sábado, 26 de agosto de 2017

Que significa a integración?


Despois dos tráxicos atentados acontecidos o pasado día 17 de agosto en Catalunya, algunhas organizacións alertan do incremento das agresións islamófobas . Apúntase a que os ataques terroristas puidesen servir de pretexto para que, quen xa albergaba sentimentos latentes de hostilidade cara as persoas musulmanas, puidese sentirse libre de facelos explícitos. Cando unha persoa non pode admitir como propio un autoconcepto xenófobo, pon o foco no exogrupo, ao que culpa de non integrarse nunha sociedade que, en moitas ocasións, é a súa. Así, nestes días asistimos a unha alarmante manifestación do descoñecemento do concepto da integración, que intentaremos aclarar brevemente.
A integración vai requirir esforzos recíprocos de aprendizaxe e respecto ao outro nun contexto con normas de convivencia comúns. Así, chamamos integración á convivencia entre culturas en pé de igualdade. É neste punto onde persoas que nunca se dirían a si mesmas racistas, mostran ate que punto van ser parte implicada nos problemas de integración de grupos culturais alleos a eles: un psicólogo láiase do pouco integradas que se atopan as mulleres musulmanas que acoden á súa consulta, “mesmo levan velo”, di. Xornalistas da televisión española preguntan a unha rapaza nada en Barcelona se está integrada. Ela é unha coñecida activista que, como sinala, sempre estudou en colexios e universidades públicas. Por que ten que dar esa rapaza explicacións sobre a súa integración no país en que naceu?. A resposta poden imaxinala: leva hiyab.
Estes exemplos mostran como dicimos integración cando realmente queremos significar “asimilación”. Agardamos que os membros de culturas diferentes renuncien á súa identidade para adaptarse á cultura maioritaria, negamos unha verdadeira integración multicultural que nos desorienta e preferimos a comodidade de que os demais fagan todos os esforzos por achegarse a nós, rexeitando de pleno esa característica básica da integración real que esixe esforzos por parte de todos os grupos implicados nunha sociedade.
                                                                             Adelaida Vidal

Ningún comentario:

Publicar un comentario