O Curmán de
Undochán
En falando de vellas
pedras neste país, non podemos soslaiar as tres grandes fortalezas
subsistentes, ben que sexa en grande parte reconstruídas no século
pasado, a exemplo desa Santillana cántabra, con criterio oposto ao
de, verbigracia, os italianos, que adoitan respeitar moito as ruínas
e por non restar xenuinidade, evitan, no posíbel, reconstruir, so
pena de caer no pastiche.
A fortaleza mais
cercana de nós, no tempo e no espazo, é a do Cerro montevideano
(ver Crónicas 2). Mais, derrubada a cidadela, como se fixo coa
muralla coruñesa, na XIX centuria, restan outras duas, ambas no
leste e no departamento de Rocha (atentos a este topónimo orixinado
nuns faeneiros luso-porteños, a xente ignorando o seu equivalente
español Roca), testemuñas da resistencia colonial do hispano
perante o luso: Santa Teresa (esquerda, hoxe lugar de ocio co seu
fermoso parque) e San Miguel (dereita), este considerado simple
fortín, case no límite co Brasil.
A de Montevideo |
Mais tamén están as
Bóvedas montevideanas, resto moi arruinado da santabárbara
española.(Coa porta da cidadela pasou o que co pórtico coruñés de
Santo André, trasladada a outra zona da cidade, mais, co tempo,
reinstalada aquela no seu lugar primitivo, na entrada da Ciudad
Vieja).
Ora, hai unha
vellísima pedra que pasa desapercibida, erguéndose na fachada da
moderna faculdade de Arquitectura, unha coluna romano-alxeriana que o
goberno francés doara (1938), procedente de Djémila. (Naquel
período, mesmo Italia doou varias estatuas a Montevideo, as mais
espectaculares: Il Colleoni -por Verrocchio, de Venezia-, Il
Gattamelata -por Donatello, de Padova- e o Davide -por Michelangelo,
de Firenze-, todas tres reproducidas en bronce, esta a presidir o
palacio municipal... doacións hoxe impensábeis).
A de Barcelona |
Outra, esta
contemporánea, da que ninguén ten aquí noticia cabal, évos a
farola-fonte porcedente dunha das ramblas barcelonesas, que,
resituada recentemente no adro do Mercado del Puerto (un
dos pontos turísticos) fora doada (1988) polo presidente
Pujol, como compensación pola repatriación dos restos de Margarita
Xirgu (1888-1969), que na sua casa do Leste morrera, despóis dun
froitoso maxisterio de vinte anos, nos que formou importantes
representantes do prestixioso teatro uruguaio (entre os cales, dito
como simple anécdota, “el Gayego Félix”, segundo era coñecido
na sua adolescencia montevideana o futuro Sancho Gracia).
(Esta bela peza da
arte catalá non ten indicación algunha da sua singular procedencia,
por certo non funcionando na sua parcela de fonte). A propósito de
Xirgu, é memorábel a coincidencia en Montevideo coa nosa María
Casares, cando, formando no elenco do Théâtre National
Populaire, visitou esta capital (1957).
Dato
extemporáneo: En 2008 o cineasta compostelán Pablo Iglesias Rendo
estreouse co film Pedro e o
capitán, versión galega da obra do uruguaio Mario
Benedetti.
Ningún comentario:
Publicar un comentario