sábado, 22 de outubro de 2022

A aurora boreal


Non é a primeira vez que atopo nalgunha lectura unha referencia á aurora boreal como anunciadora dunha vindeira catástrofe. Esta vez foi lendo a Annie Ernoux no seu libro Os anos, onde conta como esa rareza luminescente anunciou no noroeste francés a chegada da Segunda Guerra Mundial; e se me chama a atención é por lembrar cando miña avoa nos falaba de ter visto a aurora boreal na miña vila e como algún veciño vaticinou que ía haber unha guerra. E hóuboa.

Ese prognóstico de Annie Ernoux foi feito en latitudes bastante apartadas do Círculo Polar, moi baixas e polo tanto onde só se pode ver este fenómeno en moi raras ocasións. Outra cousa sería se esa predición fose feita un pouco máis ó norte, onde son moito máis habituais, pois en tal caso países tan pacíficos como Islandia, Canadá, Suecia ou Noruega pasarían a vida guerreando.

Como todos os prognósticos, sempre buscamos un porqué, unha razón para que tan extraordinario feito de ver o ceo aceso, derramando unha fosforescencia inaudita, fose motivo de prevención desde antes de que se soubese que o sol expulsa masa en forma de erupcións cargadas de partículas que interaccionan co campo magnético da terra dando lugar a esas formas lumínicas que, ademais de vistosas, teñen un efecto pernicioso sobre os sistemas electrónicos de que tanto dependemos a día de hoxe, tanto así que fóra do campo magnético terrestre, que dalgún xeito sirve de escudo protector, os satélites sofren as consecuencias desas tormentas solares, con máis frecuencia do que pensamos.

Daquela, na novela Os anos ou na lembranza da miña avoa, non había satélites cuxas avarías puidesen producir calquera tipo de caos, pero o presaxio era temible, tanto como o pode ser calquera fenómeno que non teña unha explicación comprensible en latitudes tan pouco habituais como é a nosa ou pode ser Francia, onde a imaxinación supersticiosa axiña o identificaba como un mal por vir. E de feito, tense comprobado que as grandes tormentas solares inflúen no clima producindo un desequilibrio entre os días de chuvia e sol, ata o punto de provocar anos de malas colleitas e con elas fames e crises migratorias. E dende sempre, unha das causas principais das guerras, foi a necesidade de conseguir alimentos.


O certo é que guerras e pelexas non faltan dende que o mundo é mundo. Sen embargo, nas rexións próximas ós polos, onde as auroras son moito máis frecuentes, a imaxinación non as asociaba con tan perniciosos desastres, senón con motivos, se bens fantásticos, tamén moito máis doados de levar, unhas veces cos escintileos dos escudos das valquirias e outras con un mítico raposo que desprende chispas co seu rabo.  Para os escandinavos era un sinal de boa e farturenta pesca, ou, na opinións dalgunhas tribos de esquimós son debidas á luz que desprenden os finados camiñando polos sendeiros do Máis Alá. Algo máis abaixo a cousa comezaba a complicarse, e se ben para os escoceses eran debidas ás chispas que saltaban nunha suposta guerra celeste, xa máis ó sur, dende a Idade Media, era un celestial aviso de vindeiras catástrofes.

Pódese dicir que dalgún xeito, os nosos devanceiros, sen coñecer os futuros sistemas de comunicación, xa nos viñan previndo contra os seus perniciosos efectos.   

                                                                                 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

mércores, 19 de outubro de 2022

MUSEOS CURIOSOS

 

Por Pepe de Rocaforte

    

Botándolle unha ollada á páxina do Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas volvín admirar a máscara de Agamenón descuberta en Micenas no ano 1876 polo arqueólogo alemán Heinrich Schliemann.

A primeira vez que a vin chamoume a atención, á parte da súa perfección artística, o aspecto facial do rei, “cun leve sorriso irónico nos labios e un bigote esmeradamente coidado”, como daquela escribín aquí, en nada parecido á imaxe que me tiña formado del.

Agora souben que o nome de Agamenón foille adxudicado á máscara por Schliemann cando a descubriu nunha das cinco tumbas reais exploradas nas ruínas da cidade onde el reinara en tempos da destrución de Troia, pero tal nome deberíase rexeitar ó se descubrir que aquelas tumbas databan de arredor do 1550 a.C., é dicir trescentos anos antes do reinado de Agamenón.

Conto esto porque a lectura desa información, que nos volve ó descoñecemento da fasquía do xefe da expedición punitiva contra Troia, tróuxome á memoria outro museo, ó que me referín nunha colaboración anterior na cal falaba dunha visita a Hinojosa de Duero, onde, ademais da repetida exposición de aveños agrícolas, a maioría dos cales actualmente sen uso, ós promotores do museo ocorréuselle dedicar un amplo espacio a outros aparellos que tamén pasan á obsolescencia cunha frecuencia moi superior á das ferramentas agrícolas. Refírome á colección, a cada paso máis grande, de teléfonos móbiles, ou “celulares”, dos que teñen exposta unha abondosa colección que aproveitarán os veciños de Hinojosa para se desfacer alí dos seus aparatos en desuso.

E eso, á súa vez, tráeme á memoria a Orhan Pamuk, coleccionista de visitas a museos curiosos, segundo nos  conta no seu libro “O museo da inocencia”. Vexan, se non, algúns dos por el visitados nas súas viaxes:


O museo de Edith Piaf, (visita con cita pevia), onde se poden admirar cepillos para o cabelo, peites e osiños de peluche.

A casa-museo de Maurice Ravel, onde a Pamuk se lle encheron os ollos de bágoas diante do cepillo de dentes do compositor, as súas cuncas de café, os seus xoguetes e unha gaiola de ferro cun reiseñor tamén de ferro que cantaba.

No Museo da Vida Romántica de París examinou o isqueiro de George Sand, as súas xoias, e unha mecha de pelo grampada nun papel.

En Aix-en-Provence, nas salas do taller-museo de Paul Cézanne, os obxectos persoais e todas as cousas do pintor alí contidas.

En Viena o Museo Freud, cheo a rebordar coa colección de esculturas e antigüidades do pai da psicanálise.

En Besançon, no Museo do Tempo, unha gran cantidade de reloxos.

En Berlín o Museo das Cousas, que lle ensinou que con intelixencia e sentido do humor pódese museoficar todo.

No Museo Sentimental, no piso superior do museo Frederic Marés de Barcelona, unha colección de brincos, prendedores de pelo, abanos, frascos de perfume, panos da man, broches, colares, bolsos e pulseiras.

En Nova York o museo das luvas, en Manhattan.

En Smithfield, Carolina do Norte, o Museo Ava Gardner, co anuario escolar da actriz, os seus vestidos de noite, as súas luvas e as súas botas.

No Museo de Envases e Publicidade de Bebidas, perto de Nashville, unha colección de latas de refrescos e cervexas.

En Saint Augustine, Florida, o Museo da Traxedia na Historia Estadounidense, onde se conserva o Buick modelo de 1966 dentro do cal morreu atrapada nun accidente de tráfico Jane Mansfield.

E non sigo, pero o Premio Nobel turco aínda visitou moitos museos máis ó longo e ancho do mundo, o que me fai supoñer que o importe do premio da Academia Sueca, non lle debeu chegar para moito máis que recorrer tanta colección como conta.