mércores, 5 de maio de 2021

ARROACES, BALEAS E UN CABALO


Por Pepe de Rocaforte

Un día deses de aí atrás daba eu a miña volta de costume polo dique de abrigo cando, alá case no extremo, vin un grupo de arroaces (chámolle arroaces porque ese é o nome ó que me afixen desde cativo, cando moi ben poderían ser golfiños, que non pertencen exactamente á mesma especie, segundo me conta quen sabe).

Estes que vin, ós que lle vou seguir chamando arroaces porque é un nome que me gusta, era un grupiño de cinco e, en vez de iren en ringleira, saíndo e entrando a brincos na auga como para unir cun fío invisible o ceu e o mar, igual que fai a costureira coa agulla cando lle bota un ganduxo á tea, daban a impresión de estar xogando á roda nunhas reviravoltas que aínda chamaron a miña atención un bo anaco de tempo. Logo ganei a volta e a cousa de setecentos ou oitocentos metros máis contra o comenzo do dique, preto da torre da capitanía marítima, vin outra parella de arroaces que viñan un detrás do outro co seu modo de avanzar máis tradicional.

Todo esto fíxome lembrar uns tempos, cando na praia de Santa Cristina aínda había un embarcadoiro onde atracaban as lanchas que facían o traxecto desde a dársena da Mariña, nun servicio turístico de verao amenizado pola música dun gaiteiro de pé na popa (non, neste caso non se trataba dun aleve negreiro vapor), moitas veces seguido por un ronsel de arroaces brincando detrás da embarcación, á que seguían, embelesados polas melódicas notas da música popular do país.

E nunha desas coincidencias que cada vez me parecen máis habituais, un amigo pásame unha reportaxe sobre “Caneliñas: a agonía da última baleeira de Galicia”, e ó lle falar eu de que as ocasións en que vira de máis preto unha balea foran precisamente alí, na ría de Cee, animoume a contar esa miña cativa experiencia para cumprir co trámite semanal de escribir algo co que lle dar a lata ás bondadosas persoas que me soportan.

En realidade a historia ten moi pouco que contar: chegas alí e ves a balea, arrastrada cara á rampla da factoría, un grupo de homes póñense enriba dela, armados duns instrumentos cortantes que agora, pasados tantos anos, paréceme lembrar como gadañas ou uns utensilios similares, e o que te golpea con máis forza é o cheiro apestoso que despiden as carnes do cetáceo á medida que as van despegando do corpo en longas e grosas tiras, un cheiro que te induce a te largar canto antes daquelas proximidades.

A primeira vez que fun ver unha balea a Caneliñas levárame Antonio Rios, químico na fábrica de carburos metálicos de Brens, compañeiro meu de pensión en Cee e o único posuidor dun coche de cantos alí parabamos. Antonio era un home moi divertido, o cal fai que me resulte máis incomprensible o seu triste final, e aquela tarde, como tantas outras, iamos no seu Gordini, no medio dunha néboa non demasiado espesa, e mentres nos aproximabamos a Gures fíxome rir co seu relato de como funcionaban as cousas cada vez que chegaba unha balea á factoría da parroquia da Ameixenda.

“O mellor xa o perdemos”, íame dicindo, “porque é cando o barco coa balea a remolque se achega a terra e as buguinas empezan a chamar ós homes que van traballar no despece. ¿Ti sabes o que é, nun día de néboa coma hoxe, ou mellor aínda máis cerrado, oír o son dos bucios monte arriba e ver os homes baixando de peneda en peneda, facendo resoar as pisadas dos zocos? É algo que te leva a épocas pasadas, medievais polo menos”.

Non sei se sería así, porque eso non o vin, e Antonio era moi amigo de argallar historias. Agora mesmo lembro outra dunha ocasión en que se empeñou en levarnos, a eso das doce dunha noite de chuvia, a outro compañeiro e a min, a unha taberna que el chamou “o cabaré de Dumbría”. O cabaré era unha mestura de tenda de comestibles e tasca pobre de aldea que, como é natural, a aquelas horas estaba pechada. Pero Antonio chamou á porta, fixo soar a buguina do coche e por fin apareceu o propietario a nos abrir.

Antonio debía ser cliente, e bo cliente, de máis veces, porque senón non sei a onde o mandaría o taberneiro. Fíxolle buscar por alí unha botella de viño espumoso, sacar uns chourizos, queixo e non sei que máis. Logo, “xa que non había espectáculo de coristas”, pediulle que trouxese o cabalo a dar un paseo polo local. E o tipo acabou traendo pola porta un cabalo máis durmido que o seu dono. facéndolle dar unha volta por diante do mostrador.

Pero estas son outras historias e agora non paga a pena poñerse con elas.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario