luns, 2 de novembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (95)

                  A coruñesa Celedonia, de vitimaria a vítima

O Curmán de Undochán

   

  Aspecto moi millorado da que fora mansión dos Salvañach-Wich, co seu excepcional miradoiro
 

         A crónica 27 informounos de dous galegos asasinados (1897,1901). Hoxe informamos dunha coruñesa ultimada moito antes (1821), apenas coruñesa, pois de galega non tiña nen vivencia nen proxenitores (tales Lecocq e Pérez Brito antes –Crón. 59- e despóis dela Menéndez Pidal, conformando o que adoitamos chamar aves de paso). Con efeito, Celedonia Wich de la Torre (bautismo en San Nicolás, 1780-1821) nacera na Coruña, onde moraban seus pais –casados un lustro atrás en Betanzos-, el suizo, ela leonesa, e emigrados, dalí a dous anos, a esta Banda Oriental.

            Pasado pouco tempo, ingresa tamén aquí Cristóbal Salvañach, valenciano de Alcoy/Alcoi, quen acabará sendo gran empresario e ostentando cargos civís e militares na Montevideo colonial. Casan (1795) Celedonia e Cristóbal e instálanse nun comprido edificio que, cos anos, compraría o primeiro presidente da República, noso coñecido Xral. Rivera (Crón.77) e habitaría coa sua dona, Bernardina Fragoso (filla dun galego de Pardemarín-A Estrada). Casona que hoxe alberga o Museo Histórico Nacional (a sua sede principal).

            Chegan a procrear catro fillos e viven na maior abundancia. Mais, abolida a dominación española (1814), Salvañach ve mermado o seu peculio e alónxase do país, nun episodio nunca explicado… para morrer nalgunha paraxe da África: quedan os rapaces, con idades entre os 12 e 2 anos, a cargo da nai.

A novelista Susana Cabrera Garrido (de pais de Vigo, antes Cabreira), no seu romance “Las esclavas del Rincón” (2001) (Rincón, pola batalla homónima, actual nome da rua onde vivía esta familia), tenta analisar a complexa e torturada personalidade desta muller abandonada que, por esas circunstancias e polo seu propio carácter, aplica, por dicilo suavemente, un rigor extremo aos seus escravos. (Antes de Cabrera, 1976, o tratadista Ricardo Goldaracena, coa solvencia e galanura de seu, desenvolverá brevemente o drama).

Así é como, no inverno de 1821, asasínana algunhas desas escravas (outra volta África nesta biografía!), feríndoa de morte con garfos de mesa e guindándoa desde o alto ao patio central da casa, ante os ollos de Carmen, a filla náis nova, de oito anos. María Mariquita e Petrona Encarnación (negras) e máis Luciano (mulato, fillo desta), chamábanlle aos executores, que, tras un prolongado xuízo, son sentenciados (agosto de 1822): aquelas a “muerte de garrote y a falta de ejecutor a que sean fusiladas por la espalda y durante tres días sus cuerpos exhibidos al pueblo” e o rapaz “después de presenciar el suplicio de sus cómplices, a tres años de presidio en África, y condenado a trabajos forzados, con prohibición de retornar a este Estado [nese momento colonia portuguesa], bajo pena de vida”. Certificando o escribano de cámara Joaquín de la Sagra, o tamén coruñés noso coñecido.

            Execución que é efectivizada na mañá do 2 de abril de 1824, malia a defensa maxistral oficiada por Lucas J. Obes, presonaxe de moito brillo na época, quen dixo: “El miedo de las esclavas a su ama y el pánico por sus continuos arrebatos de ira, les provocaron la sensación de vivir diariamente bajo una gris llovizna de horror”.

            A Montevideo concedéraselle (1791) o monopolio na introdución de escravos (negros) na rexión e tal foi o tráfico que se estima, para 1805, que un tercio da poboación da cidade era desa procedencia (tanto da ocidental como da África oriental). Un longo proceso de vinte anos deuse, con sucesivas leis que ficaron en papel mollado, ata culminar, na década de 840, na abolición da escravitude (en tanto no veciño imperio brasileiro aínda acontecéu isto en 1888, o que rematou coa fuxida, no período anterior, de escravos para este país).

            (Na Coruña do XVIII temos visto algún que outro casamento de negros, escravos de funcionarios americanos, así en 1742, 1767 e 1800, anos que pautan, na igrexa de Santiago da Cidade, senllos enlaces de escravos entre si, ou con mulleres brancas).

Dos fillos Salvañach-Wich alcanzou sona Cristóbal (doce anos no momento do crime), que chegou a ministro e contador da República. Parte da fortuna do pai foran os campos que posuía, desde 1801, na actual segunda sección do departamento de Tacuarembó, que Celedonia nunca debéu pisar, trasmán como ficaban: hoxe subsiste naquela toponimia agreste a cuchilla de Salvañach, é dicir, a cadea de lombas ou pequenos cerros á que por aquí se chama cuchilla.

Frase extemporánea: “A miña convivencia coa Galicia emigrada fíxome sentir unha plenitude interior que xamáis esquencerei. Sempre pensei que Galicia, a Galicia verdadeira, ten tres dimensións: a campesiña, a mariñeira e a emigrada. Alá faltábame a experiencia da Galicia emigrada. Agora, despóis de mergullarme cordialmente nela, síntome máis galego, síntome plenamente galego. Penso que esta experiencia marcou o meu espírito para sempre”. Ramón Piñeiro, Montevideo, 1980.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario