xoves, 31 de decembro de 2020

A HISTORIA DUN CERAMISTA ESCRITOR

Por Pepe de Rocaforte

    

A veces un ten filias ou fobias sen saber moi ben como foi o seu proceso de formación e a que causas obedeceu. Un caso de fobia para a cal me resultaba difícil atoparlle a orixe deuse en min con Austria. Nun caso contrario pareceume doado en cambio atopar a orixe das miñas simpatías por Hungría, nacida por causa do fútbol, alá polos anos cincuenta do século pasado, cando o equipo de ouro dos “maxiares máxicos” asombraba ó mundo coa súa marabillosa forma de xogar.

Para os rapaces daquel tempo os Kubala, Puskas ou Kocsis, entre outros, eran os nosos grandes ídolos, particularmente Kubala, quen, xunto con outros do seu tempo e por causa da revolución húngara de 1956, decidiran quedar en España, a onde viñeran coa selección do seu país. Kubala, nacionalizado español, triunfaría como dianteiro centro do Barcelona e tamén da selección deste país (con perdón).

Recordo que na miña primeira visita a Budapest sentín renacer, de maneira morna así e todo, as miñas primitivas afeccións futboleiras cando o guía que nos pastoreaba na ocasión nos levou a visitar a catedral e nos mostrou no seu interior a tumba de Ferenc Puskas, recentemente enterrado alí.

Aquel mesmo guía acompañaríanos tamén na visita ó Palacio da Ópera, onde aproveitou para nos contar unha anécdota sobre a construción do edificio entre os anos setenta e oitenta do século XIX, en tempos do imperio austro-húngaro. A obra fora financiada polo emperador Francisco Xosé I, quen puxera a condición de que a Ópera de Budapest debería ter obrigatoriamente un tamaño inferior ó da Ópera de Viena. 

O 27 de setembro de 1884 celebrouse a inauguración do Palacio da Ópera coa asistencia do emperador, quen puido observar que se ben en tamaño o edificio non era tan grande como o da Ópera vienesa, tal como el esixira, o seu interior era en cambio dunha superior beleza, con toda clase de detalles coidados ó máximo, e ademais (esto non sei se o detectaría Francisco Xosé) a súa acústica podíase considerar entre as mellores do mundo, case á altura das de Milán e París.

Vendo aquelo o emperador seica fumaba en pipa e, sen esperar á finalización do acto, despediuse para nunca máis volver a Budapest. Sen estar confirmada a veracidade da frase, disque cando saía do edificio rosmou: “dixen que debía ser máis pequeno que a Ópera de Viena, pero debín dicir que tampouco fose maior nin máis bonita.”

Conto esto, porque tal vez residise aí o comenzo da miña mala opinión sobre os austríacos en xeral e os Habsburgo en particular, que daban a impresión de ter ós maxiares debaixo dunha moa, relegados a ocupar unha segunda posición no Imperio. Opinión que se reforzaría nunha nova visita a Hungría uns anos máis tarde.

Nesta nova viaxe visitei o Palacio Gödöllö, máis coñecido hoxe como Palacio de Sissi, que durante a época comunista sufrira un gran deterioro dedicado a asilo de anciáns. Durante as súas longas estancias en terras maxiares fora ese o lugar favorito de residencia da emperatriz Elisabeth, que mantiña moita mellor relación cos húngaros que o seu marido, ata se chegar a murmurar que o seu fillo Rodolfo, chamado a ser o futuro emperador, era froito da relación de Sissi con Gyula Andrassy, antigo loitador nacionalista a prol da independencia de Hungría e posteriormente reconvertido no primeiro presidente do goberno húngaro.

E chegado aquí alongueime tanto nestes prolegómenos que xa non me queda espacio para o que en principio ía contar: a impresión que me produciu o libro “A lebre con ollos de ámbar”, do ceramista nacido na Gran Bretaña Edmund de Waal, cousa que farei, Deus mediante, para a semana que vén.

Ah, e respecto á paternidade de Rodolfo de Habsburgo-Lorena, a guía que me orientou no palacio de Sissi, unha señora madura cun inconfundible acento rioplatense seica debido, segundo me explicou, a que aínda sendo maxiar de nacemento, emigrara de nena a Uruguai, onde viviu moitos anos. Esta boa señora, digo, aseguroume ter o total convencemento de que ese rumor só era unha malévola calumnia: Sissi, a pesar do distanciamento que mantiña con seu marido o emperador, no aspecto sexual sempre lle foi fiel. E insistiu en me dicir sabelo de moi boa tinta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario