martes, 10 de xullo de 2018

San Bieito na silveira


     No retablo barroco dedicado a san Bieito no mosteiro de Celanova, hai unha métopa facendo referencia a unha das maiores tentacións que o santo tivo ó largo da súa vida. Trátase dun sentimento luxurioso que lle custou moitos quebracabezas ó patrón de Europa.

     Todo comezou cando el, aínda novo, andaba por Roma e viu pasar unha fermosísima moza detrás da que se lle foron os ollos. E tal sentimento de culpa tivo o home, que nada máis chegar á súa cela aplicouse un duro castigo para que aquela tentación saíse da súa mente, máis como a imaxe da fermosa rapaza permanecía, baixou a onde había unha mesta silveira, espiuse e tirouse entre os arbustos aqueles ata deixalos sen espiñas. E tal remedio se aplicaba ó largo da súa vida cada vez que a figura daquela beleza romana lle viña á cabeza.       
     Tal é así que en certa ocasión, no mosteiro de Samos, un monxe ensinounos a silva de san Bieito, que crecía nun dos claustros do convento e non tiña nin unha soa espiña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario