xoves, 12 de novembro de 2020

AS PROHIBICIÓNS AUTOIMPOSTAS


Por Pepe de Rocaforte

  

 

Non sei se alguén entre os meus escasos e estimados lectores se lembrará dun libro de Luís Carandell, “Celtiberia Show”, publicado en 1970, grande éxito de vendas que en 1994, cando eu o merquei, chegaba á súa décimo sétima edición. Nel recollíanse unhas curiosas colaboracións que o xornalista catalán viña publicando por aqueles anos na revista “Triunfo”.

Hoxe volveume á memoria Carandell coa lembranza dunha foto que aparecía no seu libro, na cal se vía a fachada dun garaxe de Ourense cun letreiro advertindo “Se prohibe blasfemar y hablar de política”. (Esto  sérveme tamén para comprobar un dos moitos enganos da miña memoria. Se non fose pola foto de “Celtiberia Show” diría que eu vira ese letreiro moitos anos antes de ser publicado no libro de Carandell nun local, tal vez un garaxe, da rúa ourensá das Caldas, a man esquerda segundo se sube da Ponte Vella para a Estación Nova e o texto, non na fachada, senón na parede interior, rezaba así: “Se prohibe escupir en el suelo, blasfemar y hablar de política”).

O de cuspir no chao é unha acción case desterrada (salvo para futbolistas en acción). ¿Hai alguén que se acorde das imprescindibles cuspideiras en oficinas e outros locais públicos de outrora? O de blasfemar, como inxuria contra Deus, tampouco me parece habitual, aínda que expresións como “me cago en Dios” sexan o pan noso de cada día nas conversas actuais, dito sen maior transcendencia.  É a maneira de falar de hoxe, un simple modismo sen mala intención. “Pataca minuta” como diría o señor Caneda, aquel en tempos popular presidente do club de fútbol Compostela.

En canto a falar de política,  como tamén do asunto ese da pandemia que vimos padecendo -e aquí quería chegar- é algo que me prohibín para as miñas colaboracións en “Os Chanzos”.

Prohibinmo, pero hoxe vou facer unha excepción por culpa dun programa televisivo que vin o domingo pola noite, no cal ese mozo de Vigo, xornalista que responde ó nome de Gonzo, interrogaba á ex-presidenta da Comunidade de Madrid, de nome Esperanza Aguirre, cunha pregunta sobre a atención hospitalaria nesa comunidade hoxe presidida por outra señora, do entorno da señora Aguirre, coñecida como Isabel Diaz Ayuso.

Á pregunta de Gonzo sobre a venda de varios hospitais públicos madrileños a empresas privadas, a señora Aguirre respondía unha e outra vez que neses centros agora en mans privadas, os enfermos son atendidos “completamente gratis”. Ese foi o dato en que insistiu unha e outra vez ata o punto de descontrolar ó xornalista, a quen por certo me gustaría poderlle dicir que non se poña tan tenso nesas situacións e que bote man dun pouco de humor, porque con esa xente cunha cara tan dura, empeñada en nos tomar por parvos, ou facernos parvos se non o somos xa, non hai maneira. E non me estraña que alguén se poida sentir indignado; se eu non me sentín, foi porque a miña capacidade de indignación rebordou hai tempo e desde entón atópase en estado latente.

¡Ah!, e para que a excepción sexa dobre, direi tamén por unha vez algo, moi pouco, sobre tema do COVID-19. Supoño que nos debemos sentir contentos con esa vacuna, (perdóenme, pero resístome a lle chamar “vacina” a un remedio que se empezou a utilizar con virus procedentes do gando vacún, e de aí o nome inicial que recibiu; o outro sóame tan mal ó oído coma o xa totalmente imposto “grazas” entre uns falantes cada vez máis de libro). Así que alegrémonos (polo da vacuna), pero sen excesos. Eu polo menos non acabo de lle ter moita fe a esa nova medicación que unha empresa americana vai empezar a fabricar a toda marcha en Alemania. Por certo ¿e que será desa outra vacuna que se ía fabricar no Porriño e que tanta ilusión lle fixo ó señor Feijoo? Non pasará algo parecido ó deses esoutros barcos que ían saír dos nosos estaleiros con destino a unha empresa petroleira mexicana e ¡vaia por Deus!.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario