luns, 16 de novembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (97)

                                    Dous docentes precursores

O Curmán de Undochán

     


            Para nos situar históricamente, colocarémonos hoxe en plena Guerra Grande (1843-1851) con Montevideo sitiada polas forzas federais (que nunca a tomaron) ata que estas foron derrotadas (lembrade a “Nouvelle Troie” da Crón. 54). Pois un crego e un case crego son esta volta os nosos protagonistas, un nado na beira oriental, o outro na ocidental do río Uruguai, nos tempos finais do dominio hispano, e os dous galegos-fillos, puntáis que foron no ensino secundario público da futura República Oriental del Uruguay.

            Lorenzo Antonio Fernández [e Larrobla] (Montevideo, 1792-1852) figura no noso nomenclátor apenas como Lorenzo Fernández (homónimo dun futbolista olímpico, 1900-1973, de pais redondeláns!). Despóis de casar moi novo e ficar viúvo logo, foi ordeado sacerdote en Salta (Arxentina, 1817), sendo o primeiro cura párroco de San Francisco (na Cidade Vella montevideana, 1840) e, morto o vigairo Larrañaga, o segundo vigairo (1848-1852) da Igrexa católica uruguaiana.

    

  Non menos importante foivos a sua actividade política, iniciada como   partícipe  no proceso de elaboración da primeira Constitución (1828-1830), se ben abandonou as deliberacións en 1829 (remítovos aos constituyentes da crónica anterior). Durante o sitio á capital, onde resistía o chamado Goberno da Defensa, será vicepresidente da Asamblea de Notables (1846), o precario poder lexislativo, e senador (1848). É entón cando é designado reitor (o primeiro) da nacente Universidad de la República (1849-1850), a cal botou a andar, malia a brevedade do seu mandato.

            Resta dicir que D. Lorenzo era fillo de Juan Fernández, de Beira-Carral.

            Pola sua banda, Luis José de la Peña [e Rivademar] (Buenos Aires, 1796-1871) recebeuse (1818) de Filosofía e Teoloxía en Córdoba del Tucumán (para a disterar da andaluza Córdoba la Llana), se ben axiña deixou a carreira eclesiástica. En desacordo co goberno de Juan Manuel de Rozas (no seu tempo: Rosas), emigrou a Montevideo, onde residíu ata a caída do ditador (1839-1852), sendo de informar que xa estivera anteriormente nesta Banda, concretamente como mestre na Mercedes oriental (1830).

            Iniciado aquí o sitio, dedicouse a organizar o ensino público secundario, sendo o primeiro reitor do Colegio Nacional (1849). Ano este en que foi membro do primeiro Consejo Universitario, sucedendo o cargo que (1847) tivera no Instituto de Instrucción Püblica. Fundada a universidade, desempeñouse como catedrático de Filosofía (1849-1852), en tanto exercía como (segundo) vicerreitor da institución (1850-1852), data en que, tal como dixemos, volta á Arxentina onde, nas duas décadas seguintes, ocupará cargos relevantes (entre os cales o de ministro de Relacións Exteriores) e actuará repetidas veces como diplomático… ata morrer na epidemia de febre amarela.

       


            De la Peña figura no noso nomenclátor cos nomes alterados, mais resaltado o seu título: Dr. José Luis de la Peña, sen segundo. Resta dicir que era fillo de Marcos José de la Peña (da Pena?) Fernández, de Bouzas-Vigo, e neto do tamén galego Fructuoso Rivademar (apelido hoxe restrinxido ao concello de Ribeira, de onde probabelmente fose este).

            A falta de maiores sabencias, ocórresenos que os dous docentes deberon ter estreita relación, inevitábel dado o terreno común no que desenvolveron a sua actividade, mesmo a falaren do común paisanazgo de seus pais...

         Concebida co nacemento da República, houberon de pasar duas décadas para que a universidade nacera

Dato triste e indignante: No Uruguai hai 195 cidadáns detidos desaparecidos pola ditadura 1973-1985, amáis doutras decenas en Arxentina (110), Chile e o Paraguai. Ate o momento apareceron, gota a gota, algúns corpos sepultados en unidades militares, mais este país, exemplar por tantas outras cousas, xa foi emprazado pola Xustiza internacional a conta da sua débeda no cumprimento deses esclarecementos.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario