sábado, 24 de outubro de 2020

Alfredo e Olaf

     


Xa teño comentado o tantas veces repetido polo amigo Xulio, que o ceo ou o inferno non son máis que a memoria que o finado deixa no mundo. Claro que desta maneira haberá algún morto co don da ubicuidade, que mentres para uns está na gloria brindando e gozando dunha interminable eternidade, para outros estará ardendo entre brea e xofre, rogando que a eternidade sexa un conto. Así é que moitos deses santos que por aí andan, para uns serán benditos e para outros malditos.

Hoxe tocounos falar de san Alfredo, tamén chamado o Grande, rei de Wessex na alta Idade Media, venerado cada vinte e seis de outubro aínda sen aparecer no santoral romano, entre outros motivos por ser un dos máis encarnizados defensores do seu reino contra as invasións normandas. E é que a Igrexa, ás veces, non sabe que a santidade non debe outorgala ela senón o pobo agradecido. Ese é o primeiro principio da democracia de que a sacra institución adoece, gratificar a quen o fai ben e castigar a quen o fai mal, por sufraxio universal.

Pero outro tanto e pola vía contraria pasa con santo Olaf de Suecia, quen despois de armar o gran cristo en Tui, de destruír igrexas, conventos e ate a mesma catedral tudense, de secuestrar ó bispo e a toda a curia episcopal, cando o fan rei decide bautizarse para ter curas e monxes que lle controlen o territorio, e a partir de entón Roma fai a vista gorda e todo son milagres recoñecidos, de se converteu a auga en cervexa ou se tronou e lostregou o día que morreu; incluso se conta como, milagrosamente, subiu a marea para facilitarlle a saída dun fiorde onde era acosado desde a ribeira, como se dun novo Moisés se tratase. Pero nin na catedral de Tui nin na de Compostela atopei imaxe algunha súa. Algo así pasa cos nomes, que son outra forma de respectar e honrar, pois se ben alfredos hai moitos non coñezo a ningún galego que se chame Olaf.

Como queira que sexa, Alfredo e Olaf eran como o día e a noite, mentres o primeiro era un home culto, moi relixioso e moi viaxado, o sueco tamén era moi viaxado pero por motivos moi diferentes dos do inglés, non se sabe que fose moito nin pouco lido e a relixiosidade era o seu ben escaso. Alfredo tivo biógrafos que resaltaron a súa piedade e o moito que fixo por pacificar e reunificar o seu reino baixo o estandarte do cristianismo contra as imposicións nórdicas, e Olaf tivo escaldas que cantaron as súas masacres nos reinos cristiáns. Sen embargo Alfredo só é santo para uns poucos e Olaf está recoñecido pola máxima autoridade da Igrexa e é citado nos oficios relixiosos cada vinte e nove de xullo.

Como queira que sexa, aínda que a ningún de nós nos apetece cruzar a fronteira da vida, cabe preguntarse a cal dos dous nos gustaría encontrar no Alén, se o intelectual e devoto inglés ou ó aventureiro normando capaz de dar un golpe na mesa diante de Cristo bendito se na vez de cervexa lle serven auga. O certo é que a eternidade sexa na compaña de quen sexa, debe ser a cousa máis aburrida do mundo. Non tes límite para nada, e sen límite falta a ansia e obrígasenos a ficar paspando, e cando a xente non ten nada que a motive tanto pode volverse alborotadora como inutilmente submisa.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

xoves, 22 de outubro de 2020

A ARELA DO PARAÍSO


Por Pepe de Rocaforte

   


  Estou lendo nestes días “Morte na pradeira”, do xornalista norteamericano Paul Iselin Wellman (1895-1966), quen, como historiador, dedicou parte dos seus traballos ás guerras indias da segunda metade do século XIX en Dakota e as Montañas Rocosas.

O capítulo III de “Morte na pradeira” empeza así:

Antes da chegada do home branco a vida era algo moi grato nos altiplanos dos Dakotas. Os Sioux Teton circulaban ó seu antollo, con perfecta tranquilidade, a través daquelas rexións. Incontables búfalos pacían nas pradeiras e os seus rabaños formaban enormes manchas anegrazadas. Os Montes Negros e as Montañas Rocosas estaban cheas de veados, castores, osos e outros animais que os Sioux, grandes cazadores, perseguían. Descoñecían a penuria, abondaban os alimentos. (...) Todo concorría para facer agradable a rudimentaria existencia daqueles homes. As squaws coidaban con esmero e sen quebrantos de cabeza do benestar das súas familias. Abondaban neste fermoso mundo as doces paraxes, as fontes cristalinas; eran frondosos os bosques e risoños os extensos vales.

Este parágrafo tróuxome ó pensamento a don Benito Vicetto e a súa “Historia de Galicia”, que empeza así:

Ó se retirar as augas do Diluvio, cando a derradeira onda, turbia e preguiceira, se esvaeu no azul trémulo do mar das nosas ribeiras, por unha desas reaccións admirables na ordenación da natureza, os vales e as montañas empezáronse a cubrir de verdor en pouco tempo: vexetación que elevaba ós ceus as súas emanacións virxinais, coma se a terra, recoñecida ás bondades de Deus, se materializase en perfumes.

Lagos risoños e encantadores, cuxas purísimas augas repousaban da fervenza ruxidoira do Diluvio, esmaltaban sobre aquel delicioso esmeralda dos campos os seus diáfanos cristais; cristais que reflexaban coa maior riqueza de luz a prata das celaxes, e a púrpura dos arreboles do horizonte.

Flores de acesas tintas, de luxosos matices e da máis grata esencia, erguían ós aires as súas corolas máxicas, o mesmo nas suaves declinacións das mariñas, que nas ondas de rochas dos desfiladeiros sombríos. (...) Os ríos esparexían as súas miúdas perlas sobre as areas de ouro dos seus álveos.

E a atmosfera, purísima e perfumada, sen que a máis leve espiral de fume ou po a embazase , parecía de topacio e azar. (...) Galicia era un verdadeiro Edén.


O cal me leva irremisiblemente ó “Xénese”, segundo a palabra de Deus:

Plantara o Señor Deus desde o principio un xardín delicioso, en que puxo ó home que formara, e onde o Señor Deus fixera nacer da terra mesma toda caste de árbores fermosas á ollada e de froitos suaves ó padal. (...) Colleu logo o Señor Deus ó home e púxoo no paraíso de delicias, para que o cultivase e gardase. (...) Dixo así mesmo o Señor Deus: Non é bo que o home estea só: fagámoslle axuda e compañía semellante a el. Formado, pois, que houbo da terra o Señor Deus todos os animais terrestres e todas as aves do ceu, tróuxoos a Adán, para que vise como os había chamar: E, en efecto, todos os nomes postos por Adán ós animais vivos, eses son os seus nomes (...) Mais non se atopaba para Adán axuda ou compañeiro a el semellante. Polo tanto, o Señor Deus fixo caír sobre Adán un profundo sono, e mentres estaba durmido quitoulle unha das costelas e encheu de carne aquel baleiro. E daquela costela que sacara de Adán formou o Señor Deus unha muller, a quen puxo diante de Adán...

Chegado a este punto empecei a meditar sobre a idea do Paraíso, pensamento universal co que o home e a muller soñan cando non teñen outra cousa máis importante en que se ocupar, pero entre todo canto me véu á cabeza non atopei nada medianamente orixinal con que encher as miñas meditacións de hoxe e daquela ocorréuseme traspasarlle a idea ós meus posibles lectores, se algún anda por aí e sinte desexos de meterse en matinacións. ¿Que vos parece?

Entre tanto eu vou ver se dou rematado a lectura de “Morte na pradeira”, lectura que non vou recomendar a non ser que alguén se sinta moi interesado en coñecer como foi a destrución masiva de sioux, cheyennes, crows, shoshones, cherokees, apaches, kiowas, comanches, etc. e os seus xefes de fermosos nomes: Lame Deer, White Bear, Little Wolf, Stone Calf, Big Tree, Red Cloud, Big Crow, White Bull, Little Hawk, Lone Wolf, Sitting Bull, Crazy Horse (por certo: seica a transcrición máis axeitada do seu nome indio non é “Cabalo Louco”, senón “Cabalo Indómito”, vai algo de diferencia, pero a estas alturas, ¿eso que importancia ten?).


luns, 19 de outubro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (93)


    12 máis 1 narradores uruguaios do XX

O Curmán de Undochán

 

            Na crónica anterior aludimos ao anfitrión lorquiano por excelencia e hoxe imos repetir o seu nome no grupo máis ou menos arbitrario que escollemos, simplemente para que o incauto leitor poda consultar esta ducia extensa (na que hai apenas e inxustamente unha única muller) nas páxinas da interrede ao uso: vede aquí unha guía descarnada como simple base para se internar no pracer de leituras ignotas.

Imposíbel obviar, para comezarmos co século XX, unha figura como Eduardo Acevedo Díaz (1851-1921: naturalista en Brenda, Ismael, Nativa ou Soledad, publicadas entre 1886 e 1894), de lonxe o máis destacado romancista da centuria anterior. (Por certo que era neto do coruñés Xral. Antonio Díaz, un daqueles ”Sete de San Nicolás” da Crón. 6).   

Coa sua primeira obra nese mesmo século (Campo, Gurí -guaranismo por neno-, Gaucha, do período 1896-1899), internémonos no seguinte coa figura do criollista Javier de Viana (1868-1926), sen dúbida o máis prolífico contista. Carlos Reyles (1868-1938, autor de Beba, La raza de Caín ou El terruño, todas publicadas entre 1894 e 1916) desenvolve un certo materialismo vitalista e sicolóxico. O universalmente disfrutado Horacio Quiroga (1878-1937, con Los arrecifes de coral, Los perseguidos, Cuentos de amor, de locura y de muerte ou Cuentos de la selva, editados entre 1901 e 1918) pon o ramo a tanta beleza (o seu retrato na Crón. 53). Todos tres da xeración do 900.

            Xa de cabeza no século XX, chegando a ser, como o resto, contemporáneos –inda que non coetáneos- nosos, temos ao Juan José Morosoli (1899-1957) de Hombres, Los albañiles de Los Tapes ou Muchachos (1932-1950).

Rigorosamente coetáneo del foi o noso aludido ut supra Enrique Amorim (1900-1960), autor de La Carreta, El paisano Aguilar ou El caballo y su sombra (1932-1941).

Francisco Espínola (1901-1973) marca un fito de modernidade e maxisterio para varias xeracións, pertencendo el mesmo á chamada “del Centenario”. Son títulos seus Raza ciega, Sombras sobre la tierra ou Don Juan el Zorro (póstuma). (Faleceu na mesma noite do dia do golpe de estado que deu lugar á ditadura de 1973-1985).

Outro innovador, o raro Felisberto Hernández (1902-1964), agasallounos Por los tiempos de Clemente Colling, ou Nadie encendía las lámparas, mesmo La casa inundada. Contos seus antolóxicos: Las hortensias e El cocodrilo.

   De Juan Carlos Onetti (1909-1994) pouco e nada compre dicir, tan coñecido e cercano a nós e vós. (Meu curmán Un non gosta del e eu gozo con citalo aquí, como era de forza).

Armonía Somers (Armonía Etchepare, 1914-1994) é outra orixinalísima, inquietante prosista, en La mujer desnuda ou nos contos de El derrumbamiento ou Solo los elefantes encuentran mandrágora.

Carlos Martínez Moreno (1917-1986), coa sua novela El color que el infierno me escondiera culminou unha enorme obra narrativa, morrendo no exilio.

Julio C. da Rosa (1920-2001), contista singular, dun criollismo actualizado, deixounos, por exemplo, Juan de los desamparados. Estes tres compoñen, entre outros, a xeración do 45. E el está de centenario neste 2020…

… Ao igual que Mario Benedetti (1920-2009), quen integra, xunto con Eduardo (Hughes) Galeano (1940-2015) a dupla mundialmente máis popular entre os escritores uruguaios destas décadas, nos que sería redundante abundar.

 Galeano, con Mercedes Rein, Mario Levrero ou Cristina Peri Rossi (a única sobrevivente destes) formou nas fileiras da prolífica xeración do 60, cos que pechamos esta máis que sintética paseata pola narrativa deste país no século XX, deixando de lado a toda unha numerosa, posterior e actual pléiade de creadores literarios do Uruguai.



(Traducimos): “En Montevideo tivemos sempre tantos galegos que cando agora imos a Galicia parécenos estar entre montevideanos. Non é casual que os compañeiros que achei en terra coruñesa me parecesen os máis integrados e campantes de todo o exilio uruguaio espallado por España”. Mario Benedetti, Madrid, 1984.