Por Pepe de Rocaforte.
A semana pasada pensara citar aquí algúns novelistas non alemáns que escribiron en lingua alemá, autores como Kafka, Max Frisch ou Robert Walser; pero non se me ocorrera pensar nos novelistas austríacos, todos eles, ou case todos, escritores co alemán como idioma propio, naturalmente, o cal incrementaba demasiado o labor que en principio me propuxera.
Abandonei entón a idea, pero como, por causa deso, mentres remexía na miña caótica biblioteca, batín cunha novela de Arthur Schnitzler, “A derradeira aventura de Casanova”, mercada cando andaba a me poñer un pouco ó día coa narrativa xermánica, pensei en facer un comentario sobre ela, para o cal non me estaría mal lela primeiro, porque a pesar de ser Schnitzler un autor por quen cheguei a sentir gran estima, aquela novela quedárame esquecida ata hoxe, tal vez porque o nome de Casanova non me resultaba atractivo ou algo así.
Por aquel tempo a miña ignorancia fixérame pensar que Casanova se trataba, non dunha persoa real, senón dun ente de ficción, de conduta repelente desde o meu punto de vista, coma Don Juan Tenorio. Tería que ver a película de Ettore Scola “A noite de Varennes”, onde Casanova e Restif de la Bretonne acompañan a Luís XVI e María Antonieta no seu intento de fuxir do París da Revolución, para empezar a me decatar de que aquel home existira realmente.
Da existencia de Restif de la Bretonne, a quen algún día me gustaría coller por banda, xa sabía por algúns fragmentos da súa autobiografía “Monsieur Nicolás”, lidos de neno nun volume da “Enciclopedia da vida sexual”, titulado “Fetichismo erótico”, de A. Martin de Lucenay. (Si, a miña iniciación en lecturas de tema sexual foi bastante precoz). En cambio non sabía practicamente nada do sedutor veneciano ata agora que lin o extenso prólogo informativo que sirve de pórtico á novela de Schnitzler, no cal se conta algunha parte da súa vida e milagres.
En fin, acabo de ler “A derradeira aventura de Casanova”, que me parece unha moi recomendable novela cuxo autor, médico, mantiña unha curiosa amizade con Freud, con quen mantivo correspondencia, aínda que o seu contacto persoal fose máis ben escaso a pesar de viviren ambos na mesma cidade.
Schnitzler foi dos primeiros autores en utilizar o monólogo interior como medio para afondar na psicoloxía das personaxes. Pero nesta novela, chamoume máis a atención a parte final da historia (que non vou referir, porque hai lectores ós que non lle gusta saber por anticipado como vai rematar o relato). Esta parte tróuxome á memoria outra novela, “A neve estaba sucia”, de Georges Simenon (A súa mellor novela segundo algunhas opinións; eu prefiro “Pedigree”, sen desprezar a serie do Comisario Maigret). En fin, nese determinado punto parecéronme tan similares as historias relatadas por Schnitzler e Simenon que axiña me veu á cabeza a sospeita dunha copia por parte dun dos autores.
De haber un plaxio queda fóra de toda dúbida quen puido aproveitar o texto de quen: a novela de Schnitzler publicouse en 1919 e a de Simenon en 1948, cando o autor austríaco levaba morto dezasete anos. De calquera xeito, á parte da coincidencia nun feito crucial da historia, entre a novela do belga e a do austríaco non hai máis puntos de contacto, desde o ambiente á ideoloxía e o comportamento das personaxes. Casanova é un home culto, enxeñoso, atractivo, sexualmente irresistible para moitas mulleres e con todos os atributos para se converter na personaxe favorita de calquera reunión mundana en que se atopase. Friedmaier, o protagonista de “A neve estaba sucia”, é un mozo que se move nuns ambientes moi afastados dos que viven as personaxes de Schnitzler, e que a min me fan pensar máis que nada no Raskólnikov de “Crime e castigo”.
En fin, dunhas noutras, acabo por recomendar dúas lecturas: "A derradeira aventura de Casanova” e “A neve estaba sucia”. ¿Ou direi tres, con “Crime e castigo”?. Se alguén se anima á lelas, gustaríame coñecer despois a súa opinión sobre elas. Moitas gracias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario