Antigas familias galegas… repetidas
O Curmán de Undochán
O oriental Santiago Vázquez (1787) |
Sentado que antigos somos todos, desque descemos dos primeiros bípedos humanos africanos, queremos neste caso referirnos a familias que, desde antigo, teñen presenza importante, para ben ou mesmo para mal, na sociedade uruguaiana cando de orixe galega. E xogaremos cunha ducia, a partir dun apelido que se repite en núcleos familiares en absoluto emparentados (dándose isto, claro é, con varios outros clans de destaque non galegos, tales os dos Herrera andaluces e os De Herrera canarios), nun período, digamos, fundacional da República, que vai desde 1771 a 1840.
Naquel 1771 casan aquí Ana Hernández e Juan de Castro, natural de Bastavales (actual concello de Brión), quen foron pais do patriota Mateo de C., abós do Xral. Enrique C. e bisabós de Juan José C. (Crón. 9). Terá que pasar case medio século (1819) para que se unan en matrimonio a orientala Ma. Genoveva de Castro co seu curmán Agustín de Castro, nativo de Lestrove-Dodro, tronco dunha importante prole, tales, entre outros, seus fillos Carlos, Agustín, Juan Pedro e Prudencia, que deron orixe a extensa xinea entre a cal os Castro Caravia e os Capurro C. (Cróns., 6, 28, 29, 71, 73).
O vicario José Benito Lamas (1787) |
En 1775 o coruñés de berce Manuel Vázquez contrae matrimonio con Josefa Pagola e serán ancestros dos Vásquez (sic) Acevedo e Acevedo Vásquez, e máis dos Vásquez Varela, ramo de intelecutuáis de primeira liña. (Cróns. 6, 29, 61). Cinco anos máis tarde, Juan Vázquez, de Camporredondo-Ribadavia, únese aquí coa sadense Rosa Feijoo, e serán pais do constituyente Santiago Vázquez e abós de Adolfo Rodríguez V. Clan galego por ambas partes. (Cróns. 9, 28, 88). Outro Vázquez, Andrés, de Curtis, casará en 1790 con Inés Ledesma, enxendrando a outro constituyente de 1830 José V. Ledesma, e serán abós de Prudencio Vázquez y Vega. (Crón. 88).
o oriental Juan Benito Blanco (1789) |
Pedro José Díaz, de Leiro-Miño, casa aquí (1789) con María Jordán (nada na Coruña) e procrean ata hoxe unha familia da que destacamos a seu neto Teófilo E. Díaz. (Crón. 58). Pola contra, Antonio Díaz (da Coruña-capital) casa (1823) con Dionisia Gómez, e serán pais dun segundo Antonio D. (fillo) e abós de Eduardo Acevedo Díaz (Crón. 93).
|
Monteros temos a catro galegos, dos que destacamos a: Juan Montero Montojo, de Ourol-Ortigueira, que casa aquí (1800) con Ana Rodríguez e son ancestros dos Montero Bustamente. En tanto Antonio Montero, da Graña-Ferrol, casaba, 17 anos máis tarde, con Matilde Raña e terán importante descendencia. (Crón. 29).
Quen siga estas páxinas verá que de varios destes galegos temos tratado dunha ou doutra maneira... sempre contando co Tío Google para ampliar datos: moito matrimonio para mín, dime, algo amolado, o solteirón de meu curmán Un. Que me perdoe... non volverá a acontecer, como dixo o outro de cuxo nome non me quero lembrar...
Reflexión extemporánea: Malia na España se chame “tacita de plata” a Cádiz, alguén púxolle igual apelativo a esta capital sulamericana, coa variante autóctona de “tacita del Plata”, segundo a canción que di “ Montevideo,/ bella tacita del Plata/ bajo tu cielo de estrellas/ se vive y se sueña/y todo es amor”. (“Mi Montevideo”, tango-candombe de Romeo Gavioli, 1913-1957).
Ningún comentario:
Publicar un comentario