mércores, 9 de novembro de 2022

NO FONDO DOS ESPELLOS

 Por Pepe de Rocaforte


 

O pasado día 5 presentouse en Vigo un terceiro volume no que se recollen os derradeiros artigos semanais publicados ó longo destes últimos anos por Xosé Luís Méndez Ferrín no “Faro de Vigo”, nunha sección denominada “No fondo dos espellos”.

 Cando cada sábado abría as páxinas centrais do xornal “La Opinión”, que era onde lía eu as colaboracións do mestre, xa desde o título parecíame apreciar nelas certo difuso sabor familiar que non sabía con que relacionar. Terían que pasar algúns anos ata se me acender a luciña aclaratoria, cousa que finalmente me sucedeu esta semana.

Esta mañá, cando empecei a ler o texto ferriniano, acordeime de que hai cousa duns corenta e tantos anos escribín un conto ó que lle puxen o título de “No fondo do espello”. Naquel relato trataba de contar unha historia para a cal me inspirara na vida dun mozo ourensán daqueles anos sesenta a oitenta do século pasado, coñecido entón polo alcume de Toñito  Boxeador (non confundir con Toñito Patata, outro mozo tamén ourensán e tamén popular por aquela época).

Supoño que Xosé Luís probablemente non coñeceu o protagonista da miña historia, nin se debeu decatar da existencia daquel meu relato. E se se decatou, pois moi ben, porque cando menos significa que pousou a vista nel e eso xa é algo moi importante para min.

Este pensamento axiña me levou a derivar por outros camiños as miñas matinacións, a primeira, hoxe para min a máis relevante, a comprobación do cada vez máis evidente deterioro da miña memoria, para o cal dánse variadas explicacións favorables a quen sofre semellante perda, como cando nos din de que o decatarnos de irnos minguando a memoria non é en si unha cousa mala. O perigoso sería non decatarnos de que a perdemos. E así non se consola quen non quere.

A este respecto, tamén nestes últimos días, causoume unha forte impresión a historia que me contou un parente meu que na súa mocidade xogou durante uns anos ó fútbol, deporte no que fixo uns cantos amigos con quen actualmente, nas datas de arredor do Nadal, se reúne un día a xantar.


Nunha das últimas xuntanzas, mentres el e un dos amigos esperaban polos restantes compañeiros de reunión, preguntáballe ó outro cales recordos de cando ambos xogaran no Fabril e no Deportivo lle quedaran máis gravados na memoria. O outro escoitábao moi atento e, chegado un momento, díxolle: Estásme contando que xogamos xuntos no Fabril e tereite que crer; pero dígoche a verdade: non me acordo para nada de ter xogado nunca ó fútbol.

¡Así de terrible!, rematou de me contar o meu parente.

Outra das cousas, relacionadas en certa medida co mesmo tema, tamén me veu hoxe á memoria. Neste caso trátase dunha entrevista que lle fixeron na prensa hai cousa de vinte anos a Antonio Lobo Antunes. Non localicei o xornal onde a lin, pero recordo que dicía que, estando a un paso de cumprir os sesenta anos, xa podía dar por rematado o seu período creativo. A partir de entón nada que tivese un mínimo de interese sería capaz de escribir.

Afortunadamente parece que a cousa non foi así, pero dándolle máis voltas á cuestión decátome de que, salvo erro da miña memoria, o que Lobo Antunes continuou escribindo maiormente foron artigos na prensa, artigos que logo reúne para ir publicando en varios volumes. É dicir, algo similar ó que Xosé Luís Méndez Ferrín e mais eu vimos facendo actualmente: escribir artigos con máis ou menos importancia (no meu caso menos e con moito traballo, ademais de non publicar ningún. Excepto neste blog). E pare vostede de contar.

