luns, 4 de outubro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (28)

 


DE MELIDE A ARCA

Por Pepe de Rocaforte

 


Dia 13 de xuño – Onte pola tarde, no albergue melidense, fixemos un novo compañeiro, un ourensán que vive na Coruña. Empezou o camiño en Sarria e está feito po, non pode co cu. Chámase Juan Carlos Cuns e é maquinista da Renfe. Imanol, o bilbaíno, estívolle pinchando as bochas dos pés e pasándolle un fío por cada unha delas, a ver se lle secaban para hoxe volver andar. Nós, feitos xa todos uns veteranos, animámolo: “Tranquilo, home, eso non é nada. Se vises as bochas que se nos teñen formado a nós, e a pesar de todo aquí estamos...”

E parece que despois da noite de descanso os pés deixáronlle de doer, porque esta mañá, cando nós subiamos de vagar, sen malgastar forzas, unha costiña logo de cruzar o río Boente, pasou por onda nós a moi boa marcha, acompañado de Imanol. Así e todo, ó chegarmos a Ribadiso, antes do río, volveriámolo ver sentado ó lado do camiño, tomando un descanso que boa falla lle debía facer, porque ata alí fora cunha fogaxe un tanto excesiva á vista do que nos contara a tarde anterior.

Máis ou menos á hora de todas as mañás paramos a nos restaurar co consabido café con leite, madalenas e similares en Arzúa, e mentres neste labor estabamos a ollar a rúa descansadamente a través da vidreira do café vimos pasar primeiro a Imanol, que tamén debera parar a tomar o seu refrixerio nalgún sitio por alí atrás, e un pouco máis tarde a Elio, a quen no xeito de andar xa se lle nota que continúa amolado pola tendinite. Non vimos pasar a Juan, o maquinista, pero supoñemos que tamén o faría, tal vez no momento de irmos nós os servizos.

Xa empezando a respirar no aire o remate da peregrinación, deixamos atrás Arzúa para dar remate á xornada, penúltima do percorrido, en Arca, desde onde esperamos que mañán todo sexa coser e cantar ata o Obradoiro.

En Arca vai unha calor que convida a non facer nada. Sentados á sombra na entrada do albergue deixamos pasar o tempo de conversa con outros camiñantes. Chámanos a atención un mozo, con pernas e brazos literalmente cubertos de tatuaxes, que se dedica a preparar un caxato dunha vara á que lle saca a casca cun coitelo de monte. A el tamén lle chama a atención en min a camiseta que levo hoxe, a famosa do Uruguay, polo debuxo de Barradas, de quen nos conta algunhas informacións que non esperabamos polo seu aspecto. O mozo é catalán, de Manresa, e explícanos que Barradas residiu nesa cidade, onde –segundo as súas palabras– a falla de artistas de máis talla, os manresáns desvivíronse co uruguaio de quen disque chegaron montar unha exposición e organizar unha serie de actos en lembranza súa, nos cales tivo el algo que ver por se atopar daquela traballando alí de bibliotecario.

En toda a tarde o único que facemos é permanecer á sombra, Elio a se repoñer da súa tendinite aplicándolle xeo ás pernas. Juan a repasar as bochas dos pés, cada vez máis pesimista respecto ás súas posibilidades de rematar a viaxe a pesar do preto que está xa de Compostela. Agora ás bochas agregóuselle tamén unha tendinite que o obrigou a facer os últimos quilómetros da etapa a paso de tartaruga, contra o entusiasmo con que saíra a primeira hora da mañá de Melide. Chegou aquí varias horas máis tarde ca nós, cando pensabamos que o levabamos por diante. Imanol parece o máis enteiro, aínda que está preocupado polas folgas dos pilotos de Iberia, con medo de non poder regresar a Bilbao na data prevista por el.

Cadramos aquí tamén cun grupo de portugueses, os primeiros que atopamos no camiño, alborotadores e un tanto rebotados, en especial as mozas, que deben pertencer a esa caste que non pode pasar por menos de se mostrar altiva e distante cos españois, non sei se como reflexo ou como defensa.

Pola noite tardamos en durmir. A medida que nos achegamos a Compostela o relaxamento nos albergues aumenta e a xente, sen que ninguén lle recomende silencio, tarda en deixar de armar barullo á hora de se ir ó catre. Hoxe gustaríame ter aquí algún deses franceses que se deitan coas galiñas a ver se saltaban chispas diante da boria armada polos portugueses.

Está visto que a todos lle atopo a súa amoladela.

 

(Etapa29)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario