martes, 26 de outubro de 2021

VOLCÁNS, TOMATES E FÚTBOL

Por Pepe de Rocaforte

 

Casa de Colón, no barrio de Vegueta
Levamos xa tempo con tanta información subministrada por televisión, prensa, radio e demais medios operantes en Internet, que o asunto leva ó persoal a se sentir saturado polo tema das erupcións volcánicas en Canarias. Así as cousas, non parece moi intelixente que un se poña a incrementar a nómina de informadores, cando ademais o que vou contar nin noticias son, senón lembranzas que posiblemente a ninguén lle interesen, agás a quen as conta.

Así e todo, unha reportaxe publicada hai uns días no xornal “El País” sobre a Caldeira de Bandama, chamada con tal nome polo do primeiro propietario coñecido dese cráter volcánico, Daniel Van Damme, inmigrante natural de Amberes, chegado ás Canarias a finais do século XVI, tróuxome á memoria esa terra que levo no corazón.

A primeira das cousas que non sabía e souben gracias á reportaxe de El País foi que, contra o que eu pensaba, a Caldeira pertence ó concello de Santa Bríxida, cando a min me parecía ser de Telde, tal vez debido a que Santa Bríxida só é unha pequena cuña rectangular de escasa importancia entre Las Palmas e Telde. Souben tamén por El País que o home que reinaba naquel pequeno paraíso se chama Agustinito. Eu non lle sabía o nome, pero cando  baixaba á Caldeira parábame a falar con el e cun amigo seu que sempre o acompañaba, os dous sentados a falar das súas cousas, á sombra dunha cabana onde gardaban ferramentas e non sei que máis, a carón das hortiñas cultivadas cun amor que se deixaba ver no coidado con que eran tratadas.

A min sorprendíame que uns homes de tanta idade como representaban (na reportaxe de El País vexo que daquela debían andar polos setenta e tantos anos) puidesen baixar e subir diariamente ó fondo da Caldeira, cousa dun quilómetro e medio por un estreito carroucho en reviravoltas, cun firme de picón escorregadizo e un desnivel de douscentos metros desde o bordo superior do cráter.

Fonte do Espíritu Santo, na Vegueta

A eles estrañáballe que na nosa terra tamén se desen os tomates, e as patacas, e as ervellas. ¡E as laranxas! Dunha vez deume unha bolsa de tomates para que os comparase cos de aquí, a ver cales eran máis ricos. Decididamente confeso que aqueles tomates sabían mellor que os nosos e así llo dixen cando volvín onda el. O home botouse a rir cuns arrandeos de cabeza que viñan significar “xa o sabía eu”. Dunha visita para outra esquecíase de que nós, a miña muller e mais eu, xa estiveramos alí con el e xustificábase dicindo que baixaba tanta xente, tanta xente, que non se podía acordar de todos.

Outra cousa que estes recordos me traen á memoria é a do ano en que se presentou a candidatura da Torre de Hércules coruñesa a ser incluída entre os monumentos patrimonio da Humanidade. Naquela ocasión outra candidatura que se presentaba era a dos barrios de Vegueta e Triana, da cidade de Las Palmas. Un canario, grande persoa e bo amigo meu, seareiro incondicional do Real Madrid (non podemos ser enteiramente perfectos), dicíame que co do “centenariazo” xa tiveramos abondo, así que agora Vegueta e Triana serían as elixidas e a Torre de Hércules quedaría para outra ocasión.

Praza de santa Ana

Non foi así e sentino, porque cando o Dépor derrotou ó Madrid na final de Copa con que os merengues pensaban celebrar o seu centenario, Antonio Santana, este meu amigo, convidoume a ir pola tarde á súa casa para ver o partido na tele. Como sabía que me ía vacilar refuguei a invitación coa mentira de que ía ir coa miña muller e unha das fillas a Las Palmas, a facer unhas compras. Mais rematado o primeiro tempo do partido e co Dépor ganando en xogo e en goles, baixei rápido ó supermercado, merquei unha botella de albariño e fun chamar ó timbre da casa de Antonio. “Finalmente non fun a Las Palmas”, díxenlle. “Así que agora véñote convidar a tomar un viño mentres vemos o segundo tempo do partido”. Foi unha mala acción pola miña parte, e doeume aínda máis porque Antonio tomouno coa súa extraordinaria deportividade de sempre.

E para cerrar por hoxe estas lembranzas canarias, xa que falei de Triana e Vegueta, finalizarei coa reprodución de “Campanas de Vegueta”, de Totoyo Millares,  un virtuoso do timple, irmán do pintor Manolo Millares. A composición foi inspirada por uns versos de outro irmán, o poeta José María. Toda unha familia de artistas.

01 - totoyo millares - campanas de vegueta(2) 1.mp3

 


1 comentario:

  1. Como non lle puxen pé as fotos, vou tratar de remedialo aquí. A primeira é a fachada da chamada Casa de Colón, no barrio de Vegueta, en Las Palmas.
    A segunda é a Fonte do Espírito Santo, tamén en Vegueta. Sobre a súa cúpula de pedra dixéronme que foi construída para evitar que cando chove se molle a auga da fonte.
    A terceira foto vense, non moi claras, as cruces floreadas postas na praza de Santa Ana, xunto á catedral, o día da Cruz de Maio.

    ResponderEliminar