Amosando publicacións coa etiqueta crenzas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta crenzas. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de decembro de 2018

Espíritos malignos vía Wasap


  
                Por culpa duns Wasaps, e dos “espíritos malignos” que operan a través desta rede social (en palabras da autoridade), a mediados de novembro, impúxoselle o toque de queda a todos os mozos menores de dezasete anos no pobo cafeteiro de Pajarito, nas montañas colombianas. A alarma apareceu tras observar como varios rapaces comezaron a portarse de forma rara, con ataques de histeria, convulsións, autolesións, dicindo parvadas e anunciando futuros suicidios, supostamente posuídos por uns malvados demoños que vía informática lles obrigaban a cometer tales actos contra si mesmos. 
Debe ser a primeira vez que un wasap provoca un toque de queda, esa medida excepcional que se dita como precaución pero que no fondo encerra todos os sentimentos de medo imaxinables, tanto por parte de quen o impón como de quen o sufre. Así pois, coidado cos wasaps, parecen cousa simple e amable pero cárgaos e manéxaos o demo. Veñen sendo como unha bomba que ninguén sabe onde nin cando vai explotar, que tanto pode causar a desaparición en corpo e alma dun ministro como a caída, derrube e asolamento das máis altas estruturas do Estado. Eu mesmo acabo de darme de baixo dun grupo que me ameazaba con todo tipo de desgracias familiares e persoais se non asinaba certo manifesto ou se non expandía entre os meus contactos a súa apocalíptica mensaxe en menos de media hora.
Certamente, contra o bombardeo provocado pola rede, cando esta se converte en pretensiosa arma de argalladura masiva, só funciona un bo escudo mental que che axude a discernir entre o conveniente e o inconveniente. Agora tamén sei que por orde ministerial, nas próximas eleccións dispararan, a destra e sinistra, vía redes sociais os seus mísiles teledirixidos todos os candidatos, directamente á parte máis sensible de cada un de nós, sen respectar a meditada reflexión que polo xeral dura máis dunha simple véspera electoral.
O malo dos Wasaps é facerlle caso sen medir as retorcidas intencións de quen os manda sen ponderación, sen aprender antes a usar o botón de erased que vén incluído de fábrica en todos os aparellos. Mais este é o modernismo do que ninguén quere prescindir, o que todos levamos no peto como pistola ó cinto para mofarnos e ridiculizar sen medir as consecuencias. Imaxinade que no Senado se prohibise o seu uso acusándoo de albergar o nubeiro da discordia e se obrigase por lei a exorcizar a rede social de cada un para evitarlle ós perversos trasnos, verdadeiros delincuentes ó amparo da nocturnidade electromagnética, a facilidade para teclear, propoñer ou vangloriarse dos máis profundos e incontrolados actos vandálicos a golpe de matapiollos, incluso para propagar con prepotencia as sabidas verdades que todos coñecemos pero non nos gusta oír, de se un xuíz está comprado ou unha votación amañada. O malo das redes é que invitan á espontaneidade e esquivan a reflexión. Dicíanos un profesor de ética que se antes de dicir algo o pensásemos durante un par de segundos, moitas veces ficaríamos calados.
Tanto sería de agradecer un antivirus contra eses malignos seres expertos en tentar á humanidade para que cometa todas as rarezas e conductas negativas imaxinables, ou para que amosen o orgullo, a presunción e ata o falso testemuño. En fin, que as redes non son as culpables do mal uso que delas se faga e nada se vai gañar con impoñer o silencio dun toque de queda. O becho segue aí, sempre ó asexo e co dedo disposto.

xoves, 20 de xuño de 2013

Aproximación ó ritual do san Xoán

                        Ritos de adiviñación para a noite do san Xoán
            Por ser noite meiga non faltan nelas os meigallos, os ritos propiciatorios e de adiviñación, e así, se unha moza escribe o nome de tres pretendentes en papeis dobrados que mete baixo a almofada, o primeiro
que lle vén á man á mañá do vintecatro será o que mellor lle cadra para marido.

            Se se deixa a pela dunha pataca no antepeito da fiestra durante a noite, segundo a forma que colle pola mañá indicará a inicial do nome de quen acabará casando con ela.
            Se ás doce da noite a rapaza se pon espida diante do espello, verá reflectida por detrás dela a imaxe do futuro marido.
            Tamén o mozo que pretende os favores dunha moza, debe cortar un acivro ás doce da noite, pasalo por debaixo de trece ondas de mar ó tempo que reza un Credo por cada onda, e con el logo ha de tocar á rapaza que no acto quedará namorada del.
            E quedan moitos máis, seguro que cada parroquia ten o seu.


                                                 As augas da saúde
            Nesta noite milagreira, cando as mulleres infecundas acoden á Lanzada ou á praia de san Francisco de Muros a recibir o baño das nove ondas para propiciar a saúde e a fecundidade, lémbrannos os baños propiciatorios que se facían en Atenas en honor de Démeter a deusa da agricultura. E de feito, un pouco relacionado con isto das augas bendicidas polo san Xoán, considérase que non se poder levar baños de mar antes deste día, que é cando o santo bendice as augas.
            Considérase que a auga de certas fontes cobra especial poder na mañá de san Xoán, tales como a de san Gregorio de Padrón ou a fonte de Bexán en Cambados, onde se lavan os que padecen mal de ollo.
            Curioso é en Monterroso, onde os paisanos se lavan na auga contida nun sartego que hai no cemiterio de Sirgal.
            Pero tal vez a que pode ser a auga máis pura, a do orballo, a auga que nace co día, úsase para purificar o corpo e combater a sarna, e incluso para que empape a roupa que se vai poñer; pero tamén para que o gando pase por entre as follas empapadas de tales augas para purificalo.
            Non é novo este costume, pois que xa na Grecia Clásica se recollía o orballo nos solsticios con fins purificadores.
            E apuntamos finalmente, como remedio contra o bocio, beber a auga de nove fontes, desde as doce da noite ata o amencer do día de san Xoán.

                                   As herbas de san Xoán
       
    
Pero a maneira infalible de purificar as augas e coas herbas de san Xoán, sempre un número impar de herbas olorosas, que poden ir de tres a nove, pero na maioría dos casos son sete, que varían segundo a zona, tales como rosas, romeu, hortensia, ruda, menta, hedra, herba de san Xoán, fiuncho, folla de figueira, etc.

            Son herbas que se poñen ó sereno durante toda a noite, é polo mañá métense na auga con que imos lavarnos. Xa Plinio cita algunhas delas como herbas solsticiais, e no seu caso estas eran a artemisa, pegotes, camomila, grama, hedra terrestre, licopodio, hipérico, orquídea, saramago e verbena, cada unha coa súa virtude e que segundo o autor romano, cobran aínda máis forza cando lles dá o luar, e así, sempre segundo el, o amaranto serve para atraer o favor de persoas importantes, a artemisa e o crisantemo arredan o mal de ollo, a rosa vermella favorece a concepción e o salgueiro arreda os males nocturnos. Por iso non está de máis saber que herbas se escollen no momento de escollelas.
            En moitos lugares protéxese a casa co ramo de san Xoán, que se colga na porta da casa ou nas fiestras, como protectores contra o mal.
            No caso de Arteixo, estes ramos fican colgados na porta ata o día de san Pedro (o 29 deste mes de xuño), en que se retira, se garda para que seque, e no ano seguinte engádese este ramo xa seco á fogueira, para que os membros da familia se afumen con el e se purifiquen. En Suevos (Arteixo), as herbas do ramo son: romeu, hortensia, herba luísa, herba de Santa María, fiúncho, ruda, folla de castiñeiro, trobisco, malva e cecimbre, calquera delas pero sempre en grupos de sete. E en Ferreiros (O Pino-Arca) úsase só a flor do bieiteiro ou sanxoán e os estalotes.

                                   O lume
            Na noite de san Xoán, os catro elementos, a auga, a terra, o aire e o lume son os protagonistas indiscutibles, pero tal vez as cacharelas, lumieiras ou fogueiras son as estrelas indiscutibles da noite do vintetrés, da véspera do santo. Cada casa e cada aldea acende a súa propia fogueira. O lume arreda o mal, queima o vello para que renaza o novo, para abrir un novo tempo, purifica o aire e ás persoas, pero, sobre todo, vence coa súa luz a noite solsticial.
            Xúntanse pois madeiras, mobles vellos, palla seca e ata roupas en desuso na pía purificadora diante de cada casa, na rúa por onde pasa a xente, e cada un que pasa saltará por encima dela.
            A fogueira hai que saltala un número impar de veces, porque así arrédase o mal de ollo e cúranse as afeccións da pel, e tamén como nos di a cantiga:
                                   Salto por riba do lume de san Xoán
                                   para que non me morda cobra nin can.
            Co lume de san Xoán tamén hai que afumar o gando, e Cousillas Rodríguez dinos que había lugares en Galicia onde, ó albor, facían camiñar ó gando sobre as cinzas que quedaban, e despois recollíanse para botar como abono nas leiras.
            Asegúrase, asemade, que a moza que salta unha fogueira sen tocar as chamas casará nese ano.