xoves, 19 de xullo de 2018

O CAZADOR DE RATOS



Por Pepe de Rocaforte
   


          
 

Cando falamos do valor dalgunha cousa, o primeiro motivo da nosa estimación por ela parece ser o da súa utilidade, algo que sempre me fai lembrar o debuxo aquel de Xesús Campos no que se ve un señor de chistera e levita montado a cabaliño enriba doutro señor de boina e zocos ó cal controla coas rédeas nunha man e un látego levantado na outra mentres afirma: “¡O galego é útil!” Pero ó mellor pásome nos meus prexuízos, porque en realidade concédeselle o máximo valor a cousas que non serven para case nada, e como exemplo abonda con citar os diamantes, esmeraldas e demais pedras preciosas.


            Vén a conto este exordio para entrar no tema de hoxe. ¿Que lugar ocupan na nosa estima as obras literarias? ¿Valen para algo? E ó falar de obras literarias refírome particularmente ás consideradas (digamos dun xeito superficial) como de entretemento: novelas e contos en xeral.
            Veume este asunto á cabeza diante do exemplo de Hameln, unha pequena cidade da Baixa Saxonia, a uns cincuenta quilómetros de Hannover, na Alemaña, con pouco máis de cincuenta mil habitantes e máis coñecida entre nós como Hamelín.
Supoño que con só citar este nome case todos nos acordamos da historia do “Flautista de Hamelín”, coñecida na Alemaña como “O cazador de ratos”, título por certo moito menos atractivo que o posto por nós aquí.

Pois ben, os actuais habitantes de Hamelín decidiron sacarlle proveito á lenda tradicional do cazador de ratos, recollida y popularizada polos irmáns Grimm,  e tódolos días, á unha, ás tres e media e ás cinco e media da tarde, soa un enorme carillón na fachada dun edificio da praza principal, ó tempo de abrirse nesa mesma fachada unha fiestra pola cal circula o flautista seguido dos ratos, e detrás  deles un grupo dos nenos engaiolados pola música do cazador.
            O espectáculo congrega na praza a unha manchea de espectadores, que tamén poden seguir a historia, representada a diario polas mañás e dirixida por un músico vestido cun traxe rechamante cheo de colorido, que vai seguindo o camiño sinalado por unha reste de ratos reproducidos no pavimento, camiño que leva ata a ribeira do Weser, o río que bordea Hamelín, onde conta a tradición que morreron afogados os roedores.
            E, colorín colorado, desta maneira conseguiron os hamelinenses atraer un considerable número de turistas á súa cidade, coa conseguinte repercusión na economía local, e nós podemos comprobar como un conto serve para atraer visitantes a unha localidade que, de calquera xeito, tamén conta con outros atractivos para cantos decidan visitala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario