xoves, 24 de agosto de 2017

AS MEIGAS OU O CHIBO EXPIATORIO

                                                                                  Por Pepe de Rocaforte


   
Nestes días pasados, remexendo libros en repouso desde hai tempo batín coas Obras Completas de Bécquer, un dos meus autores favoritos na adolescencia.
 
     Abrín o tomo con medo, por causa das moitas decepcións sufridas con outros escritores a quen de rapaz admirei profundamente. Non me sucedeu tal cousa neste caso e gocei como de adolescente co lirismo e o misterio das súas Lendas. E ademais fixen o descubrimento das “Cartas desde mi celda”, que nunca lera con anterioridade.

                   Trátase, como saberán vostedes, das colaboracións enviadas ó xornal madrileño “El Contemporáneo” en 1864 desde o mosteiro de Veruela, a onde o poeta se trasladara coa intención de curar da súa tuberculose. Entre esas “Cartas” chamoume a atención a “Carta Sexta”, onde conta a historia, que lle referiu un pastor, da morte da meiga de Trasmoz, un suceso desapiadado e brutal protagonizado polos habitantes daquela poboación aragonesa.
                   Tan salvaxe e inhumano lle pareceu a Bécquer o relato do pastor que non daba creto a que tal feito sucedese pouco tempo antes e o propio pastor fose testemuña do suceso. “Non hai tres anos cabales que con estes mesmos ollos que ha comer a terra a vin caír [á meiga] polo alto deste precipicio, deixando en cada unha das penedas e das silvas un farrapo do vestido ou da carne, ata chegar ó fondo, onde ficou esmagada coma un sapo.”
  
    
      A “meiga” fora perseguida a pedradas ata o lugar onde a tiraron. Na caída quedou colgada pola saia no saínte dunha peneda e antes de poderse afianzar para non seguir caíndo os homes levantaron unha pedra enorme e guindáronlla baténdolle con ela no medio do peito. A pobre muller seguiu a súa caída a rolos ata un regueiro no fondo do val, onde ficou sen vida.

                 Un caso parecido cóntao Nicolás Tenorio no seu inestimable libro “La aldea gallega”. Refire o autor que en 1901, sendo xuíz de Viana do Bolo, instruíu un sumario por malos tratos e intento de homicidio na persoa de Tomasa Yáñez, a “meiga de Cobelo”, á sazón con 74 anos de idade. Uns seus veciños, por considerala causante das súas desgracias, entráronlle na casa, sacárona da cama onde durmía, arrastrárona por toda a vivenda collida polos cabelos, moérona a paus e deixárona por morta debaixo dun banco, co brazo dereito e catro costelas rotas “e sen un sitio do corpo onde non tivese sinal das mocas”.
                     Respecto a estes  e outros máis importantes casos de salvaxismo similar expón René Girard a súa teoría da inmolación do chibo expiatorio, un feito, segundo o filósofo francés, detectable de forma máis ou menos velada na base de todos os mitos. Só ofrecendo unha vítima inocente se detén o ciclo de agresións e vinganzas inacabables a que o desexo mimético leva ó home. O sacrificio en común desta vítima crea e fortalece o sentimento comunitario. Como sucedeu con Cristo na Xudea daquel tempo, ou coas “meigas” no noso mundo rural de aínda non hai tantos anos. 
                    Cando xa daba por acabada esta páxina, encontrei en google a información de que a localidade de Trasmoz está excomulgada pola Igrexa desde o século XIII por celebrar aquelarres e festas pagás. Actualmente continúa na mesma situación, o que non sei se preocupará moito ós seus oitenta habitantes actuais. O que me gustaría saber é a opinión do papa Francisco se chega a ter información do caso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario