martes, 12 de outubro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (e 29)

 


DE ARCA A COMPOSTELA

Por Pepe de Rocaforte




Dia 14 de xuño – Pola mañá emprendemos a marcha por uns camiños rodeados de arboredo, ata certo punto sorprendentes pola súa paz e a súa fermosura nesta Galicia empeñada en auto-destruírse. Chámanos a atención unha moza loira e fibrosa, de gafiñas, cargada cunha sorprendente mochila e cun coitelo de monte á cintura, que nos fai lembrar outra (¿ou tal vez é a mesma?) con quen xa cadraramos en San Juan de Ortega, tamén musculosa e robusta, tamén loira, tamén cun coitelo á cintura. Saberemos logo o seu nome, Ute, a quen pola súa fortaleza parece non lle sentar ben que lle adiantemos cando vai nun instante de relaxación, de conversa con outros dous nórdicos (ela é danesa, tamén o saberemos despois), un deles novo aínda, o outro máis vello, que viñan a toda marcha ata dar con ela.

Digo que non parece sentarlle ben o adiantamento porque chegados a unha pronunciada costa arriba empeza a meter caña e pásanos coma unha exhalación, se ben un par de quilómetros máis adiante volverémola alcanzar –a súa marcha anterior non era para soster moito tempo por moi forte que un sexa, sobre todo coa enorme mochila que ela carga ás costas–. Preto xa do aeroporto de Lavacolla Ute e os seus dous compañeiros paran a botar unha mexada entre os toxos e deixámolos de novo atrás.

O ceu empézase a encapotar e o camiño faise máis feo. Pasamos pola beira da cabeceira do aeroporto e baixamos a Lavacolla, onde nos compre gañar unha volta un pouco estraña para nos afastar da estrada e iniciar unha forte subida cara a Vilamaior. O día resolveuse nunha chuvia fina e unha brétema tristeira que nos envolve e fai máis gris o camiño.

Pasamos pola desolada proximidade das instalacións da TVG primeiro e da TVE despois, unha exhibición de ultra-feísmo sen atenuantes, para chegarmos ó Monte do Gozo, que hoxe deberíase chamar máis ben Monte da Tristeza e da Desolación polo panorama deprimente desde alí ofrecido ós nosos pés. E neste día e a estas horas aínda menos mal, medio velado pola néboa, porque coa paisaxe despexada xa non sei que cualificativos se lle deberían adxudicar a esta panorámica.

Na baixada cara á autoestrada pásannos diante os dous tipos que viñeran acompañando á loira Ute, a muller forte. Van escopetados, ó trote lixeiro, porque a marcha rápida xa lle debe parecer lenta para a súa impaciencia. Ó chegarmos ó barrio de San Lázaro paramos a tomar o café matinal. Non para de orballar. Compostela recíbenos coa súa vestimenta máis tradicional. 

Na Porta do Camiño volvémonos atopar con Ute, a forte, que nos debeu adiantar mentres tomabamos café. Acompáñanos para chegar á catedral sen que nos poidamos entender case para nada. O único medio de comunicación entre nós é a linguaxe dos signos, un tanto restrinxida. Na Praza da Quintana, onde tratamos de lle explicar que a fachada máis “vistosa” da catedral é a do Obradoiro, ela empeza a remexer entre o impermeable e cando pensamos que vai sacar un plano para pedir explicacións sobre el, aparécelle na man unha máquina de fotos: quere que a retratemos co fondo pétreo da Porta Santa. Nesto aparecen o par de trotadores que viramos baixar flechados alá atrás e xa se entende mellor con eles.

Na oficina de atención ó peregrino atopámonos con Elio e Imanol con quen, antes de nos despedir quen sabe se para sempre, imos facer unha foto na Praza do Obradoiro. Non para de orballar, Imanol continúa preocupado polo billete de avión e Elio entusiasmado co orballo. Na misa do peregrino afastarémonos definitivamente deles, non sen antes intercambiarmos enderezos, números de teléfono e promesas de lembranza duradeira que con Elio aínda se han prolongar por un tempo.

En Santiago pasaremos un día máis para á mañá seguinte esperar a chegada doutros compañeiros rezagados e así verémonos con algúns franceses dos menos antipáticos, entre eles o finiño de pantalón branco, para quen aínda non rematou a peregrinación, pois pensa seguir tres etapas máis, ata Fisterra. Tamén nos reencontramos con Carlos e Juan, os sevillanos, empeñados en irmos xantar xuntos, con Jesús, un rapaz de Burgos que vén un pouco amolado porque no penúltimo albergue mangáronlle o móbil e o cargador mentres tiña a recargar a batería; co alemán simpático e deportista que subira polo tramo máis duro entre Vilafranca e o Cebreiro, e con outro paisano seu que só falaba alemán e a quen non me decataba de ter visto antes no camiño.

En fin, todos xuntos imos facer fotos no Obradoiro. Logo levamos a Juan e Carlos no coche que se encargou de nos traer a miña filla maior, que vive en Santiago, para que collan sitio no albergue do Monte do Gozo esta noite. Alí encontrámonos con Benito e Pepe, que pasarán aquí un día de reposición de forzas para mañán lle dar o debido remate á peregrinación.

Baixamos de novo á cidade para xantar nun restaurante do cal seica Juan quedara moi satisfeito cando a súa peregrinación anterior. Durante a comida, con Jesús o burgalés e os alemáns que fan alardes de humor (o deportista, porque o outro permanece case mudo todo o tempo), practicamos o ritual do intercambio de enderezos, a ver se nos volvemos ver pronto. O alemán deportista cóntanos que viviu dous anos en España e por eso fala o castelán con tanta soltura. Ten dúas fillas que, segundo as súas esperanzas, axiña o farán avó para regresar ó camiño cos netos. E... remate da historia. Acabou o xantar e finalizou a peregrinación. ¿Quen sabe? Ó mellor outro ano volvémonos ver por aí, no camiño ou onde lle cadre. O importante é andar.

.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.





Ningún comentario:

Publicar un comentario