sábado, 26 de decembro de 2020

Axendas


Non sei cal sería a primeira axenda considerada como tal. Supoño que nun principio todo era rutina e algún que outro extra que non necesitaba ser lembrado de antemán, pero cando a nosa especie se afixo a desfrutar do sentido do gusto, para adiantarse a cando as cereixas estaban no seu tempo ou os parrulos viñan pasar unha tempada entre nós, xa foi necesario botar man de algo que nos avisase de tales acontecementos antes que ós da competencia.

Reloxos e axendas semellan inherentes ós seres humanos, para non chegar tarde nin adiar compromisos.

Suponse, porque ninguén nolo deixou dito expresamente, que foi algún crómlech marcando os solsticios e os equinoccios, ou tal vez un deses petróglifos xeométricos os que se usaban a modo de reloxo e calendario para saber cando era tempo de colleita ou de veda. E xa se imaxina o amigo Xulio, coa súa portentosa fantasía, como o meigo da tribo poñía a carón dunha desas laxes ou marcas unha mazá ou a pel dun coello para lembrar cando a estes lles tocaba saír do tobo ou cando aquelas estaban en sazón. Porque se ben a medida do tempo foi sempre unha necesidade, non o foi menos o acordo, o voluble acordo que necesita poñer algo a carón de determinados puntos para saber que hai que facer ese día ou en tal hora. E se era así, indiscutiblemente aquela foi a primeira axenda da humanidade. Logo viñeron as notas e os papeliños, e ata a palma da man, e as papeleiras enchéronse de anacos de todo tipo de papel con palabras, números e esquemas, fórmulas e debuxos que nalgún momento nos trouxeron ó acordo algo propenso a caducar na mente; o cal levou, hai moitos anos, a que un meu xefe me regalase unha axenda, o grande invento do século dos executivos, non sei se para dicirme que tiña que prestar máis atención ós meus compromisos ou por simple afecto.
  Houbo un tempo no que, por estas datas, tamén o carteiro me traía axendas regaladas polas mil e unha empresas que necesitan facerse ver e notar cada día do ano. Agora as axendas levámolas no telemóbil ou no ordenador persoal, que son aparellos que usamos a todas horas, ás veces máis do debido, e xa eles se encargan de lembrarnos cada un dos pasos que debemos dar en cada momento co seu inconfundible e personalizado sonsonete.

O problema coma sempre volve ser o acordo. Antes desculpabámonos lamentando non ternos lembrado de mirar a axenda e agora de quedar sen batería no noso almanaque electrónico.

Pero aínda hai algo peor, e é cando un acontecemento como o que vimos sufrindo bota por terra todas as anotacións que fixemos e a musiquiña da alarma só nos lembra promesas e desexos insatisfeitos.

Agardemos que as anotacións que fagamos de cara ó novo ano se nos cumpran para ben.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario