mércores, 4 de novembro de 2020

VIAXES EN PAPEL


Por Pepe de Rocaforte

 


    A recente morte de Javier Reverte tráeme á memoria algunhas das lecturas favoritas da miña xuventude: as dos relatos de viaxes. Non recordo moi ben cales foron os primeiros libros deste xénero que lin de mozo; ándame na memoria, e conservo en papel, “El viaje de Stanley por el África”, de Santos Bosch, publicado na colección de “Enciclopedia Pulga”, polo cal supoño, mellor dito: é evidente, que se trata dun resume do libro de Henry Morton Stanley “Viaje en busca del doctor Livingstone”.

Daquel tempo o título que con máis claridade teño na memoria é “La vuelta al mundo – Recuerdos de un ciego”, de Jacques Arago. Prestáramo un meu tío-avó que se ocupaba de me subministrar lecturas cada vez que me achegaba pola súa casa; unhas lecturas tan variadas como esta que acabo de citar, ou “Los caballeros de la noche”, de Ponson du Terrail; ou a “Escolma da poesía galega” en catro tomos, de Álvarez Blázquez e Fernández del Riego; ou “Lua de alén mar”, de Ernesto Guerra Dacal; ou “Non agardei por ninguén”, de Ramón de Valenzuela; ou os grosos exemplares da revista cubana “Bohemia” dos anos cincuenta... Desde logo do que máis proveito saquei foi dos libros galegos, daquela pouco doados de encontrar, como o de Valenzuela, publicado en Buenos Aires pola Editorial Citania no ano 1957. Por aquel tempo aquí nin soñar con que permitisen a súa edición.

Volvendo agora ás viaxes e ó libro do cego francés Jacques Arago, cando moitos anos despois daquela primeira lectura adolescente o vin publicado de novo por “Anjana Ediciones” en 1985, apureime a mercalo e lelo de novo. E debo declarar con dor do meu corazón que non me entusiasmou tanto como a primeira vez que o tiven nas miñas mans. Así e todo seguín sendo daquela asiduo comprador das publicacións de “Anjana”, unha nova fonte de pracer para min con títulos como “O última diario”, do doutor David Livingstone e outros que agora mesmo non me veñen á cabeza.


Pero da literatura viaxeira os que máis profundamente me quedaron marcados na memoria foron “La biblia en España”, de George Borrow, “Al sur de Granada”, de Gerald Brenan (non exactamente un libro de viaxes) e, sobre todo, “Los argonautas del Pacífico Occidental”, de Bronislaw Malinowski, que tampouco é realmente un libro de viaxes, senón, como saben vostedes, de antropoloxía, o cal, pola súa parte, guiaríame cara á lectura dos fascinantes traballos de James Frazer, Lévi-Strauss, Margaret Mead, Georges Condominas, etcétera.

Hoxe, como remate desta colección de incitacións á viaxe, regreso a Javier Reverte, a quen empecei a ler xa de moi maior e coa intención de me servir del como introdutor e guía para excursións que tiña idea de realizar e que logo algunhas veces fixen e outras non. Del recomendo especialmente “El sueño de África” e, sobre todo, “Corazón de Ulises”, onde, moito máis que de viaxes, nos fala de historia e de literatura, acadando, para min, o seu máximo nivel nos capítulos dedicados a Ítaca, illa onde en principio ningún atractivo hai para o turista habitual: nin palacios, nin esculturas, nin ruínas antigas, nin fermosas e típicas vilas; pero tampouco se encontrará un coas moreas de visitantes das outras máis coñecidas illas gregas e, como consecuencia, estará rodeado dunha tranquilidade que lle permitirá poñerse en contacto sen estorbos co mundo do máis atraente heroe mítico grego.

E antes de cerrar a tenda, para quen queira atopar un libro da maior altura literaria, non só dentro do xénero viaxeiro, senón de todo tipo de literatura, agora que unicamente podemos viaxar polas páxinas dos libros, é o mellor momento para ler a sorprendente “Viaxe sentimental”, por Francia e Italia, de Laurence Sterne, ese “bromista incomparable”, que lle chamou Baudelaire. Trátase dun texto inacabado cheo de irónico humor, que pon patas arriba canto sobre o tema se leva escrito, non só ata a época da súa aparición, senón mesmo ata o día de hoxe.

¿Non o leu vostede? Pois non perda máis tempo, fágame caso. E se o leu, vexa canto máis gana aínda nunha nova lectura.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario