Por Pepe de Rocaforte
Este pasado domingo clausuráronse os Xogos Olímpicos de
Rio de Janeiro e debo confesar que case non seguín o seu desenvolvemento. A
estas alturas paréceme unha celebración con máis de circense que de deportiva,
na cal quen non logra ganar algunha medalla case non conta para nada porque
nela o importante é triunfar, non competir, en contra das intencións do Barón
de Coubertin cando a resucitou hai algo máis dun século.
De rapaz, en cambio, fun un seguidor apaixonado que
soñaba con tamén un día participar nestas competicións. Nunca cheguei a cumprir
nin de lonxe este desexo e o meu entusiasmo, por ese e outros motivos, acabou
por esmorecer.
O primeiro desencanto, aínda que esta non sexa a palabra
máis axeitada, empezou a medrar durante a celebración da Olimpíada de México en
1968. Neses Xogos produciuse un feito esencial cando os gañadores da carreira
dos 200 metros lisos subiron ó podio para recibir as medallas acreditativas do
seu triunfo.
Foran medalla de ouro o estadounidense Tommy Smith,
medalla de prata o australiano Peter Norman e medalla de bronce outro
estadounidense, John Carlos. O primeiro e o terceiro clasificados eran negros,
militantes do “Proxecto Olímpico para os Dereitos Humanos” e cando no alto do
podio empezou a soar o himno norteamericano baixaron a cabeza e ergueron o puño
cunha luva negra, no saúdo dos “Black Panters”.
Rematada a cerimonia os atletas foron expulsados da vila
olímpica e de volta nos Estados Unidos recibíronos como delincuentes,
segregados da sociedade e imposibilitados para atopar traballo en ningures. É
dicir, Tommy Smith puido ganar a vida como lava-coches nun aparcamento e John
Carlos foi cargador no porto de Nova York, a súa muller suicidouse e el, en
2010, viuse obrigado a subhastar a súa medalla olímpica para poderse manter. Todo
eso por seren coherentes na súa loita pola igualdade racial.
O que non sabía era o que lle sucedera ó ganador da
medalla de prata, o australiano Peter Norman, cuxa sorte acabo de coñecer agora
gracias a un artigo de Juan Forn no diario arxentino “Página-12”.
Antes
da cerimonia de entrega de medallas en México-68, John Carlos e Tommy Smith
contáronlle ó velocista australiano o que ían facer no podio. Norman mostrouse
de acordo con eles e pedíulles unha pegatina do “Proxecto Olímpico para os
Dereitos Humanos” para lucila no peito, en solidariedade con eles, durante o
acto.
De
regreso en Australia Peter Norman foi condenado ó ostracismo. Conminárono a
pedir perdón pola súa actuación en México, pero el negouse. En castigo non foi
seleccionado para os Xogos Olímpicos de Munich-72 a pesar de ter as mellores
marcas australianas en 100 e 200 metros lisos e cando se celebrou a Olimpíada
de Sidney no ano 2000 e todos os medallistas australianos foron convidados a
desfilar no acto inaugural, Norman foi excluído. Cando en 2006 morreu, dun ataque ó corazón, os seus compañeiros de
podio en México, Tommy Smith e John Carlos, viaxaron a Australia para levar a
ombros o seu cadaleito.
Ata
aquí se chegou nun país do cal descoñecía tanta intransixencia racista,
admirador como eu fora de Herbert Elliot, australiano tamén, gañador da medalla
de ouro dos 1500 na Olimpíada de Roma, a figura a quen por aquel tempo soñaba
con emular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario