sábado, 23 de outubro de 2021

A poética do ceo


Certo que os astros sempre operaron unha especie de encanto sobre nós. Mirar o ceo unha noite estrelada é fascinante, haxa ou non lúa. Non fai falta ser entendido en astronomía para desfrutar da súa visión, uns de maneira máis poética e outros máis prosaica con telescopio incluído.

Os que somos de porto de mar (e non se me enfade Afonso) aprendemos desde nenos a distinguir a Polar, esa estrela que permanece inmóbil durante toda a noite e todo o ano, mentres as demais xiran ó seu redor, por iso adaptamos a consigna e consello de non perder o norte con referencia a ela, tamén considerada cun nome tan significativo como a estrela da guía. E é que a noite, a pesar da súa escuridade, déixase invadir por esas tenues luciñas alí onde non hai outros puntos de referencia para indicarnos cara a onde imos. Estrelas e astros que nos axudan a non perder a rota, como se no ceo se estampase un mapa de referencias, tanto para mariños como para as caravanas do deserto ou simples camiñantes, xa sexan peregrinos cara a Santiago a través da Vía Láctea, os Magos de Oriente seguindo unha estrela para ver a quen o evanxelista Xoán chamará a luz do mundo ou os segadores camiño de Castela cara ó luceiro da alba, ó que tamén chamaban a estrela panadeira.

O ceo nocturno encandea e pretende copiarse con esas lámpadas que adornan as noites de festa. Astros que semellan buraquiños na negra bóveda celeste e serviron de inspiración a poetas de todos os tempos. A luz da lúa ou o tremelucir das estrelas foron metáforas repetidas ó largo da historia. Desde Safo de Lesbos ata os máis modernos poetas compararon a cor da cara, os ollos ou o pelo coa lúa, as estrelas ou os raios do sol. As mesmas ladaíñas dedicadas á Virxe con frases que antes se usaron para venerar á fermosa Venus, como o de estrela matutina son un exemplo de como os astros esgotan todos os piropos.

O firmamento, tan poético para uns e tan hermético para outros, entre a poesía e a matemática, creou ós augures que, tratando de descubrir nel as leis secretas polas que se rexe a vida de cada quen, inventaron os horóscopos, esa gran mentira que prevalece nos nosos días. Mentira, sobre todo, porque o universo estase expandindo e a posición de cada constelación xa non é a que había en tempos antigos. Quen hoxe queira dicir en que signo naceu ha de ter en conta que, astronomicamente, Pisces, a día de hoxe, abrangue desde o 15 de febreiro ó cinco de marzo ou que Leo vai do 17 de agosto ó 18 de setembro. Pero segue sendo máis poético seguir as normas que nos deixaron os babilonios varios séculos antes de Cristo para advertirnos de supostos acontecementos.

No poético ceo tamén se estampan, grazas á imaxinación os principais personaxes dos mitos de cada país, deixando que vexamos a tráxica historia do escorpión mordéndolle ó pé a Orión, o cazador ou á fermosa Calisto convertida en osa fronte ó fillo que, sen recoñecela, lle dará morte cando ela só quería abrazalo. Aí están os mitos da nosa tradición greco-latina, pero tamén os dos aztecas en México, os dos inuits en Alaska ou dos aboríxenes en Australia.

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario