xoves, 12 de xullo de 2018

XABIER PUENTE DOCAMPO



Por Pepe de Rocaforte
  

            Non me atopaba na Coruña cando se produciu a morte de Xabier Docampo, pero xunto coa información dada aquí nos Chanzos chegáronme máis dunha ducia de whatsApps dándome conta da noticia non por esperada menos triste.

            Agora non quero falar de tristezas, sei que a Xabier non lle gustaría, nin aceptaría de boa gana a homenaxe de outra oración fúnebre. O seu carácter, ben o saben cantos o coñeceron, era alegre, divertido, alguén en cuxa compañía sempre te encontrabas a gusto. E para lembrar ese espírito seu, referirei unha anécdota sucedida no transcurso dunha viaxe feita hai poucos anos pola illa de Sicilia.


            Estabamos un día nas abas do Etna e mentres faciamos tempo á espera duns compañeiros que se atreveran a subir ata o pé do cráter máis elevado, a guía que nos acompañaba, unha moza siciliana que facía o que podía para nos entreter (con non moito éxito), contounos que o Etna era o volcán máis alto de Europa, dos actualmente en actividade, detalle este último ó cal unha señora do noso grupo non lle prestou maior atención, porque a bote pronto retrucoulle á guía coa afirmación de que en España había un volcán de maior altura: o Teide.

            Eu, deixando de lado o detalle de ter ou non ter actividade actualmente, aclareille que o Teide se atopaba en África, non en Europa. Entón, insistindo na súa teima, a señora informoume do meu erro: o Teide encóntrase nas Illas Canarias, afirmou chea de razón. Precisamente por eso está en África, repliqueille.
            Entón, coa intención de cortar toda posible prolongación do tema, mediou un señor todo cheo de razón patriótica, para ditaminar con autoridade: As Canarias son provincias españolas, polo tanto, se o Teide está en Canarias, ¡está en Europa! E punto.
            Daquela Xabier Docampo, coa súa voz chea de retranca, chamoume a atención, falando para que o oísen todos: Oi, Pepe, ¿sabes unha cousa? Acábome de decatar agora mesmo de que ata 1898 a Illa de Cuba estaba en Europa.
            Escuso dicir que dese xeito se lle puxo punto ó tema das alturas volcánicas. E con este recordo divertido finalizo hoxe, ó tempo de afirmar que, polo menos mentres vivamos cantos te coñecemos, continúas vivo, Xabier, e segues a nos animar como sempre fixeches. Unha aperta agarimosa para ti.

Ningún comentario:

Publicar un comentario