domingo, 7 de agosto de 2016

A rapeta


Nestes días de verán cando as praias deixan de ser un lugar de previsión para ser lugar de ocio, tras unha visita ó museo de Pontevedra, onde atopamos esta pedra que algún día foi o lintel dunha casa de Rianxo, lembramos un deses usos da praia que xa se van esquecendo: a Rapeta.
A rapeta é o representado neste lintel, unha arte pesqueira que fala de colaboración entre os veciños, e de feito aí se ven dous paisanos tirando dos canos e un peixe aló ó outro extremo do copo, que nos dá unha idea vendo estoutra foto antiga.

          Hai dúas modalidades, unha realízase cun barco que estende unha rede que unha lancha vai levando arredor do banco de peixe ata volver de novo ó barco, deixando dentro dela toda a pesca, pero a outra, a que representa este lintel, facíase desde a praia, estendendo a rede polo mar para volver coa dorna ou gamela de novo á praia, e desde aquí, dous grupos de persoas tiraban de cada extremo acercando o peixe encerrado a terra, onde logo só era cuestión de recollelo con un salabardo.
Está claro que o lintel desta casa indica que a mesma pertencía a un pesco, e eu aínda penso se non sería un pesco sen dorna pero non por iso menos pesco cos demais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario