domingo, 6 de decembro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (100)

 


                       A cidade uruguaia vaivén e a galega Tui

                                                                                        O Curmán de Undochán

Fundación da Nova Colónia do Smo. Sacramento   
           
 

            Meu curmán, que é un trasno, levaba anos procurando un artigo perdido: este día, remexendo papéis, atopouno e ven me dar a vara para que o divulgue, aproveitando que estamos no 20º cabodano do seu autor, o Prof. José Luis Pensado. O tal texto foi publicado en 1995 e como o acho pouco coñecido permítome usalo como base desta derradeira crónica.

            Resulta que no tratado de Madrid, suscrito entre España e Portugal en 1750, esbozábase un proxecto do máis pavero: a cambio da Colonia do Sacramento (no Uruguai), os portugueses adquirían Tui e Celanova, capando Galiza polas suas partes baixas! Cousa que non callou pola intervención dos xesuítas que ollaban con pavor outras cláusulas do tratado referentes á cesión ao imperio dos Bragança das Misiones Orientales (Crón. 85).,, as cales,ao cabo do tempo, igual acabaron en mans de Portugal/Brasil.

             Dedúcese de Pensado -quen glosa aquí un informe do Padre Sarmiento- que debeu ter parte en tal pre-tratado a raíña, muller de Fernando VI, Bárbara de Bragança, morta en 1758 (e cuxo mausoleo radica no convento das Salesas, non lonxe da que o amigo Fernández Ferreiro calificou como a rua dos galegos, val dicir, San Bernardo, por onde vagamos nós mesmos durante os nosos anos naquela capital).

            É curiosísima a vida desta Colonia de vaivén: fundada polos portugueses en 1680 (case cincuenta anos antes que Montevideo), na sua ambición por posuir a Banda Oriental do Uruguai, ese mesmo ano foi reconquistada polos españois, para, en 1683, ser conquistada novamente por Portugal, e así, alternativamente, sendo: 1705 (de España), 1715 (de Portugal), 1762 (España), 1763 (Portugal)... e definitivamente 1777 española. A propósito, nunha destas loitas deuse o dramático feito de algúns meses seguir guerreando (e morrendo os pobriños de sempre) pola vila, despóis de ser asinado un daqueles tratados de paz, dada a lentitude de circulación das noticias provenientes da metrópole.


            Suliñadas, de esquerda (oeste) a dereita (leste) as cidades de Colonia, Montevideo, San Carlos e Chuy

             Nese propio ano, os azorianos de Rio Grande do Sul que foran (1763) poboadores da recente San Carlos de Maldonado, voltaron uns para aquela zona portuguesa, ficando outros na futura cidade uruguaia: nesa zona limítrofe, a fronteira acabou fixada, máis ao leste, no río Chuy, actuáis cidades xémeas de Chuy/Xuí.

            Aquela Nova Colonia do Sacramento lusa (Crón. 80), a 180 kms. ao oeste de Montevideo e a só 50 (en liña recta) de Buenos Aires, mar (ou río da Prata) por medio. é hoxe un dos fitos históricos e turísticos do Uruguai, sendo, desde 1995, o seu pintoresco casco vello Patrimonio da Humanidade.

 

Frase extemporánea (traducimos): “Montevideo é a capital dun país que, máis que un nome, ten unha situación (República Oriental del Uruguay) e está bañada por un mar proceloso que nom é mar, porque lle chaman  río -o Prata-, no que xamáis se encontrou o menor vestixio do cobizado metal que lle dá nome” (Guido Castillo –1922-2010-, uruguaio exiliado en Barcelona, 1975).

Ningún comentario:

Publicar un comentario