martes, 4 de maio de 2021

FACENDO O CAMIÑO (13/1)

 

 DE SAN JUAN DE ORTEGA A BURGOS

Por Pepe de Rocaforte

 

 


29 de maio – Co abrir do día collemos camiño de Atapuerca, a onde chegamos cando o sol empeza a nos choscar o ollo desde a liña do horizonte. Aquí, onde hai pouco tempo aflorou un millón de anos de historia da humanidade, viñeron facer onte fin de etapa o surafricano e as dúas mozas neozelandesas compañeiras súas. Tamén chegou un matrimonio francés, de Biarritz, unha de cal e outra de area: a muller amable e simpática, el tan foncho coma calquera outro francés dos que nos acompañan nesta viaxe, aínda que co paso dos días vaise domesticando un tanto. O caso é que como non fala castelán –a muller si– mantense un tanto á marxe de conversas.

Tanto uns coma outros adiantáranse para visitar as escavacións, pero non sei se as chegarían ver, porque polos horarios marcados nos letreiros indicadores, xa estarían pechadas cando eles chegaron onte, como aínda pechadas están hoxe cando pasamos nós.

Deixamos atrás a aldea e escalamos unha dura costa. A pouco de coroar a cima aparécenos Burgos ó fondo; pero aínda nos falta a carreiriña dun can para chegar alá: uns catorce quilómetros máis ou menos)


Nun lugar onde unha manchea de flechas amarelas nos indican un xiro brusco á esquerda atopamos un bilbaíno (parecéunolo polo acento e confirmóunolo logo el mesmo) explicándolle a uns franceses que, efectivamente, por alí, á esquerda, en dirección a Cardeñuela, é o camiño correcto. A nós chámanos a atención ver tal cantidade de flechas indicando o desvío. Botámoslle unha ollada ó mapa da nosa guía e non o vemos sinalado, senón que a ruta continúa dereita cara a Orbaneja.

O bilbaíno saca a súa guía e nela o camiño pasa por Cardeñuela. Os franceses toman pola ruta da esquerda. Nós, Pepe, Benito, Inma e mais eu, decidimos seguir dereito. O bilbaíno fica sentado a mirarse un pé tan chagado que non sabemos como pode camiñar con el así. Dinos que uns compañeiros que viñan canda el xa lle insistiron para que deixase a peregrinación, pero seica é cabezudo e está disposto a seguir. No que xa non se mostra tan cabezudo é no asunto da ruta, porque cando levamos un bo anaco andado vémolo vir renqueando acolá detrás noso.

En Orbaneja facemos parada nun bar rexentado por unha mulata dominicana, aínda nova, algo entrada en carnes. A muller explícanos bastante indignada que o da sinalización da volta por Cardeñuela é cousa dun fulano que ten un bar nesa aldea e así fai negocio cos peregrinos a quen a súa estrataxema induce a se desviar por alí. A dominicana dinos que ese individuo se dedica a borrar as flechas amarelas que indican o camiño correcto (nós virámolas, efectivamente, cubertas de pintura gris) e aínda que a dominicana manda ó seu fillo para repintalas, o fulano de Cardeñuela, que vive máis preto, axiña as volve borrar, co cal lle quita a ela clientela, á parte de lle facer dar ós peregrinos un rodeo que significa catro quilómetros máis de camiño.

A muller dinos que xa está cansa de todo eso. Leva dez anos aquí e ten outro bar en Burgos. Se volvemos pasar para o ano próximo xa non a veremos en Orbaneja, porque cerrará ou traspasará o negocio e dedicarase unicamente ó da capital. Edificantes historias do camiño.


Estamos xa para marchar cando entra o bilbaíno renqueante que tivera o bo acordo de nos seguir a nós e non á súa guía. Repito: non sei como pode andar co pé como o ten. Di que se vai tomar un pequeno descanso mentres nós volvemos botar as mochilas ó lombo camiño de Villafría, a tres quilómetros, onde se poden coller os autobuses urbanos de Burgos e seguir neles ata o centro da cidade. Pepe di que non se debe ir en autobús, a peregrinación a pé, éo a pé ou non o é. Benito retrúcalle que en tramos urbanos estalle permitido ó peregrino tomar autobuses para evitar o paso por arrabaldes feísimos e deprimentes.

O silencio da mañá empeza a ser invadido polo zoar continuo, primeiro case inaudible, a cada paso máis forte, dos coches non sei se pola autoestrada ou pola estrada N-I. Dámoslle alcance ó matrimonio de Biarritz que onte fixera fin de etapa en Atapuerca. Comentan que, tal como nós supuxemos, non puideron ver as escavacións, pero pensan volver, e no do autobús apoian a Benito: en tramos urbanos é desculpable. Ademais a muller vén con tendinite nunha perna e cómprelle un pouco de repouso.

En Villafría váisenos unindo máis xente de mochila ás costas na parada do bus. Vese que, se se pode, case todos prefiren tomarse un respiro de camiñar. Unha indíxena dinos que o autobús pasa cada media hora. Cando chega, xa somos unha morea os peregrinos á espera: a californiana, outro par de franceses, dous españois que non sitúo... Dos que chegan por alí no tempo da nosa espera só vemos a dous proseguir a pé. O resto colle o bus ata o centro, á parada ó lado da estatua onde o Cid Campeador a cabalo esgaza o vento que se vén enfrentar á súa espada.

En Burgos Inma e mais eu só paramos para unha rápida e case obrigada visita á catedral. Logo, para gañar algo de tempo con vistas á etapa de mañán, proseguiremos camiño ata Tardajos. Pepe e Benito quedan na cidade: teñen compromiso con Jaime, Luís, Fernando e as catalás para ir degustar o año burgalés. Os franceses de Biarritz van pasar polo albergue, a onde quedaron en lle mandar non sei que pertenza que deixaran esquecida nun albergue anterior, pero tamén pensan seguir camiño. A californiana queda para visitar algo máis detidamente a cidade.

(Etapa 13-2)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario