venres, 19 de agosto de 2016

NO SUR DE GALICIA


Por Pepe de Rocaforte
Supoño que, entre nós, non haberá discrepancias para admitir que todo o frente marítimo galego, salvo algún que outro caso illado que non vou sinalar, reborda fermosura. Por outra parte tampouco é cousa de facer comparanzas, sempre suxeitas a unha manchea de apreciacións subxectivas que finalmente a nada conducen.
Pero unha vez sentado esto debo confesar pola miña parte que ó longo do noso litoral hai tres lugares, tres tramos de costa, que exercen sobre min unha atracción especial, atribuíble tal vez a unha evidente influencia telúrica, que me sinto incapaz de explicar cun mínimo de coherencia.
O primeiro destes tramos vai desde Ribadeo a Foz, na Mariña luguesa. O segundo desde O Pindo a Muros, ó final da Costa da Morte, outro lugar á parte, pero cun sentido netamente distinto. E o terceiro leva de Baiona á Guarda, onde o Miño marca a fronteira con Portugal.
En todos eles encontro unha sobrecolledora confluencia entre terra, mar e ceu, os tres nitidamente delimitados, os tres cheos dunha forza silenciosa chea de grandeza, para min moi difícil de describir.

Este terceiro traxecto, por certo o primeiro deles que coñecín, véñoo visitando nos últimos oito anos e sempre encontro novas razóns para me sentir impresionado ante el, non só polo traxecto ó longo do litoral, senón pola visión de inmensidade desde os altos de Burgueira e Mougás, na baixada á beiramar de Oia.
Esta semana pasada volvín andar por alí e á dor provocada pola crecente urbanización mal controlada, sumouse a proliferación de incendios cuxos fumes chegaban a ocultar o sol, os avións contra-incendios baixando continuamente a coller auga no estuario do Miño para combater as labaradas que ameazaban as costas de Caminha despois de ter arrasado os montes do lado de aquí.
Non puiden gozar dos portentosos solpores no mar, para min máis impresionantes que os admirados desde o faro do Cabo Fisterra, e regresei á Coruña coa alma nun puño. Agora, incapaz de ningunha outra cousa, só podo deixar constancia da miña dor diante desta progresiva destrución da terra, da nosa terra e de todas as terras, se non se busca dunha vez a maneira de lle empezar a poñer remedio a tanto mal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario