Amosando publicacións coa etiqueta xeografía e historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xeografía e historia. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de xaneiro de 2021

Mapas

En varias ocasións comentei con amigos e coñecidos sobre un atlas que teño, editado en 1909 en Bos Aires, onde América e non Europa, ocupa o centro do mapamundi, onde as divisións xeográficas de moitos países, foron alteradas ó largo do século XX, segundo manifestan detallados recortes de periódico que algún antepasado adheriu na páxina correspondente, o cal, dalgún xeito, vén a dicirnos que os tratados de paz teñen caducidade permanente e converten en obsoletos os mapas políticos a non máis de vinte ou trinta anos vista. Ou sexa condenados a revisión periódica.

      Pero, a parte desas fronteiras flutuantes que dicía Stefan Zweig, o que máis me chama a atención, sobre todo en portolanos, cartas náuticas e outras antigas reproducións xeográficas, é a fantasía que predominaba neles.

     Aqueles cartógrafos a soldo de condes e monarcas debuxaban o que algún navegante lles contaba, estimando as distancias segundo o tempo empregado en cruzalas, e bastaba que un viaxeiro fantasiase con que vira uns tipos con dúas cabezas para que estes se exhibisen como dogma e ameaza. Aí aparecen os ventos soprando, barcos á ventura e desafiantes feras ameazando entre camiños imaxinados, pero tamén as supostas singularidades, que a quen non lle metían medo animábano a arriscar e comprobar se realmente no delta do Nilo había aqueles monstros que o cartógrafo pintaba ó lado das pirámides ou un pazo feito de ouro nalgún lugar da China. Aqueles debuxantes eran verdadeiros surrealistas antes ca científicos, esmerándose en adornar as cidades e países con hipotéticos edificios ou cos animais máis exóticos, pero tamén, cando o país representado non era da corda do monarca ou nobre que lle pagaba o soldo, xurdían os máis bárbaros seres para asustar ós posibles turistas, o que convertía a estes mapas nunha das ferramentas políticas máis interesantes desde o mesmo día en que foron inventados.

     Así, mentres Mercator e outros xeógrafos procuraban a mellor maneira de representar sobre un plano a superficie esférica do mundo aplicando a trigonometría, a fantasía seguiu modificando mapas aínda nos tempos da Ilustración, segundo o interese de cada quen, acercando territorios ou inventando cidades. Algo do que Napoleón se decataría e polo que mandou ós seus xeógrafos a levantar mapas do mundo para non perderse.

      Pero, a parte de detalles de apreciación debidos ós rudimentarios aparellos de medida, máis erróneos canto máis superficie abarcaban, alí onde non sabían que había inventaban e poñían un límite que detiña todo avance, xa fosen as fervenzas da fin do mundo ou aquelas famosas montañas de Kong, no corazón de África, que a finais do século XVIII apareceron por primeira vez dándolle veracidade ás fantasiosas historias do explorador inglés Mungo Park, e que durante case un século non faltaron nos mapas; ata que en 1889, cando se demostrou que non existían, con certa timidez por ter que reparar o que xa era unha tradición, comezaron a borralas. Pero aínda así un chamado mapa avanzado de Oxford de 1928 incluíunas, e non sei por que en 1995, na era do “corta e pega” volveron a aparecer as citadas montañas fantasma nun mal Atlas, máis propio de coleccionistas de rarezas. Nada que ver coa inxente labor de don Domingo Fontán, percorrendo cos seus teodolitos, sextantes e barómetros a lombo de mula, todas as aldeas, vilas e casais galegos durante case vinte anos para cartografar, con métodos científicos e por primeira vez en España, o mapa de Galicia que presentou en 1834.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

 

luns, 25 de maio de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (72)


                                                            O Río da Prata
                                                                        O Curmán de Undochán
        
Teatro Solís, Montevideo
   
A idea para esta crónica éravos outra… mais saíunos ao paso, reclamando o seu protagonismo indiscutíbel, o noso poderoso veciño cotián, o Río da Prata. Entón mergullámonos na sua historia e lenda ata nos empapar de tal xeito de compartírmolas nunha breve viaxata cos leitores que, supostamente, nos seguen aturando.
            Nestes anos (2016-2026) deberíamos estar celebrando o quinto centenario do seu nome, por máis que a data do descobremento destas augas seique foi recuada a comezos desa centuria XVI, a partir de diversas investigacións contemporáneas -entre as cales a  do uruguaio Rolando Laguarda Trías (1902-1998)-, que falan, cando non, de avanzadas portuguesas precedendo á presenza española.
            Ora, o máis divulgado refírese ás tres expedicións clásicas. A primeira (1516) a de Juan Díaz de Solís (sevillano de Lebrija, ou tal vez portugués, c. 1470-1516), que partira de Lepe o ano anterior, descubridor oficial do río -antes de ser morto polos aboríxenes no actual departamento de Colonia- ao cal lle puxo o poético e acaído nome de Mar Dulce, corrente á que os indíxenas chamaban, con lóxica realista, Paraná Guasú (ver Crónica 2). Lembran ao lebrixano o teatro Solís, o principal do Uruguai, así como os dous ríos Solís (afluentes do Prata) e máis o balneario ribeirán dese nome e outra vila interior, Solís de Mataojo… sendo, nos anos posteriores ao seu pasamento, batizado río de Solís o propio Mar Dulce.
            Catro anos máis tarde (1520), e saídas de Sanlúcar, arribaran a estas costas, co seu cronista Pigafetta, nada menos que as naos do infortunado Fernao de Magalhaes (natural de Ponte da Barca ou do Porto, 1480-1521, com apelido originario da Galiza, como o de Camoens –Magaláns, Camos). De tal arribo quedou, como máis duradeira, a pintoresca versión da orixe do nome Montevideo –topónimo aínda hoxe explicado apenas na sua primeira parte: monte-, pondo en boca dun vixía luso o berro: “Monte vi eu!”
            Será en 1526 cando o célebre Sebastián Gaboto ou Cabot (cuxa natureza veneciana, 1476-1557, está en discusión, como a xenovesa de Colón), tamén tendo partido de Sanlúcar, asoma o fuciño polo río de Solís que, dados os contos que lle contaron: ditoso Eldorado!- pasou por el a ser chamado Río de la Plata.  (De Solís e Gaboto fala Del Barco na sua obra de 1602, segundo nos informara o amigo Xulio Veiga). 
 O curioso é que daquela Gaboto rescatou a Francisco del Puerto, mozo grumete de Solís que permanecera esa década convivindo cos aboríxenes: qué de historias podería ter contado! Outra curiosidade: antes de don Sebas, saíra da Coruña Diego García (Moguer, 1471-1535), mais, téndose enguedellado un ano na illa brasileira de S. Vicente (Santos), chegou ao noso Prata despóis daquel: que andaría a facer o xandasbolas! (Faltou advertir que todas esas empresas marítimas viñan procurando a comunicación entre o Atlántico e o Pacífico, mesmo esta, sendo como era posterior á descoberta de 1520 do difícil paso meridional, acariñaba atopar outra pasaxe máis doada e máis próxima… co importante obxectivo do Extremo Oriente fornecedor das especias).

            Unha última reflexión: por que nos quedamos co economicista ou mercantil nome dun río que tivera aquel belo de Mar Dulce? Tanto éxito tivo este topónimo, o único europeo entre os ríos da rexión (Paraná, Uruguai, Paraguai…), que o propio vicerreinado con capital en Buenos Aires chamouse “del Río de la Plata”, e a Arxentina, antes de chamarse así, foi “Provincias Unidas del Río de la Plata”. Hoxe aluden ao noso grande río a arxentina Mar del Plata e a uruguaia recentemente (2006) rebatizada Ciudad del Plata. Tamén o lembran os dous equipos de fútbol River Plate de ambas beiras... e non nos paramos noutras palabras derivadas (p.e. Platense, Cisplatino).
 Moita contradición nos feitos e nas datas: ollo a 1513!

Nota ad hoc: Así como os uruguaianos son autochamados “orientales” (con respecto ao río Uruguai), ben puderon denominarse “setentrionales” con relación ao río da Prata…