luns, 19 de outubro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (93)


    12 máis 1 narradores uruguaios do XX

O Curmán de Undochán

 

            Na crónica anterior aludimos ao anfitrión lorquiano por excelencia e hoxe imos repetir o seu nome no grupo máis ou menos arbitrario que escollemos, simplemente para que o incauto leitor poda consultar esta ducia extensa (na que hai apenas e inxustamente unha única muller) nas páxinas da interrede ao uso: vede aquí unha guía descarnada como simple base para se internar no pracer de leituras ignotas.

Imposíbel obviar, para comezarmos co século XX, unha figura como Eduardo Acevedo Díaz (1851-1921: naturalista en Brenda, Ismael, Nativa ou Soledad, publicadas entre 1886 e 1894), de lonxe o máis destacado romancista da centuria anterior. (Por certo que era neto do coruñés Xral. Antonio Díaz, un daqueles ”Sete de San Nicolás” da Crón. 6).   

Coa sua primeira obra nese mesmo século (Campo, Gurí -guaranismo por neno-, Gaucha, do período 1896-1899), internémonos no seguinte coa figura do criollista Javier de Viana (1868-1926), sen dúbida o máis prolífico contista. Carlos Reyles (1868-1938, autor de Beba, La raza de Caín ou El terruño, todas publicadas entre 1894 e 1916) desenvolve un certo materialismo vitalista e sicolóxico. O universalmente disfrutado Horacio Quiroga (1878-1937, con Los arrecifes de coral, Los perseguidos, Cuentos de amor, de locura y de muerte ou Cuentos de la selva, editados entre 1901 e 1918) pon o ramo a tanta beleza (o seu retrato na Crón. 53). Todos tres da xeración do 900.

            Xa de cabeza no século XX, chegando a ser, como o resto, contemporáneos –inda que non coetáneos- nosos, temos ao Juan José Morosoli (1899-1957) de Hombres, Los albañiles de Los Tapes ou Muchachos (1932-1950).

Rigorosamente coetáneo del foi o noso aludido ut supra Enrique Amorim (1900-1960), autor de La Carreta, El paisano Aguilar ou El caballo y su sombra (1932-1941).

Francisco Espínola (1901-1973) marca un fito de modernidade e maxisterio para varias xeracións, pertencendo el mesmo á chamada “del Centenario”. Son títulos seus Raza ciega, Sombras sobre la tierra ou Don Juan el Zorro (póstuma). (Faleceu na mesma noite do dia do golpe de estado que deu lugar á ditadura de 1973-1985).

Outro innovador, o raro Felisberto Hernández (1902-1964), agasallounos Por los tiempos de Clemente Colling, ou Nadie encendía las lámparas, mesmo La casa inundada. Contos seus antolóxicos: Las hortensias e El cocodrilo.

   De Juan Carlos Onetti (1909-1994) pouco e nada compre dicir, tan coñecido e cercano a nós e vós. (Meu curmán Un non gosta del e eu gozo con citalo aquí, como era de forza).

Armonía Somers (Armonía Etchepare, 1914-1994) é outra orixinalísima, inquietante prosista, en La mujer desnuda ou nos contos de El derrumbamiento ou Solo los elefantes encuentran mandrágora.

Carlos Martínez Moreno (1917-1986), coa sua novela El color que el infierno me escondiera culminou unha enorme obra narrativa, morrendo no exilio.

Julio C. da Rosa (1920-2001), contista singular, dun criollismo actualizado, deixounos, por exemplo, Juan de los desamparados. Estes tres compoñen, entre outros, a xeración do 45. E el está de centenario neste 2020…

… Ao igual que Mario Benedetti (1920-2009), quen integra, xunto con Eduardo (Hughes) Galeano (1940-2015) a dupla mundialmente máis popular entre os escritores uruguaios destas décadas, nos que sería redundante abundar.

 Galeano, con Mercedes Rein, Mario Levrero ou Cristina Peri Rossi (a única sobrevivente destes) formou nas fileiras da prolífica xeración do 60, cos que pechamos esta máis que sintética paseata pola narrativa deste país no século XX, deixando de lado a toda unha numerosa, posterior e actual pléiade de creadores literarios do Uruguai.



(Traducimos): “En Montevideo tivemos sempre tantos galegos que cando agora imos a Galicia parécenos estar entre montevideanos. Non é casual que os compañeiros que achei en terra coruñesa me parecesen os máis integrados e campantes de todo o exilio uruguaio espallado por España”. Mario Benedetti, Madrid, 1984.





Ningún comentario:

Publicar un comentario