domingo, 22 de novembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (98)


De boliches e cafés

O Curmán de Undochán

  


 

Gran café, café, café-bar, bar (tamén baar)... velaí unha escada descendente dos establecementos privados –ao tempo públicos- que, na linguaxe popular -coa excepción do primeiro, con ese hiperbólico gran- se engloban baixo o nome de boliche... (Notaríades a ausencia en riba e na realidade montevideana case absoluta do termo cafetería). Agás destes (case todos ubicados nas esquinas das mazás urbanas) están os boliches-almacenes, simplemente almacenes, que se limitan ao rubro comestíbeis, despóis de ter oficiado de locais mixtos de despacho de bebidas, moi relacionados coas antigas pulperías rurais... onde se bebía e se vendía de todo.

Na Cidade Vella montevideana –outrora o cerne urbano- temos o tradicional Café Brasilero, secundado na extensa xeografía capitalina, en cadanseu barrio, por outros como o Vaccaro de Goes, o Apolo da Unión ou Los Yuyos do barrio Atahualpa (reino dos augardentes de toda a gama imaxinábel), grande parte deles operando tamén como restoranes. (Non abordamos aquí os modernos pubs ou discotecas). Os temas uruguaios “Un boliche” (tango) ou “Los boliches” (fermosísima canción) dan fe dese ambiente, como moitas narracións e mesmo ensaios contemporáneos (por exemplo, as “Crónicas migrantes” de Armando Olveira).

 

Na crónica 4 enumerábamos, ao chou, algúns de onte e de hoxe con nome comercial galego: Añón, Outes, Tasende, Facal, Trigo ou os varios Torrados, aos que agora engadimos o Chez Piñeiro pociteño, e tamén os galegos camuflados baixo nomes tales o Gran Sportman estudiantil (en frente da Universidade), o Fun-Fun (recén reinstalado, coa sua exclusiva bebida “uvita”) ou o Expreso Pocitos, ou, o pai de todos, o Almacén del Hacha, en dita Ciudad Vieja, onde tantos outros houbo, pois era o lugar de arribo e, frecuentemente, de apousentamento dos recén chegados inmigrantes... a maioría fundados ou propiedade deses paisanos... co infaltábel dono xunto da caixa, tras a barra ou estaño.

Así é que os nosos connacionáis tiveron grande presenza neste campo, e vai chegando o momento de falarmos da desaparecida cadea dos Torrado (fundada polo pontecesán Gerardo Torrado Pailos), que nos trae á memoria a que foi desmesurada cadea dos almacéns Manzanares, S.A., da nosa crónica 59... e seguir falando do Tasende, de 1931, beiras da tan mentada Cidade Vella (coa sua única pizza al tacho); do Facal, de 1944, reciclado hoxe (nun local trasladado do Cordón á zona centro), con especial dedicación a Carlos Gardel, emitindo continuamente as suas cancións e coa estatua sedente do “Mudo” ou “Mago” (de 2015) diante da sua fachada...


José Trigo, das Pozacas-Cerqueda-Malpica, tamén posuíu varios establecementos do ramo, algúns con bó nivel, dos que foi sucesor o efímero Bar Coruñés-Bar Republicano, do barrio Sur, de seu fillo uruguaio, quen facía gala desa ideoloxía: “Nuestro amigo José” (1983) foi a semblanza que lle dedicou Carlos Mendive a aquel pai. (En dita nosa Crón. 4 citamos a Manuel Touriño, o bolichero a quen o mítico cantautor Zitarrosa lle agasallou a sua canción “Para Manolo”, con versos galegos).

E así é como chegamos ao inevitábel Al Tupí Nambá. Fundado en 1889 polo miñorano Francisco San Román [e Valverde], “el rey de los cafeteros”, segundo foi nomeado polos tertuliáns intelectuáis que, como no posterior café Sorocabana, facían competencia ás tertulias de librarías (como Barreiro y Ramos) ou, con posterioridade, editoras (como Banda Oriental). El e seu irmán Severino, dono do Polo Bamba, marcaron fito na historia cultural e social, mesmo política da cidade. (O Tupí, veciño do teatro Solís, evócanos a “La novela del indio Tupí-Namba”, con ese acento trocado, do coruñés Eugenio Fernández Granell). San Román, participante el propio nesas tertulias, tan estimado era que o mesmísimo escultor Juan Manuel Ferrari o inmortalizou de corpo enteiro no bronce. Nos comezos do XX o local foi reformado ata acadar un nivel de luxo oriental.

A nosa paisana coruñesa Alicia Martínez, que morou aquí en 2015 como aluna de Arquitectura, fixo “Memorias de agua”, un fino traballo fotográfico sobre estes boliches que acabou plasmando nun libro. Boliches que, segundo contábamos na Crón. 65, foron propostos como “de interese histórico”, e non é para menos.

 

 

(Traducimos): “A primeira vez que fun a Galicia estiven recorrendo as viliñas de Pontevedra e Ourense, descobrindo tabernas e cafés que se chamaban Uruguay, ou Venezuela ou Mi Buenos Aires querido… e por todas partes había banderíns de Peñarol e Nacional e Boca, e todo iso era dos galegos retornados de América que sentían agora a nostalxia ao revés”. Eduardo Galeano, 1989.




Ningún comentario:

Publicar un comentario