xoves, 6 de maio de 2021

XAN DE VILAR: a Casa da Memoria

    Por X. Pérez Mondelo

    Toda a casa de Xan é un museo e el mesmo a peza máis valiosa. Cada estancia garda un tesouro, mil obxectos que nos contemplan e nos falan. Todos os segredos e a memoria da serra ao noso alcance. Un museo aberto ao souto, á milenaria capela, ao castro e ao pasar do Lor aos seus pés, calado e claro, como unha serpe de luz polo fondal da montaña. Todo permanece e respira aínda, entre o andar ledo de Xan por entre todas as cousas, revividas pola súa palabra. Semella que cada obxecto coñecese a súa fala e sentisen os seus coidados, a seguranza de non seren olvidados. Os castiñeiros, as augas e as aguias, as culleres, as tixolas, todas as pezas da fragua, a fonte, os triscornios e a gaita, as vellas fotografías dos músicos da montaña, os anises e os arandos, as rodas e os caxatos... a coplas propias e os cantos comunais.
Por se un un día faltar e non haber máis ninguén para aguantar dos nomes, por os protexer e salvagardar do esquezo e a perda, foi Xan dándolle o nome acaído a cada cousa, pendurándoo cunha lazadiña en cada obxecto, para que eles mesmos non se extravíen na súa propia desmemoria e nos sigan falando, recordándonos a súa función, o seu sentido. Como un sinal de permanencia pois non é outra a ansia de Xan.

Todo o garda, ben abrigado, na súa Casa da Memoria, un museo só iluminado polas fisgoas das pedras e as buratas, aberto aos camiñantes, aos que unicamente lles pide que despois de conversaren con eles non esquezan apagar a feble claridade, pechar a porta e que descansen. Mañá aínda é outro día.

A casa de Xan de Vilar é unha luz na serra, a mellor aula, unha gran enciclopedia sobre a vida da montaña. 

 

 

2 comentarios:

  1. E ahora foise para sempre😔

    ResponderEliminar
  2. Deberíamos açudar a conservar ises verdadeiros tesouros que xa quedan poucos. Apertas

    ResponderEliminar