mércores, 31 de agosto de 2016

AVENTUREIROS MARÍTIMOS




Por Pepe de Rocaforte
Conta o escritor Ignacio Sánchez Ortega que no ano 1984, durante unha estancia na vila alacantina de Moraira, tivo información sobre a vida dun aventureiro local, Pedro Villena, que a mediados do século XIX viviu unha curiosa historia pola que o escritor se sentiu inmediatamente fascinado.
Disposto a levar ó papel a relación da gran aventura de Pedro Villena, Sánchez Ortega prolongou a súa estancia en Moraira a fin de recadar máis información, facendo un periplo polas librerías de vello da zona levantina, así como polas redaccións dos xornais, á procura de datos para a súa narración.
O afán por informarse levaríao a Alxeria, despois ó sur de Italia, e como remate a Istambul, Asia a un lado, ó outro Europa, que dixo Espronceda, o xeógrafo. E todo sen ningún resultado positivo.
Esta falta de resultados fíxoo renunciar á redacción da historia de Pedro Villena. Pero as súas indagacións, idas e voltas á busca de información, proporcionáronlle material para un libro, “Aire mediterráneo”, que pasaría sen deixar rastro porque ós tres meses de posto en circulación regresaría das librerías ó tanatorio de libros, sen ter merecido sequera unha crítica, nin unha simple reseña, aínda que fose reprobatoria, en ningún medio informativo.
É posible que de casos coma este nacese a socorrida expresión de “a aventura de escribir”. Non o sei. Eu lembreime agora del porque o outro día estiven en Aguete e nun casarón do porto vin unha placa co seguinte texto: “Aquí vivió y murió Juan Gago de Mendoza, corsario, guerrillero y caudillo, que al frente de las Alarmas de Morrazo liberó a Marín del yugo napoleónico, la Agrupación para la defensa de Marín – Ademar”, en el CXCIX, aniversario de la gloriosa gesta, como testimomio público de recuerdo y gratitud por su heroico comportamiento. Marín, 4 de abril de 2008. Día de la Liberación”.
Gustaríame máis ver ese texto en galego, pero é o que hai. E haber tamén hai un libro de Alberto Fortes, “O Corsario”, onde se novela a vida desa personaxe, amén de varias outras informacións doadamente asequibles en internet, cousa que non sucede co aventureiro alacantino, polo cal vou quedar coas ganas de saber en que consistiu “a gran aventura de Pedro Villena”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario