venres, 14 de abril de 2017
mércores, 12 de abril de 2017
CARTEIS DE CEGO
Por
Pepe de Rocaforte
A propósito de “Literatura de cordel”, a miña colaboración da semana pasada, informábame o outro día un amigo sobre un curioso cartel de cego que vira na “Librería Orillamar” dA Coruña e recomendábame pasar por alí para lle botar unha ollada.
O certo é que de cegos cantores polas feiras
do país, aínda tendo lido e oído falar dos que acompañaban as súas historias
cantadas cun cartelón de apoio no cal estaban debuxadas diversas viñetas que un
axudante ía sinalando cun punteiro para mellor entendemento por parte do
público dos feitos referidos, eu, lamentablemente, nunca cheguei ver a ningún.
Fun ata a “Librería Orillamar”, un local onde
nunca entrara a pesar de pasarlle a miúdo por diante e sorprendeume a cantidade
de cousas que alí hai. Certamente o nome de “librería” quédalle pequeno porque,
ademais de libros, teñen cadros, mobles, obxectos curiosos e que sei eu cantas
cousas máis.
Cando lle pedín autorización para tirar unha
foto, o propietario do establecemento, sumamente amable, recomendoume mellor
visitar Dorillamar a súa
páxina en internet e copiar alí a fotografía do cartel e a súa explicación,
como así o fixen.
A fotografía acompaña este texto, xunto coa
reprodución doutro cartel, o de “Paco Pixiñas”, obra de Isaac Díaz Pardo, que
vai de regalo.
A explicación conta máis ou menos o que
segue: «Na parte superior [do cartel] di: “Nueva historia o sea el suicidio de
dos enamorados, muerte que dieron a los padres de Sofia, suicidándose después
los amantes”. Trátase dun cartel de cegos, deses que lían os xograres. Digo
lían porque á parte dos debuxos, contaban as historias da época ... Eran coma o
xornal “tipo” actual no cal relataban a noticia ... Nas prazas maiores das
vilas instalaban un pau de gran tamaño do cal colgaban o cartel coma se fose
unha pantalla e logo describían a noticia dunha forma moi especial».
E velaí queda a historia.
sábado, 8 de abril de 2017
A función da lectura
A cousa era que o libro que nos tocou
comentar era dunha dureza extrema nas situacións que se narraban, e ó mesmo
tempo engaiolante pola prosa exquisita que, a pesar do tema, fíxome dedicarlle
a exclusividade do tempo. A autora conseguiu que desexase chegar ó final da
historia coa esperanza de que acabase emendándose tanto mal. Pero a realidade
non sempre ten un final feliz, a pesares da bondade que se lle supoñía a
aqueles personaxes que poñían a dignidade por diante dos tremendos avatares,
enfrontados á tiranía e á mesma loita pola supervivencia até converter, tantas
veces, ó máis santo nun demoño egoísta. Pero o que máis me entristeceu, como
digo, non foi o feito de ler uns acontecementos inhumanos, denigrantes,
horribles e insoportables, senón o debate suscitado por un dos presentes: ¿Como
se contará dentro de cincuenta anos o que está sucedendo arestora no mundo?. E
quen se atreva a facelo, ¿como o fará?, ¿farao dende a distancia, dende a
documentación periodística ou dende a imaxinación?. ¿Lembrarase de marcar o que
iguala e diferencia a Palestina de Mosul, de Palmira, das travesías polo
Mediterráneo, os campos de concentración que agora chaman de refuxiados, o camiño
de celada cara unha morte selectiva co fin de evitar a proliferación de parias
no primeiro mundo?. ¿Lembrarase da imposición de leis claramente
discriminatorias para que medren as grandes empresas do luxo, e haxa man de
obra barata que as forneza?.
