luns, 28 de agosto de 2017

Un hórreo sen pés



Anque lle falten os pés e os atributos apotropaicos, os símbolos protectores da fortuna, este tamén é un hórreo.  
É un hórreo porque serve para gardar e conservar o gran, porque mantén o produto illado da humidade do chan, xa que está montado sobre unha laxe que emerxe sobre o terreo. As pedras que o forman, colocadas como só un bo canteiro podería facer, sen argamasa nin barro que as una, encaixan perfectamente deixando as regañas de ventilación, que é a outra das características propias dun hórreo.
A planta do mesmo, perfectamente adaptada á laxe que o soporta é de forma oval e a cubrición de tella do país, soportada por unhas ripas ou trabes doadas de desmontar. E como esta edificación cumpre as funcións dun hórreo, é un hórreo a pesar das carencias que notamos.
E este, concretamente, úsano os donos para un primeiro secado do millo, antes de pasalo a outro hórreo máis canónico, o cal nos pode levar a denominalo como “tulla”, só que a tulla non soe estar fóra da casa e polo xeral non ten ocos.

O millo só pode ser almacenado por un neno que entra por un oco superior, e unha vez colocado o cereal con arte de estibador, se se necesita sacar algunha espiga, sácase apartando unhas pedra da base sen que por iso se derrube toda a estrutura. E polo modo de estar colocado o millo, poderíase baleirar o hórreo, espiga a espiga a través desa abertura.
Sobre a idade que pode ter esta construción, unha persoa da casa asegúranos que polas contas que lle botan e as lembranzas dos máis vellos, que xa lle oían falar del ós seus antepasados, calcúlase que supera os dous séculos de vida, o que non sabemos é se este tipo de construcción era máis habitual ou se este é un caso único. Para nós unha rareza que atopamos na parroquia de Carreira, no concello de Ribeira.
As fotos son dos primeiros anos da década dos oitenta do século pasado.

1 comentario: