mércores, 19 de maio de 2021

REPASO DE LECTURAS

 

Por Pepe de Rocaforte

Lin por primeira vez algo de Heinrich Böll nos anos setenta do século pasado, pouco despois de lle ser concedido o premio Nobel de Literatura e precisamente por ese motivo. Os primeiros libros seus que merquei foron “Billar ás nove e media” e “Opinións dun pallaso”, cuxa lectura sería todo un gozoso descubrimento e serviría para me decatar de que a narrativa alemá era completamente descoñecida para min, excepción feita do “Werther” de Goethe e “A montaña máxica” de Thomas Mann.

A satisfacción que sentín coa lectura desas dúas novelas de Heinrich Böll fixo que me propuxese poñerlle remedio canto antes á miña ignorancia sobre a narrativa xermánica, para o cal empecei polos títulos que naquel tempo podía ter máis a man: as obras doutros dous premios Nobel alemáns: Thomas Mann e Hermann Hesse.

Hesse, que me fora especialmente recomendado por un amigo moi ó tanto das literaturas centroeuropeas, non me acabou de entusiasmar. Del gustoume, así e todo, “O lobo estepario”, pero non tanto como para me deixar encantado. E, por exemplo “Narciso e Golmundo”, para o cal o meu amigo non atopaba suficientes palabras de encomio, a min aburriume un pouco, a excepción do parágrafo inicial, que empezaba así: Diante da porta de entrada do convento de Mariabronn (...) erguíase, na beira mesma do camiño, un castiñeiro, solitario fillo do mediodía que un romeiro trouxera noutro tempo, árbore gallarda de robusto tronco (...) Exótica e tenra, a fermosa árbore arrandeaba diante da porta do convento a súa copa, hóspede delicada e friorenta chegada de outras rexións, (...) amada dos italianos e outras xentes latinas, e pasmo, por estranxeira, dos naturais do país. Eu consideraba os castiñeiros como pertencentes a unha especie propia do noso clima atlántico e outras terras similares á nosa segundo se sube no mapa, e tivo que vir Hermann Hesse a me facer saber que, contra o que opinásemos eu e, sobre todo, don Vicente Risco, tratábase  dunha árbore mediterránea.

En canto a “Siddharta” e as súas demais historias de ambiente oriental (acórdome de que por aqueles anos de florecemento da cultura hippy tamén os gustos lectores de moitos mozos se decantaban aquí pola obra do norteamericano-libanés Jalil Yibran), nunca me entusiasmaron demasiado.

Vista de Lübeck

Non me sucedeu o mesmo con Thomas Mann, de quen, á parte de “A montaña máxica”. apreciei particularmente “A morte en Venecia” e, sobre todo, “Os Buddenbrook”, ambientada na cidade natal do autor e escrita cando contaba só vinte e cinco anos. Nela refería Mann a historia das dúas últimas xeracións da súa familia, na cidade de Lübeck, a histórica capital medieval da Liga Hanseática, localidade chea de encanto e historia, que tamén conta o seu.

Chegado a este punto decátome de que nin sequera fixen unha alusión á idea inicial coa que empecei a escribir hoxe, que era a de citar algúns autores non alemáns, que escribiron nese idioma a súa obra; pero como hai máis do que imaxinaba, xa me parece un pouco tarde para volver ó principio, de xeito que se vostede ten a paciencia de me seguir lendo, poderao ver para a semana próxima.

Eso si, antes de rematar estas liñas de hoxe, non quero irme sen citar a outro narrador que non debería citar por separado dos tres anteriores refírome a Heinrich Mann, irmán de Thomas e autor, entre outras varias, da novela “O Profesor Unrat”, tal vez máis coñecida polo título da súa versión cinematográfica, “O anxo azul”, absolutamente recomendables, tanto a novela como a película, na que Marlene Dietrich interpreta unha personaxe inesquecible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario