Por Pepe de Rocaforte
Pero o
meu propósito era falar doutra cousa cando se me atravesou o dinosauro pelma
nunha lectura máis recente. Sucede que ando cunha novela entre mans, a primeira
que leo dun escritor a quen admiro polos seus artigos xornalísticos, pero quen
como narrador estame dando unha pequena decepción, tal vez máis que nada pola súa
ansia en mostrarse orixinal.
Pasando
páxinas encontro no texto unha expresión tanto ou máis sobada que a do contiño
de Augusto Monterroso. Esta: “la del alba sería...”, unha expresión considerada
popular polos cultos admiradores do vello manco Migueliño de Cervantes, que
demostran ser tan malos lectores do Quixote como eu o fun no seu día e seguro
que aínda o seguiría sendo se non me desasnase un estudoso da obra cervantina,
que en principio pensei tratarse de don Fernando Lázaro Carreter, pero cando
fun buscar a confirmación descubrín que se trataba de Francisco Rico.
Na
edición do “Don Quijote de la Mancha” patrocinada pola Asociación de Academias
da Lingua Española con motivo do IV centenario cervantino, en nota ó pe da
frase con que se inicia o capítulo IV, “La del alba sería”, aclara o señor Rico:
«“La hora del alba sería”; el antecedente es hora, la última palabra del capítulo precedente». Así de simple.
Sen pataqueiradas de expresión popular e demais cultas meteduras de pata.
Outro
asunto diferente: un fillo meu coméntame o curioso que lle resulta ver “amodo”,
e non “a modo”, como escritura correcta
en galego, mentres “aparte” débese escribir “á parte” para ser ortograficamente
correcto. Acúsolle recibo sen comentario e lémbrome de Unamuno: “los
portugueses (...) hoy escriben mythologia
con y griega y th, y es casi seguro que dejarían de escribir así para hacerlo
como nosotros si nuestra academia decretara que nosotros lo hagamos como
ellos”.
¿Escribiría
esto don Miguel cun puntiño de mala uva? Non, non o creo. (Ademais os
portugueses agora escriben “mitologia”).
Ningún comentario:
Publicar un comentario