luns, 21 de xaneiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (2)


                                                                                   O Curmán de Undochán

    O Rio da Prata! Marítimo, dixen antes. E é que pouco ten de río e moito de mar: o seu nome prehispánico ben o definía: Paraná Guasú, é dicir, Paraná grande, porque, na realidade, é o estuario deste rio argentino. De tal xeito é grande, que non se dá visto desde unha ribeira a oposta. Así é como digo que a min me parece máis mar que calquera das nosas rías, que, sendo entradas do mar, teñen a beira da outra banda ben á vista.

Falei da capital do país (equivalente en demografía a  5 Coruñas ou Vigos) que é o concreto que teño para describir, e agora tócalle ao país, que ven sendo (no seu grande resto) o abstracto, ou por millor falar, o que non vexo. País pequeno, para as enormes magnitudes americanas, máis ainda ao estar enclavado entre os dous xigantes, Brasil (ao norte) e Arxentina (a oeste e sul). Mais, en comparándoo coas dimensións dos estados europeos, non é tan cativo: fai por dous Portugal e, en tempos escolares, facíannos ver como nel collerían, en conxunto, países tales o Benelux máis Suíza e Dinamarca... (Algo semellante, na chovinista visión, do que co citado Portugal acontecía ata a fin da sua ditadura, o cal, sumado a Angola e Mozambique, abranguía Europa toda).

Como a Galiza, país dos mil ríos, mais sen a potente orografía galega, é fértil e frecuentemente inundábel, maismente polas crecidas dos dous grandes caudais (o Uruguai, que o separa do país arxentino, e o Negro, que o parte á metade) e os seus afluentes, modestamente calificados de "arroyos", mentres na nosa terra chamamos rio (outra volta as magnitudes diferentes) a tanto pequeno curso fluvial.
O Cerro que deu nome a Monte-Video e a sua fortaleza
    Na mesma medida, as serras e "cuchillas" do país apenas superan os 500 metros de altura, e iso as máis elevadas (o emblemático Cerro montevideano é ben cativo). Por iso é que non hai, como si pasa co veciño do oeste, fronteiras naturais co inmenso país brasileiro, que de sempre tentou, mesmo cando colonia portuguesa,  incorporar ao seu este territorio feraz, ata topar co Rio da Prata (como testemuña máis chamante aí está a por eles fundada en 1680, Nova Colónia do Sacramento -ver mapa-, hoxe simplesmente Colonia del Sacramento), o que provocou a mesmísima fundación de Montevideo (1726-1730). Mesmo caíndo o territorio, recén liberado da coroa española, en mans do daquela reino de Portugal e, a seguido, do flamante imperio do Brasil:  (como Gibraltar en España, o só enclave colonial dun país europeo noutro país europeo) único caso de colonia sulamericana doutro país sulamericano... endebén fose por contados anos.
Frase extemporánea (traducimos): “Os galegos non só trouxeron con eles as suas romaxes e as suas gaitas. Chegaron coa sua inquietude cultural superior, a sua vocación humanística. Ombreiro con ombreiro, os galegos e os uruguaios constrúen un país, edifican un destino colectivo, petan nas portas do futuro”. Daniel Vidart, 1961.





sábado, 19 de xaneiro de 2019

Como vimos sendo


                                          
     
       Viña o amigo Xulio da casa dun familiar lucindo a nova gorra que lle trouxeron os Reis Magos, cando unha veciña, ó cruzarse con el espetoulle “Pepe, xa levaba tempo sen verche”. E inmediatamente a muller botouse a man como un ferrollo para tapar a boca, volveuse vermella e ficou fría. Xulio non lle replicou. Deulle un bico e felicitoulle o ano sen máis. A veciña acababa de confundilo con seu pai, finado tres anos atrás.
            Cando logo nolo contaba, dicía el que ninguén pode fuxir de ser quen é, xa sexa porque lle deu por usar gorras como as que usaba seu pai, ou simplemente por ser froito dunha herdanza de xenes que se van transmitindo como as leiras das patacas, sen necesidade de papel escrito ante notario. Que todos herdamos, con maior ou menor intensidade, a cor dos ollos e a forma da cara dos nosos proxenitores, xa o sabiamos e non nos é difícil recoñecer de quen vén sendo algún cativo con quen nos cruzamos pola rúa simplemente véndolle a forma do nariz ou as maneiras de andar. ¿E a quen non lle dixeron que se parecía ou era como o pai, a nai ou os avós, coma quen os fixo, os pariu ou os cuspiu?. Din as malas linguas que precisamente esa lei da natureza fai que os moldes se repitan para vergoña de pais desatentos e fillos ventureiros, ata facer certa esa máxima de “nas orellas ou nos pés has semellar a quen es”, como unha denuncia permanente da paternidade, para sinalar co dedo acusador a filiación de cada quen desde moito antes de que se admitise iso do ADN como proba legal.

            Seguro que todos coñecemos casos que ben poden servir de exemplo e non son pura casualidade. E a pesares de que sempre se fala deses trazos de identidade, do que se ve ou aprecia, a herdanza tamén vai polo camiño das emocións, os medos ou os gustos dos nosos antepasados, transmitidos xeración tras xeración como se transmite o pelo rizo ou as grellas lisas.
            Agora, algúns psicólogos amplían eses marcadores hereditarios a niveis de conducta, e amosan como a depresión ou a facilidade para a diversión se transmite de pais a fillos ou de avós a netos aínda en casos nos que a relación entre eles non sexa moi constante, e a pesares do esforzo que fai a sociedade, a escola ou a parroquia tratando de modelar o noso comportamento. Pero o que cada un arrastra consigo non é doado de evitar, e así vemos como se repiten patróns de conduta nas distintas xeracións dunha familia. E por iso se fai interesante o coñecemento da historia familiar, para saber a que aternos, que habemos de evitar ou que debemos potenciar na nosa maneira de ser. Xulio mesmo, lembrando a un antepasado que se suicidou, confésanos sen rubor que o seu medo é ter consigo o xene suicida, e que lle dea algunha mala arroutada, a el ou a algún parente próximo. E vénlle este medo despois de ler a tese dunha psicóloga francesa chamada Anne Ancelin, quen estudiou o que ela chamou a psicoxenealoxía, segundo a cal os traumas familiares poden perpetuarse durante sete xeracións, facendo certa esa máxima de “por onde vai a nai vai a filla”, ou a máis rotunda: “aínda que o fillo do malo sexa bo, aló vén o neto que sai ó avó”. Sempre tendo presente que os avós son catro, dous homes e dúas mulleres.



(Este artigo foi publicado na sección de Lingua Proleraria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)