xoves, 22 de outubro de 2020

A ARELA DO PARAÍSO


Por Pepe de Rocaforte

   


  Estou lendo nestes días “Morte na pradeira”, do xornalista norteamericano Paul Iselin Wellman (1895-1966), quen, como historiador, dedicou parte dos seus traballos ás guerras indias da segunda metade do século XIX en Dakota e as Montañas Rocosas.

O capítulo III de “Morte na pradeira” empeza así:

Antes da chegada do home branco a vida era algo moi grato nos altiplanos dos Dakotas. Os Sioux Teton circulaban ó seu antollo, con perfecta tranquilidade, a través daquelas rexións. Incontables búfalos pacían nas pradeiras e os seus rabaños formaban enormes manchas anegrazadas. Os Montes Negros e as Montañas Rocosas estaban cheas de veados, castores, osos e outros animais que os Sioux, grandes cazadores, perseguían. Descoñecían a penuria, abondaban os alimentos. (...) Todo concorría para facer agradable a rudimentaria existencia daqueles homes. As squaws coidaban con esmero e sen quebrantos de cabeza do benestar das súas familias. Abondaban neste fermoso mundo as doces paraxes, as fontes cristalinas; eran frondosos os bosques e risoños os extensos vales.

Este parágrafo tróuxome ó pensamento a don Benito Vicetto e a súa “Historia de Galicia”, que empeza así:

Ó se retirar as augas do Diluvio, cando a derradeira onda, turbia e preguiceira, se esvaeu no azul trémulo do mar das nosas ribeiras, por unha desas reaccións admirables na ordenación da natureza, os vales e as montañas empezáronse a cubrir de verdor en pouco tempo: vexetación que elevaba ós ceus as súas emanacións virxinais, coma se a terra, recoñecida ás bondades de Deus, se materializase en perfumes.

Lagos risoños e encantadores, cuxas purísimas augas repousaban da fervenza ruxidoira do Diluvio, esmaltaban sobre aquel delicioso esmeralda dos campos os seus diáfanos cristais; cristais que reflexaban coa maior riqueza de luz a prata das celaxes, e a púrpura dos arreboles do horizonte.

Flores de acesas tintas, de luxosos matices e da máis grata esencia, erguían ós aires as súas corolas máxicas, o mesmo nas suaves declinacións das mariñas, que nas ondas de rochas dos desfiladeiros sombríos. (...) Os ríos esparexían as súas miúdas perlas sobre as areas de ouro dos seus álveos.

E a atmosfera, purísima e perfumada, sen que a máis leve espiral de fume ou po a embazase , parecía de topacio e azar. (...) Galicia era un verdadeiro Edén.


O cal me leva irremisiblemente ó “Xénese”, segundo a palabra de Deus:

Plantara o Señor Deus desde o principio un xardín delicioso, en que puxo ó home que formara, e onde o Señor Deus fixera nacer da terra mesma toda caste de árbores fermosas á ollada e de froitos suaves ó padal. (...) Colleu logo o Señor Deus ó home e púxoo no paraíso de delicias, para que o cultivase e gardase. (...) Dixo así mesmo o Señor Deus: Non é bo que o home estea só: fagámoslle axuda e compañía semellante a el. Formado, pois, que houbo da terra o Señor Deus todos os animais terrestres e todas as aves do ceu, tróuxoos a Adán, para que vise como os había chamar: E, en efecto, todos os nomes postos por Adán ós animais vivos, eses son os seus nomes (...) Mais non se atopaba para Adán axuda ou compañeiro a el semellante. Polo tanto, o Señor Deus fixo caír sobre Adán un profundo sono, e mentres estaba durmido quitoulle unha das costelas e encheu de carne aquel baleiro. E daquela costela que sacara de Adán formou o Señor Deus unha muller, a quen puxo diante de Adán...

Chegado a este punto empecei a meditar sobre a idea do Paraíso, pensamento universal co que o home e a muller soñan cando non teñen outra cousa máis importante en que se ocupar, pero entre todo canto me véu á cabeza non atopei nada medianamente orixinal con que encher as miñas meditacións de hoxe e daquela ocorréuseme traspasarlle a idea ós meus posibles lectores, se algún anda por aí e sinte desexos de meterse en matinacións. ¿Que vos parece?

Entre tanto eu vou ver se dou rematado a lectura de “Morte na pradeira”, lectura que non vou recomendar a non ser que alguén se sinta moi interesado en coñecer como foi a destrución masiva de sioux, cheyennes, crows, shoshones, cherokees, apaches, kiowas, comanches, etc. e os seus xefes de fermosos nomes: Lame Deer, White Bear, Little Wolf, Stone Calf, Big Tree, Red Cloud, Big Crow, White Bull, Little Hawk, Lone Wolf, Sitting Bull, Crazy Horse (por certo: seica a transcrición máis axeitada do seu nome indio non é “Cabalo Louco”, senón “Cabalo Indómito”, vai algo de diferencia, pero a estas alturas, ¿eso que importancia ten?).


Ningún comentario:

Publicar un comentario