Aquel libro trataba todo isto pero ambientado
setenta anos atrás, e a reflexión do noso compañeiro fíxonos ver esa verdade
tan sabida, que a historia é un calco que se repite periodicamente, e certamente,
iso é algo horrible, pero aínda é peor que sabéndoo e lamentándoo sigamos resignados
ós desastres dos exiliados, expatriados, humillados ou violados nestas guerras
contra a civilización e a humanidade, dos condenados a unha odisea sen final feliz,
aldraxados polo simple feito de nacer nun lugar ansiado polas gadoupas
arrapañadoras dos bens naturais, condenados a venderse por unha moedas
arroxadas ó chan. ¿Quen se atreve a poñer remedio nesta discriminación sen orde
e tan semellante á que viviron nosos avós e bisavós setenta anos atrás?. ¿Que
se dirá dentro de vinte ou trinta anos
destes feitos diante dos que permanecemos impasibles, como permaneceron tantos
cidadáns alemáns, franceses, italianos ou españois diante da barbarie?. A
persoa encargada de moderar, tivo que facer valer a súa autoridade varias
veces, porque un club de lectura é para falar de literatura. Pero ¿que é a
literatura?. Porque o debate que unha novela provoca, tal vez sexa o mellor da
novela, e cando esta non o provoca, evidentemente non estamos falando de
literatura senón dun entretemento. E francamente, se imos falar de simple
entretemento, sóbrannos os “Códigos”, as “Sombras” e outras paparruchadas. Eu,
para entreterme, prefiro ver na tele ós frikis de Big Bang Theory.
(Artigo publicado na sección Lingua Proletaria de La Voz de Galicia, adición de Barbanza, o 7/4/2017)
xoves, 6 de abril de 2017
LITERATURA DE CORDEL
Por
Pepe de Rocaforte
Unha das ideas tópicas máis habituais cando
os anos se acumulan no noso calendario é a de imaxinar que calquera tempo
pasado foi mellor.
Andaba eu a matinar nas feiras da miña
infancia e, á vista de como derivaron ata a época actual, ocorréuseme que as
daqueles anos tiñan máis encanto, unha maior variedade e atractivo. Que eran
mellores, en suma. Alí había gando: vacas, porcos, ovellas, galiñas. Vendedoras
de froita: cereixas, mazás, ameixas, peras, noces, uvas. Ferreiros e vendedores
de aveños para os labores do campo: sachas, gadañas, fouciños, angazos, gallas.
Torneiros. (O meu avó materno era torneiro e vendía mangos para fouciños, fusos,
rocas. Tamén facía pínfanos e flautas, pero por encargo, non para vender nas
feiras. O meu padriño era zoqueiro e tamén montaba na vila o seu tenderete os
días de feira).
Compre lembrar ademais as personaxes de maior
atractivo para os rapaces: a vendedora de unturas feitas con graxa de cóbrega
para curar o reuma e non sei cantos males máis, que chamaba a atención cunha
serpe de boas dimensións escorregándoselle arredor do pescozo. A vidente que
respondía preguntas da xente sobre a situación dos parentes na emigración (e
levaba vendados os ollos para non ver a quen preguntaba e sen embargo
describilo correctamente cando o seu acompañante a interrogaba sobre o aspecto
do preguntador, un bo modo de mostrar as
súas dotes adiviñatorias).
Pero o personaxe principal era o cego coa
guitarra ou o violín acompañando á cantora que refería truculentas historias en
verso máis ou menos ben medido, historias impresas en papel que logo vendía
entre os espectadores e espectadoras ansiosos de levar para a casa informacións
de boa man sobre os feitos que acababan de oír.
Veume todo esto á cabeza á vista dunha reste
de folletiños que me trouxeron do Brasil. Quen mos trouxo veunos nunha feira en
Campinas, nun tenderete co reclamo de “literatura de cordel”, botoulle unha
ollada a un e leu: ...lá na Península Ibérica / cordão se chama cordel / onde
eram penduradas / as folhinhas de papel
/ nascendo daí o nome / desta cultura fiel. / O cordel sempre cresceu / numa
dimensão tamanha / espalhou-se pela França / em Portugal e Espanha...
Pareceulle unha curiosidade que me había
gustar e tróuxome uns cantos folletos, entre os cales viña “A moça que virou
cachorra porque foi ao baile funk”: Lá no Rio de Janeiro / residia Gabriela
/pela sua fermosura / tinha o apelido de Bela / e os pais con muito carinho /
faziam tudo por ela / mas Bela tinha a
conduta / de uma pessoa ruim / enquanto
seus pais rezavan / ela fazia um festim / zombava das coisas santas / com instinto
de Caim...
¡Velaí os cantares de cego das feiras da miña
infancia! De España e Portugal chegaron ó Brasil e alí aínda se conservan hoxe.
¿Cantas cousas aquí desaparecidas aínda se poderán atopar alá?
Pero, ¡ai, que perigosa é a miña tendencia a
magnificar o pasado!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




