Anque lle falten
os pés e os atributos apotropaicos, os símbolos protectores da fortuna, este
tamén é un hórreo.
É un hórreo
porque serve para gardar e conservar o gran, porque mantén o produto illado da
humidade do chan, xa que está montado sobre unha laxe que emerxe sobre o terreo.
As pedras que o forman, colocadas como só un bo canteiro podería facer, sen
argamasa nin barro que as una, encaixan perfectamente deixando as regañas de
ventilación, que é a outra das características propias dun hórreo.
A planta do
mesmo, perfectamente adaptada á laxe que o soporta é de forma oval e a
cubrición de tella do país, soportada por unhas ripas ou trabes doadas de
desmontar. E como esta edificación cumpre as funcións dun hórreo, é un hórreo a
pesar das carencias que notamos.
E este,
concretamente, úsano os donos para un primeiro secado do millo, antes de pasalo
a outro hórreo máis canónico, o cal nos pode levar a denominalo como “tulla”,
só que a tulla non soe estar fóra da casa e polo xeral non ten ocos.
O millo só pode
ser almacenado por un neno que entra por un oco superior, e unha vez colocado o
cereal con arte de estibador, se se necesita sacar algunha espiga, sácase
apartando unhas pedra da base sen que por iso se derrube toda a estrutura. E polo
modo de estar colocado o millo, poderíase baleirar o hórreo, espiga a espiga a
través desa abertura.
Sobre a idade que
pode ter esta construción, unha persoa da casa asegúranos que polas contas que lle
botan e as lembranzas dos máis vellos, que xa lle oían falar del ós seus antepasados, calcúlase que supera os dous séculos de vida, o que non sabemos é se
este tipo de construcción era máis habitual ou se este é un caso único. Para
nós unha rareza que atopamos na parroquia de Carreira, no concello de Ribeira.
As fotos son dos
primeiros anos da década dos oitenta do século pasado.