¿Por que escribo entón? Pois moi sinxelo, no meu caso: porque me sinto sen capacidade para facer outra cousa. E por máis traballo que me custe darlle ó teclado,  e por máis que me decate da falta de interese destas colaboracións e do difícil que me resulta cumprir coa obriga auto-imposta de seguir buscando un mínimo tema semanal de que tratar, con esta teima continúo. ¿Que ía facer se non?

 

sábado, 5 de novembro de 2022

Comercio local


 
Cóntanos Xulio que no pasado mes estivo mercando libros nunha libraría inaugurada a mediados do século XVIII e tomando uns viños nunha taberna que data do XVI. Tamén nos conta que o pan que consume mércao nunha panadería que está rexentada pola terceira xeración da mesma familia, pero os da cuarta xa traballan todos fóra da vila ou noutro tipo de actividade.

Daquilo da herdanza dos negocios familiares xa só quedan casos raros, nun entorno onde florecen coma cogomelos en outono as grandes superficies e caen como follas agostadas as tendas de barrio. Cada día vemos máis locais coa persiana baixada, porque preferimos ir de compras a algún deses centros comerciais onde supostamente o tes todo, animado por luces e musiquiñas que che atraen como moscas ó pastel; e cando deixas de lado á tenda do veciño, este vai reducindo o número de produtos almacenados a medida que os clientes prefiren desprazarse a eses lugares que Saramago chamaba A caverna, nunha novela onde nos amosaba como asistimos á morte dun mundo onde se consumía o  necesario para entrar noutro onde se nos invita a acaparar, onde semella que todo é mellor, máis uniformado e moderno. Un modelo que estes días veremos con maior insistencia ateigando os aparcamentos deses grandes centros e almacéns, cando se achegue o Venres Negro e as compras do Nadal, outra imposición do mercado destinada ó consumo, contra a que loitarán os pequenos comerciantes vilegos con ofertas e sorteos tratando de recuperar a uns clientes que, aínda dicíndose amantes do seu lugar de residencia, collerán o coche para gastar fóra con máis afán acaparador ca de necesidade.


E coa morte do comercio local, iremos vendo como se extingue o rural, provocando ese novo tipo de emigración de proximidade en favor dos grandes núcleos urbanos mentres as pequenas vilas e aldeas fican baleiras e sen servizos ou, como moito, reducidas a iso que se dá en chamar o turismo estacional, durante unha ponte sen chuvia ou quince días no verán. E se ben nesta xeración aínda hai quen tira pola terra que foi dos seus pais e avós, para a seguinte xa non estrará tan claro e, como na novela de Saramago, a ambición será vivir dentro dun centro comercial. De momento xa hai quen descansa a fin de semana metido nesas cavernas onde, ó contrario do que nos contaba Platón, somos máis atraídos polas sombras de dentro ca pola luz de fóra.

Defender ós tendeiros de barrio ou das vilas xa o propuxo o político Pierre Poujalde en 1953, en Francia, reivindicando a defensa dos comerciantes e artesáns fronte ás grandes superficies comerciais, unha reivindicación que, por un mal entendemento dos seus dirixentes a duras penas durou cinco anos.

Agora formulamos a pregunta que sempre nos intriga, ¿ata onde o modernismo é respectuoso coa tradición e ata onde a tradición é obsoleta?.

Claro que non se pretende que volvan aquelas tendas de aldea onde se vendía a carne e os zocos sobre o mesmo mostrador, onde ías mercar o carburo e pesábancho na mesma báscula onde antes pesaran un quilo de xureis; porque, nas pequenas vilas tamén pode haber tendas con boas e amplas ofertas sempre e cando haxa clientes. E no rural, así como se van pechando servizos tamén se vai fomentando o despoboamento.   

                                                                                        Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

xoves, 3 de novembro de 2022

POLO AIRE E BAIXO TERRA


Por Pepe de Rocaforte

 


Creo que, máis ou menos, todos temos certa experiencia neso de poñernos ó teclado coa intención de escribir algo e, por máis voltas que lle deamos ó caletre, énos imposible atopar unha idea cun mínimo de interese para desenvolver.

Noutras ocasións, menos habituais, ofrécesenos un asunto que, por un ou outro motivo, non nos apetece tratar e que, por máis que queiramos prescindir del, non para de nos machacar con insistencia, como se a nosa cabeza non se debese ocupar de ningunha outra cousa.

Recentemente un dos primeiros destes casos sucedeume ó ver unha información sobre o accidente producido nun globo na Capadocia, no cal morreron dúas turistas españolas. Nese momento veume á memoria o recordo dunha viaxe por Turquía e unha travesía en globo pola Anatolia Central. A resposta que lle dera a un amigo quen, cando lle contaba a historia, me preguntara se non pasara medo na “aventura”, foi: “Pois claro que pasei medo”, para, logo dunha pausa con que fomentar o suspense, dicirlle: “Pero o medo non o pasei no globo, senón no microbús que nos levara desde Kaymakli, punto central dos nosos percorridos pola zona, ata Goreme, lugar de inicio do voo, xusto coas primeiras luces do abrente, a mellor hora para ascender”.


Sairamos do hotel con noite pecha e a distancia de vinte quilómetros por unha estrada estreita, sen pintura e chea de curvas, a unha velocidade que me semellou de vertixe, púxome os pelos de punta; pero finalmente chegamos sen incidentes e con tempo sobrado para comenzar o voo.

Logo o resto da excursión xa transcorreu sen incidencias, aínda que, agora, a información sobre o accidente das turistas españolas tróuxome á memoria un detalle ó cal daquela non lle dera maior importancia. Foi un momento no que o globo, arrastrado por unha corrente de vento, se empezou a aproximar con certa velocidade, ó meu parecer excesiva, en dirección a un acantilado, cuxa cima xa se atopaba a cousa duns dous ou tres metros da barquiña. Naquel momento o “piloto” abriulle o máximo ó gas e o globo elevouse coa suficiente velocidade para evitar o choque.

Xa co ceu a nos envolver todo ó arredor, o piloto botounos un sorriso tranquilizador que me fixo supoñer que o incidente, perfectamente controlado, se producira a mantenta e sen perigo, para lle dar un pouco de emoción á viaxe. Pero hoxe xa non opino o mesmo.

O caso é que, pouco máis adiante, tomamos terra placidamente nun campo onde nos esperaba unha mesa cunhas botellas de champaña turco para celebrar o feliz voo, do cal nos expediron as correspondentes certificacións, coas que marchamos tan contentos. E colorín colorado.


Como dixen, non pensaba contar esta historia, pero outra noticia de hai poucos días, informando do descubrimento dunhas galerías subterráneas arredor da betanceira igrexa de Santa María do Azougue, volveume traer á memoria a viaxe á Capadocia e a visita a unha das varias cidades baixo terra daquela zona, concretamente a de Kaymakli, con oito pisos subterráneos e corredores de varios quilómetros, con capacidade para acoller a máis de tres mil persoas, que alí se podían encerrar con posibilidades de varios meses de supervivencia no caso de sufriren algún ataque.

Certo que coñecendo a dureza granítica da pedra deste país, a edificación dunha cidade debaixo do chan de Betanzos ofrecería unhas probabilidades máis ben escasas de éxito aínda no caso de construír só un lugar do tamaño de Buño, poño por caso.

Xa para completar esta miscelánea informativa, direi que “azougue”, ademais de ser un mineral do cal os libros do meu bacharelato dicían que España era o maior produtor mundial, tamén ten o significado de praza do mercado, e por esta zona do noroeste hispano, ademais da Santa María do Azougue betanceira, temos uns cantos exemplos máis, Santa María del Azogue de Benavente, de Puebla de Sanabria, de Urueña, e algún outro que agora non me ven á cabeza.

E por hoxe xa está ben. Descúlpenme vostedes.