xoves, 26 de novembro de 2020

UNHA VOLTA EN BICICLETA

Por Pepe de Rocaforte

Xesús González Gómez contaba en Biosbardia unha anécdota situada na Rúa de Valdeorras e ocorréuseme pasarlla ó amigo Pepe Mondelo, non só por ser el de alá, senón tamén pola súa afección polas historias deportivas. Falaba González Gómez dunha carreira ciclista celebrada na Rúa polas festas do San Cristovo, na cal participaban primeiras figuras españolas dese deporte. Na carreira había unha etapa de montaña cun traxecto da Rúa a Trives e volta, continuando ata Ponferrada, onde os ciclistas descansaban para xantar e volvían pola tarde á Rúa. Ó día seguinte facían outra etapa, esta contra-reloxo, polas rúas da vila, ó remate da cal se entregaban os premios, entre eles o de “Consolación”, concedido aquel ano (1958) a Antonio Karmany, quen seica tivera que rematar a carreira recollido polo “coche-escova”. No ano seguinte o mesmo Karmany gañaría gran cantidade de premios, entre eles o da Montaña na Volta Ciclista a España, deixando pampos ós afeccionados da Rúa, que o lembraban como colista da competición celebrada  na súa vila  polas festas do San Cristovo do ano anterior.

     Mondelo contestoume pasándome, para seguir co tema, unha entrevista en “La Región” a Raul Rey, considerado o mellor ciclista ourensán de todos os tempos, xunto con outros dous recortes, un que falaba de Agustín Tamames e outro de Txomin Perurena.

     A cousa tróuxome á memoria uns recordos de neno, cando ó falar de ciclismo na miña vila natal os nomes que se repetían con veneración eran os de Delio, Emilio e Manuel Rodríguez, os tres irmáns de Ponteareas. Na miña época infantil xa eles abandonaran a práctica do ciclismo de competición, pero Delio seguía a ser un semi-deus e falábase del como compendio das virtudes que debe posuír un ciclista.

     As miñas simpatías, sen embargo, irían por outro lado e o meu corredor favorito sería Fernando Manzaneque, non me pregunten por que. Non era un ciclista brillante, no seu historial non había grandes triunfos, pero cando se lle poñía o día a favor era capaz, sufrindo coma un condenado, de ganar unha etapa do Tour de Francia en solitario e sacándolle varios minutos de vantaxe ó resto do pelotón. Eu esperaba con fervor cada ano polo día, que non podía faltar, en que “Manzaneque de la Mancha”  realizaría a súa fazaña de humilde heroe en solitario e ganaría a “súa” etapa da Volta francesa. E Manzaneque nunca me decepcionaba.

     Agora ocorréuseme buscar información sobre Delio Rodríguez e o que lin resultoume sorprendente. Delio era un gran sprinter e no seu historial acadou un record moi difícil de superar:  ganou trinta e nove etapas na Volta Ciclista a España, proba na que participou en seis ocasións. Pero era un sprinter doutros tempos, o que se di un corredor completo, capaz tamén de dar batalla nas etapas de montaña e impoñerse aí ós seus rivais.

     Na segunda etapa da Volta a España de 1945, Salamanca-Cáceres, iniciouse unha escapada de cinco corredores na que tomaba parte Delio. Ó pasaren o alto de Béjar el e Joaquín Bailón, descolgados os outros compañeiros de fuga, ían con  dous minutos e corenta e tres segundos sobre o pelotón, pero no descenso, ó paso por Plasencia, levábanlle xa trinta e cinco minutos. A trinta quilómetros da chegada Bailón non puido seguir o ritmo do galego, que se plantaría na meta de Cáceres con quince minutos de vantaxe sobre Bailón e ¡trinta minutos! sobre os restantes favoritos. Unha fazaña estilo Manzaneque, o meu Manzaneque posterior, das voltas a Francia.  

     Nesa segunda etapa Delio Rodríguez acadaría o primeiro posto da clasificación xeral e conservaríao ata o final da Volta, que remataría con trinta minutos e oito segundos sobre o segundo clasificado, Julián Berrendero, e outro récord de Delio: o da maior diferencia  ata a actualidade en tempo dun vencedor final sobre o segundo clasificado.

     ¿Que tal lle parece a vostedes a información deportiva de hoxe? Pois para completar o día con estes temas recomendo unha ollada a este texto de Pepe Mondelo

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario