas en soidade e só polo monarca. Como dicía aquel crego do Decamerón negando o principio divino da omnipresencia, “Pecado agochado está medio perdoado”.

Lembraba algún dos compañeiros de parladoiro cando, durante a tan debatida Transición e os anos do destape (feminino, por suposto), lle romperon o escaparate a unha tenda de Sevilla por amosar unha estampa coa “Maja” de Goya. Xa vos imaxinaredes cal das dúas.

A representación do corpo sempre foi motivo de discusión, de curiosidade para uns e de morbosa condena para outros, a pesar de ser o tema co que todo espectador, e tamén todo pintor e escultor se sente máis identificado, aínda que, ó longo da historia, esa identificación, en moitos casos, foi máis intuitiva ca real. As mesmas pintoras tiñan vedado o tema e ata non hai moitos anos prohibíaselles o acceso ás aula de nus ó natural. Como se soe dicir, “Mentres eles pintaban tetas elas pintaban flores”. Xulio trae unha historia escoitada esta semana na radio, con motivo da exposición “Invitadas” no museo do Prado, sobre o papel da muller na sociedade en xeral e na arte en particular, dunha pintora chamada Aurelia Navarro quen aló por principios do século XX  pintou unha muller espida e seus pais, ó ver tal cadro metérona monxa. Ela deixou de pintar e eles gañaron o ceo.


Hai quen asegura que a san Sebastián puxérono de moda os imaxineiros medievais para poder representar un corpo masculino, aínda que fose disfrazado de beatitude, evitando a censura dos patrocinadores. Non faltou a picardía neste campo para poder representar sen que o mecenas se ofendese. No barroco, a necesidade de amosar o que había baixo as roupas levou ós pintores a buscar os seus motivos nos mitos clásicos, nus ou apenas cubertos cunha gasa que as convertía, sobre todo ás deusas, en verdadeiros símbolos eróticos que o rei Pasmado miraba ás agochadas, como Alfonso XIII facía coa súa colección de películas pornográficas.

Como cambiaron os tempos para os nenos e para os reis.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).