Din que o mesmo nome apunta a que o señor de Milmanda mandaba mil
homes, que non vos eran poucos, pero fosen ou non fosen tantos, o mesmo número
xa fala da importancia deste asentamento defensivo próximo a Celanova e que
hoxe só é unha aldea de poucos habitantes.
Non hai que ser moi experto para descubrir na aldea de Milmanda os restos dun
castelo que que tivo a súa época de gloria nos tempos de Alfonso VII, e
rexentado por un fillo do conde de Allariz chamado Sancho Joanes ou Ioanes ata
que dous séculos máis tarde, xa no século XIV o último señor que alí
apousentaba caeu en desgracia co rei Henrique II que llo confiscou.
“O último señor de Milmanda” é unha lenda recollída por don Leandro
Carré Alvarellos, onde se narra o final deste señorío.
De feito, se apreciamos unha vista aérea do lugar, pódese ver
doadamente como era ese alcázar, lugar fortificado, edificado sobre un antigo
castro.
O seu territorio pertenceu no século X ó mosteiro de Celanova foi un
lugar de defensa e vixilancia da próxima fronteira de Portugal, e por iso, a
pesares de ser derruído nas guerras irmandiñas, logo foi reconstruído e
habitado ata que deixou de ser necesario no século XVIII, e unha das torres do
castelo foi aproveitada para campanario da igrexa. Asemade, as pedras do
castelo serviron para amañar as casas do que hoxe só é unha aldea.
Deste lugar escribeu Curros unha historia apartada da veracidade
histórica, titulada “El Maese de Santiago” cando só tiña
vintecinco anos; e Mendez Ferrín escolleu o nome de Milmanda para nomear unha
espada no relato curto Arnoia, Arnoia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario