mércores, 16 de decembro de 2020

BOTÉMOSLLE ALGO DE TEATRO

Por Pepe de Rocaforte

 


 

Debo confesar que, salvo nalgunhas sinaladas excepcións, son un mal lector de obras teatrais, tal vez porque non me considero moi capacitado para representar na miña imaxinación, só coa lectura, unha peza de teatro, agás nos casos de autores por riba do común, por exemplo don William Shakespeare ou don Ramón María del Valle, seguidos por unha pequena cohorte encabezada por don Henrik Ibsen, don Samuel Beckett e algúns outros señores autores cuxos nomes están empeñados agora mesmo en xogar ó escondite polas miñas circunvolucións cerebrais.

Vén a conto este proemio porque, despois de máis de corenta anos, acabo de ler por segunda vez “O estado de sitio”, peza teatral de Albert Camus que tiña totalmente esquecida cando, como xa dixen nalgunha outra ocasión, teño situado a Camus no pináculo dos meus escritores favoritos. Pero, neste caso, non acabei de lle atopar o atractivo que esperaba á relectura desta súa farsa dramática.

E vanme perdoar que continúe preambulando un pouco máis con don Alberto, cuxas obras empecei a coñecer cando o curmán dun amigo da adolescencia a quen perdín de vista hai xa uns cantos lustros (tanto ó amigo como ó seu curmán), me emprestou “A peste”; e aquí tamén debo confesar que a primeira lectura daquela novela non a dixerín demasiado ben. Cada páxina que adiantaba levantaba en min unhas sensacións de angustia que me remexían os pensamentos e, a veces, obrigábanme a deixar de lado a lectura durante algún tempo.

Por causa da situación que na actualidade estamos vivindo coa pandemia da Covid-19 (e pido desculpas por citar este nome ultimamente repetido ata a náusea), volveume rondar pola cabeza a idea de ler de  novo a novela de Camus; pero por ter máis esquecido “O estado de sitio”, inclineime pola lectura da obra teatral que, dirixida por Jean-Louis Barrault, foi estreada en 1948, un ano despois da publicación de “A peste”.

Camus dixo que debía quedar claro que O estado de sitio, non é unha adaptación de A peste. Tal vez máis ben sucedeu ó revés: a idea da novela -esto dígoo eu- debeu nacer do proxecto de Jean-Louis Barrault, en 1941, de montar un espectáculo a partir de O diario do ano da peste, de Daniel de Foe. Alí empezaría a se meter Camus coa novela e logo, empuxado pola insistencia de Barrault anímaríase a se meter co espectáculo teatral. “Se é certo que eu escribín o texto [de O estado de sitio], conta Camus, “compre dicir que aí o nome de Barrault debería con toda xustiza quedar unido ó meu. Por razóns que me pareceron respectables, non se puido facer así. Pero síntome obrigado a dicir claramente que sigo sendo debedor de Jean-Louis Barrault”.

No caso da obra teatral a acción sitúase en Cádiz, “unha cidade gobernada por un sistema político e social no que algúns privilexiados viven sobre un pobo sometido ó arbitrio de quen os explotan e os mandan”, segundo palabras de Pedro Laín Entralgo e Milagro Laín Martínez na tradución feita por eles para Alianza Editorial, publicada en 1972.

A obra foi entendida como unha dura crítica ós totalitarismos de tipo fascista, e en particular á ditadura de Franco. A este respecto o filósofo cristián Gabriel Marcel reprochoulle a Camus non ter situado a acción nun país da Europa Oriental, onde se vería mellor o desenvolvemento e actuación dun totalitarismo comunista. O autor replicoulle no ensaio Por que España, que nos países do outro lado do Telón de Aceiro a Igrexa Católica non colaboraba co goberno, como en España, onde se puxo claramente a favor dos fascistas. O texto de Camus remataba con esta pregunta: «¿Por que Guernica, Gabriel Marcel?».

Da miña lectura actual, un tanto apurada, vou entresacar os seguintes parágrafos:

1, Fala o Xuíz Casado: Non sirvo á lei polo que ela di, senón porque é a lei.

2. Fala Diego, o principal protagonista da revolta contra a autoridade: ¿E se a lei é o crime?

3. Fala o Xuíz Casado: Se o crime se converte en lei, deixa de ser crime.

4. Noutra parte. Fala de novo o Xuíz Casado: Denunciarei a este home (Diego) que causou tanta perturbación. E fareino cunha dobre alegría, porque actuarei en nome da lei e do odio.

5. Noutra parte. Fala a Secretaria (representación da Morte): As revolucións xa non necesitan insurrectos. Hoxe en día a policía abonda para todo, incluso para botar abaixo o goberno.

E aquí o deixo por hoxe, non sen confesar que me pareceu curioso que o xuíz se apelidase Casado.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario