xoves, 10 de decembro de 2020

SUXERENCIAS PARA ESCRITORES ARTESÁNS

Por Pepe de Rocaforte


      Almagro, unha cidade con moito atractivo para o turista, é famosa pola industria de blondas e encaixe de bolillos, unha das súas principais sinais de identidade xunto coas berenxenas de Almagro. O seu casco histórico foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1972 e alí celébrase todos os anos o Festival Internacional de Teatro Clásico. Porque esta é, por riba de todo, unha cidade con especial dedicación ás artes escénicas, conta cun Museo Nacional de Teatro, referente cultural na Comunidade de Castilla-La Mancha, e cun famoso Corral de Comedias, un local que mantén a estrutura orixinal dos “corrales de comedias” do século XVII, único exemplo deste tipo de locais conservado na súa integridade, restaurado a mediados do século XX e  declarado Monumento Nacional en 1955.

     Parei en Almagro en dúas ou tres ocasións e sempre volvín satisfeito. Pero na última vez que alí estiven chamoume particularmente a atención un pequeno local situado na Praza Maior, concretamente no número 41: a tenda do escritor Francisco Romero. ¿Que vende logo Francisco Romero? Pois o que el mellor sabe facer: libros. ¿Como calquera librería? Si e non. Francisco Romero vende os libros escritos por el, e nos intermedios en que o seu local non ten clientes, vai escribindo novos libros sentado ó ordenador, do outro lado do mostrador.

     De Francisco Romero é preciso destacar ademais a súa faceta de coleccionista de premios literarios. Ganou en 2003 o Premio Alejandro Casona de Teatro, en 2007 o Premio Ciudad de San Sebastián de Teatro, e outros premios, non só teatrais, senón tamén de novela, como poden ver na portada do folleto que acompaña estas liñas.

     En relación con Galicia, no ano 2014 foi finalista do Premio Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela “El escriba del Bósforo”. E dese tema foi precisamente do que unha soleada mañá de maio estivemos conversando no seu negocio, obrigándoo a deixar de lado por uns momentos o seu labor de creación literaria. Unha conversa que me fai lembrar agora aqueles versos de Lope de Vega, nos cales o “fénix de los ingenios” alardeaba da súa rapidez e facilidade á hora de escribir textos teatrais, uns versos nos que se gababa de que máis dun “cento en horas vinte e catro / pasaran das musas ó teatro”.

     ¿Terá Francisco Romero a mesma facilidade de produción? Naquel momento imaxinei a un cliente forasteiro chegando á tendiña da Praza Maior almagreña: “A ver, señor autor: ¿pódeme ter vostede preparada para esta tarde unha comedia costumista para ser representada polo grupo teatral a que pertenzo?” “Pois moi ben”, responderíalle o escritor, “pásese por aquí despois das sete e a ver se lla teño lista”.

     Ou tamén que lle dixese ó comprador: “Mire vostede, estou agora escribindo un conto noviño do trinque no cal, se vostede non ten moita présa e vai andar por aquí ata a tarde, poderíalle introducir algún pequeno detalle persoal que vostede me suxira e para eso das seis ou seis e media tereillo listo, impreso e encadernado”.

     Estaría bonito que as cousas sucedesen así, aínda que máis posible me parece a chegada de calquera turista co desexo de levar un recordo orixinal da cidade manchega, xa non digo unha novela; máis ben un conto, un relato breve, ou un poemiña, dos cales Francisco Romero deberá sempre ter unha certa provisión a punto para a lectura, como aquí na Coruña fai un  mozo a quen podemos ver decote pola Rúa Real e arredores cuns papeliños enrolados que nos ofrece: “¿Quiere usted un poema?” Sería este un detalle fermoso co cal vostede lle poría, cunha dedicatoria manuscrita, o toque final á súa visita á cidade de  Almagro.

     En fin, pódenselle aumentar cantas variantes se queiran e o cliente, se ten unha certa afección a esas cousas das lecturas, quedará contento e satisfeito. Pois non faltaría máis.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario